T.S. Eliot
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Thomas Stearns Eliot (26 de setembro, 1888 – 4 de xaneiro, 1965) foi un poeta, dramaturgo e crítico literario norteamericano. As súas obras considéranse parte do canon literario do século XX. Premio Nobel de Literatura 1948.
Naceu en St. Louis, Missouri, Estados Unidos. O seu pai, Henry Ware Eliot, dedicábase ós negocios e á banca. A súa nai, Charlotte Champe Stearns, tiña afeccións literarias, chegando a publicar algún libro.
Estudou na Smith Academy de St. Louis desde 1898 ata 1905. Pronto destacou en tódalas materias, desde o latín á física. En 1906 ingresou na Universidade de Harvard, onde estudou grego, literatura inglesa, alemán, historia medieval e historia da arte.
Publicou poesía na revista da universidade. Interesouse polos poetas simbolistas franceses (Rimbaud, Verlaine, Tristan Corbière, Jules Laforgue, etc.). Baixo este influxo, marchou a París en 1909, onde asistiu ás clases de Henri Bergson e Alain Fournier. Estudou tamén en profundidade a Dante e a John Donne, poeta metafísico inglés. Viaxou a Múnic e Italia. En 1911 volveu a Harvard e doutorouse en filosofía cunha tese sobre F. H. Bradley e o seu "coñecemento e experiencia". Tamén lle interesou a filosofía e a filoloxía hinduísta e o budismo.
En Harvard foi profesor axudante de filosofía. Coñeceu a Bertrand Russell, que acudiu como visitante a esa universidade, e este xúlgao o seu mellor alumno. Marchou cunha bolsa de estudos á Universidade de Marburg (Alemaña), pero, ante o inicio da guerra, fuxiu do país, trasladándose a Londres, onde coñeceu a Ezra Pound, que o introduciu no ambiente literario inglés. Neses anos coñece tamén a Virginia Woolf e o seu home, e ao novelista James Joyce, ao que admira. En 1927 adoptou a nacionalidade británica e converteuse ao anglicanismo.