Pāṇini - पाणिनि
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pāṇini (en devanāgarī पाणिनि) é un gramático da India antiga (probablemente do século V a.C., célebre por ter formulado os 3 959 sūtras ou regras da morfoloxía do sánscrito coñecidas polo nome de Aṣṭādhyāyī, tamén chamadas Pāṇinīya, e que fican aínda hoxe como a obra máis coñecida sobre a gramática desta lingua. É considerado como o fundador da literatura e da lingua sánscrita.
A gramática de Pāṇini é fortemente sistemática e técnica. Os conceptos de fonema, de morfema e de raíz, inherentes á súa concepción analítica non serán tidos en consideración polos lingüistas occidentais ata dous milenios despois. As regras definidas por Pāṇini teñen a reputación de seren perfectas, é dicir que describen perfectamente a morfoloxía do sánscrito, e son consideradas tan claras que os informáticos as utilizaron para aprenderlles aos ordenadores a comprensión do sánscrito. Pāṇini emprega metaregras, transformacións e a recursividade, así como un sistema elaborado de abreviaturas. A forma de Backus-Naur, ou gramática BNF, utilizada para describir as linguaxes de programación modernas ten similitudes importantes coas regras da gramática de Pāṇini que pode ser tamén considerado como un dos pais da informática.
Non se coñece nada consistente a propósito da súa vida, nin sequera o século no que viviu (con certeza despois do século VII a.C. e antes do século III a.C.). Segundo a tradición india, Pāṇini nacería en Shâlâtula, preto do Indo, hoxe no territorio de Pakistán, e viviría do 520 ao 460 a.C., durante o periodo védico tardío. Pāṇini instituiu algunhas regras especiais, chamadas chandasi («nos himnos») para dar conta das formas das escrituras védicas caídas en desuso na lingua falada do seu tempo, indicando que o sánscrito védico era xa un dialecto arcaico, pero aínda comprensíbel.
O concepto de dharma está testemuñado na súa frase de exemplo (4.4.41) dharmam carati, « el respecta a lei ». Un indicio importante para a datación de Pāṇini é a ocurrencia do yavan-, « xonio, grego » en 4.1.49, onde a formación da palabra yavanānī (« muller grega » ou « escritura grega ») é discutida. Non se sabe se o traballo orixinal de Pāṇini era en forma escrita, algúns pretenden que un traballo de tal complexidade sería imposíbel de compilar sen notas escritas. Outros enxergan a posibilidade de que Pāṇini puidese telo composto coa axuda dun grupo de estudantes cuxos traballos lle serviron de bloc de notas. Sen embargo, como a escritura aparece na India baixo a súa forma brahmi no século V a.C., é posíbel que Pāṇini coñecese e utilizase un sistema de escritura.