Pintura rupestre
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As pinturas rupestres son unha modalidade de arte rupestre realizada polos homes de diversas épocas en tódolos continentes. Estas pinturas permiten acreditar que o home, dende tempos prehistóricos organizou un sistema de representación artístico, que se concretou nas paredes das cavernas en que habitaba, a ceo aberto e sobre diferentes obxectos: cantos rodados (grafos), escultura, cerámicas decoradas e obxectos ornamentais.
Nas pinturas sobre as paredes das cavernas, pintura rupestre, cabe distinguir varias tendencias ou escolas. Unha delas é a tradicionalmente chamada francocantábrica que se desenvolve en Europa, especialmente en territorio francés e ó Norte da Península Ibérica, ata puntos moi occidentais de Asia.
O seu estilo é moi variado, represéntanse dende contornos e impresións de mans a figuras de animais, primeiro en formas sinxelas, siluetas en negro de cabalos, bisontes, cervos e outras especies propias da fauna do contorno (mamuts, xabarís, rinocerontes, elefantes, etc.), ás veces tamén gravados na rocha.
Despois, o sentido artístico vaise perfeccionando e as figuras non só se perfilan, senón que tamén se decoran no seu interior cun profundo sentido naturalista (variedade cromática, sentido do volume, movemento). As figuras, inda que se xustapoñen sobre a parede, non forman escenas, e case nunca aparece a figura humana; en cambio, é moi frecuente a aparición de signos e símbolos, que se relacionan co carácter máxico-relixioso que se lles atribúe a estas manifestacións artísticas primitivas, como rituais realizados para propiciar a caza.
O home primitivo, sempre tivo fortemente arraigado na súa vida un omnipotente sentido máxico, co que pretendeu dominar as forzas naturais adversas, ou potenciar as favorables. A maxia é a forma que tiña o home de enfrontarse a esas forzas naturais e poñelas ó seu servizo. Os homes primitivos crían, que posuíndo o símbolo ou a representación das cousas, se posuía a mesma cousa.
A pintura rupestre debe entenderse como un rito máxico-relixioso que busca favorecer a captura dos animais, imprescindibles para a alimentación e a subsistencia, como individuos illados e como especie.
As obras mestras da pintura no Paleolítico encóntranse en España na Cova de Altamira e en Francia nas covas de Lascaux e Trois Frères. Nunha data moi posterior, máis relacionadas coas transformacións climáticas xurdidas no Mesolítico, aparecen no sur de Europa novas culturas que dan lugar a novas tendencias pictóricas.
As pinturas rupestres nas paredes das cavernas, nas cales se representan seres humanos e animais, poden ser encontradas en tódolos continentes da Terra. Parece que tódolos grupos humanos ó pasar pola fase de cazadores recolectores iniciaron este tipo de traballo plástico (duradeiro) no cal expresan a especial relación que tiñan coas criaturas do seu contorno e coas súas deidades. Os motivos e materiais das distintas pinturas rupestres do mundo teñen un parecido entre si, a pesar de teren sido realizadas a miles de quilómetros de distancia e a miles de anos de diferenza.
- José Mariano Rothea, misioneiro en San Ignacio de 1759 a 1768, coñecía algunhas das grandes pinturas rupestres da Baixa California. Este é o dato máis antigo que se posúe sobre o coñecemento destas pinturas.
- En 1879 Marcelino Sanz de Sautuola, descubriu as pinturas da cova de Altamira, en Santillana del Mar, Cantabria.
- En 1907, Juan Cabré descubriu unhas pinturas de cervos na Rocha dos Mouros de Calapatá, Teruel, dun estilo diferente das pinturas de Altamira.