Día Nacional de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Día Nacional de Galicia (coñecido tamén popularmente como Día Nacional da Galiza, Día da Galiza, Día de Galicia, Día da Patria ou Día da Patria Galega), é a festa oficial do país galego, segundo decreto da Xunta de Galicia. Celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior.
As orixes desta celebración remóntanse a 1919 data na que se xunta en Santiago de Compostela a Asemblea das Irmandades da Fala, que acordan celebra-lo Día Nacional de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte.
Durante a ditadura franquista, as sociedades galegas da emigración continúan esta convocatoria e na Galiza o galeguismo concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval. Amais, durante esta época o día institucionalízase como festa oficial en toda España, baixo o nome de Día do Patrón de España, cun marcado carácter relixioso, aínda que trala transición deixou de ser oficial en todo o país. Nos anos sesenta, coa aparición do Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) vólvense facer actos clandestinos para conmemora-lo Día Nacional de Galicia.
Durante a década dos setenta, os actos remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e coa entrada na democracia seguíronse a prohibi-las manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG, xermes do actual Bloque Nacionalista Galego. Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do "Día da Patria" con normalidade democrática, sendo hoxe o acto máis multitudinario de tódalas celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na capital galega. Actualmente os diferentes partidos nacionalistas da Galiza seguen a convocar manifestacións para ese día, baixo a denominación de "Día da Patria", nas cales fan reflexións tocantes á situación política galega.