Marguerite Yourcenar
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Marguerite Cleenewerck de Crayencour coñecida como Marguerite Yourcenar (Bruxelas, (Bélxica); 8 de xuño de 1903 - Mount Desert Island, (Estados Unidos); 17 de decembro de 1987) poeta, novelista, autora de teatro e tradutora francesa.
Índice |
[editar] Biografía
[editar] Primeiros anos
Marguerite Yourcenar naceu en Bruxelas (Bélxica) e foi educada polo seu pai. Súa nai morreu aos 10 días do seu nacemento por complicacións no parto. Yourcenar lía a Racine e Aristófanes á idade de oito anos. Seu pai ensinoulle latín aos 10 e grego clásico aos 12.
[editar] Carreira literaria
A partir de 1919, abandona o seu nome de pía e empeza a firmar como Marguerite Yourcenar (Yourcenar é un anagrama do seu apelido). A súa primeira novela Alexis foi publicada en 1929. A súa mellor amiga nese momento, unha tradutora chamada Grace Frick, invítaa a Estados Unidos, onde dará clases de Literatura comparada na cidade de Nova York. Yourcenar e Frick faranse amantes en 1937 e seguirían xuntas ata a morte de Frick en 1979 a consecuencia dun cáncer de mama.
Traduciu ao francés As ondas de Virginia Woolf, en 1937, O que Maisie sabía, de Henry James, en 1947 e a Yukio Mishima.
En 1951 publica en Francia, a novela Memorias de Hadrián (en francés Mémoires d'Hadrien), na que estivo traballando durante unha década. A novela tivo un éxito inmediato e unha grande acollida por parte da crítica.
En Memorias de Hadrián, Yourcenar recrea a vida e morte dunha das figuras máis importantes do mundo antigo, o emperador romano Hadrián. A obra está escrita a modo de longa carta do emperador a Marco Aurelio, ao seu sucesor e fillo adoptivo. Hadrián explica o seu pasado, describindo os seus trunfos, o seu amor por Antínoo e a súa filosofía. Memorias de Hadrián foi unha novela pioneira, que tivo moita influencia na novelística histórica posterior, convertíndose nunha obra mestra moderna.
Foi a primeira muller elixida membro da Academia francesa en 1980, aínda que dende 1970 xa pertencía á Academia belga. Unha das máis respectadas escritoras en lingua francesa, tras o éxito de Memorias de Hadrián, seguiu publicando novela, ensaio, poesía e tres volumes de memorias.
Yourcernar viviu a maior parte da súa vida na súa casa Petite Plaisance en Mount Desert Island no estado de Maine. A casa é agora un museo dedicado á súa memoria.
[editar] Bibliografía
- O xardín das quimeras (Le jardin des chimères) (1921) poemas
- Os deuses non están mortos (Les dieux ne sont pas morts) (1922) poemas
- Alexis ou o tratado do inútil combate (Alexis ou le traité du vain combat) (1929) novela
- A nova Eurídice (La nouvelle Eurydice) (1931)
- O denario do soño (1934) novela
- Lumes (Feux) (1936) poema en prosa
- Os soños e as sortes (Les songes et les sorts) (1938)
- Contos orientais (Nouvelles orientales) (1938)
- O tiro de graza (Le coup de grâce) (1939)
- Memorias de Hadrián (Mémoires d'Hadrien) (1951) novela, traducida ao galego.
- Electra ou a caída das máscaras (Électre ou La chute des masques) (1954)
- As caridades de Alcipo (Les charités d'Alcippe) (1956)
- A beneficio de inventario (1962) (ensaios)
- Opus Nigrum (L'Œuvre au noir), Prix Femina (1968)
- Recordatorios (1973) (primeira parte da triloxía familiar O labirinto do mundo)
- Recordos piadosos (Souvenirs pieux) (1974)
- Arquivos do norte (Archives du Nord) (1977) (segunda parte da triloxía familiar O labirinto do mundo)
- O cerebro negro da Piranèse (Le cerveau noir de Piranèse) (ensaio) (1979)
- Mishima ou a visión do baleiro (Mishima ou la vision du vide) (1980) (ensaio)
- Un home escuro (Un homme obscur) (1981)
- Ana, Soror (1981), traducida ao galego.
- Como a auga que flúe (1982)
- O tempo, gran escultor (Le temps, ce grand sculpteur) (1983) (ensaios)
- ¿Que? A eternidade (Quoi? L'Éternité) (1988) (terceira parte da triloxía familiar O labirinto do mundo publicada postumamente; inacabada)
- Peregrina e estranxeira (1989) (recompilación póstuma de ensaios)