Asclepio
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Na mitoloxía grega, Asclepio (en grego Ασκληπιός = Asklepios, en latín Aesculapius, de onde un outro nome alternativo Esculapio) era o deus da medicina. Era tido por fillo de Apolo e de Coronis (filla de Flexias, rei dos lapitas). Asclepio representa o aspecto curativo das artes médicas, mentres as súas fillas Aceso, Iaso, Hixia, Aglaea e Panacea (literalmente "curalotodo") simbolizan o poder da limpeza, da menciña e da saúde.
Podía aparecer representado como unha simple serpe ou cobra; porén a representación máis frecuente era a dun home barbado, cuberto cun manto que deixaba un ombro ao aire, portando na man esquerda un caxato, arredor do cal se enrosca unha serpe, figuración que por veces é confundida con o caduceo de Hermes. En ocasións figura aos seus pés un galo, símbolo da vixilancia.
Asclepio aprendeu a ciencia da curación sob guía do centauro Quirón, que lle ensinou todos os secretos das plantas. Como médico acompañou aos argonautas na busca do velociño de ouro. Mais Asclepio superaría ao seu mestre, pois non só sandaba, senón que mesmo comezou a resucitar os mortais. Tamaña ousadía trouxolle a animadversión do deus do ultramundo, Hades. En castigo, un lóstrego lanzado por Zeus acabou con a súa vida. A súa tumba colócase en Epidauro, sobre a que se ergue un templo.
[editar] Culto
Despois da súa morte recibíu culto. O máis famoso dos seus santuarios foi o de Epidauro, no Norleste do Peloponeso. Outros santuarios de sona foron o da illa de Cos, onde parece que Hipócrates, fundador da medicina racional, comezou a súa carreira; o de Trikala e o de Pérgamo, en Asia Menor, lugares onde se chegou a organizar un sacerdocio especializado, ausente na maior parte do mundo helénico. Para Elio Arístide (Discursos sagrados), Asclepio é o máis grande dos deuses e o máis querido dos mortais. A doutrina hermética transformao nun deus conservador do Universo.
En honra de Asclepio usábanse serpes non ritos de curación. Cobras non venenosas deixábanse en cestas no chan dos cuartos onde doentes e feridos dormían. A comezos do 300 a.C., o culto de Asclepio foi popularísimo. Os seus templos eran denominados asclepieion e os peregrinos acudían a eles para ser curados. Dormían toda a noite e contaban os seus soños a un sacerdote no día seguinte (incubatio). O sacerdote entón prescribía unha cura, a miudo consistente nunha visita aos baños ou ao ximnasio. Lewis Farnell sostén que nalgún deses templos usábanse cans sagrados para lamber as feridas dos enfermos demandantes.
O orixinal e antigo xuramento hipocrático comezaba cunha invocación na que figuraba Asclepio: "Xuro por Apolo Curador e por Asclepio e por Hixia e Panacea e por todos os deuses...". Os eruditos manteñen que este xuramento non debeu ser redacrado por Hipócrates, senón por outros da súa escola ou ben por seguidores de Pitágoras.