Ernest Shackleton
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Sir Ernest Henry Shackleton foi un explorador británico nacido en Irlanda o 15 de febreiro de 1874 e morreu o 5 de xaneiro de 1922. É especialmente coñecido polas súas expedicións antárticas, nas que participou ao longo de toda a súa vida.
En 1901 acompañou a Robert Falcon Scott na viaxe realizada no barco Discovery. Esta foi a primeira vez que o ser humano se adentrou no Mar de Ross. Nesta mesma expedición Scott, Shackleton e Edward Wilson tentarían chegar ao Polo Sur Xeográfico, chegando aos 82°17'S o 31 de Decembro de 1902.
No ano 1907 Shackleton organizaría a súa propia viaxe a Antártida, de novo co obxectivo de achegarse ao Polo Sur. A expedición conseguiu escalar por vez primeira o Monte Erebus, situar o Polo Sur Magnético e descubrir o paso do Glaciar Beardmore, que facilitaría a chegada ao Polo en seguintes expedicións. Sen embargo, Shackleton tivo que abandonar o seu obxectivo a 180 quilómetos do punto final, aos 88°23'S.
No entanto, a expedición que deu máis fama a este explorador foi a iniciada en 1914, que tivo por nome Expedición Imperial Trans-Antártica. Poucos anos antes, en 1911 o noruegués Roald Amundsen conseguiría chegar ao Polo Sur, tras vencer nunha carreira que lle costou a vida a Scott e catro dos seus acompañantes. Shackleton consideraba que debía sobrepasar este éxito, e tentou cruzar o continente branco dende o Mar de Weddell ata a Illa de Ross cruzando o polo xeográfico, apoiado por outro barco de provisións que debería deixar depósitos de comida e combustible ao longo da segunda metade da ruta.
A expedición non acadou o seu obxectivo, pero convertiuse na máis sorprendente proba de resistencia humana. O barco no que viaxaban, o Endurance, quedou atrapado nos xeos antes de tocar terra, e os tripulantes pasaron nel varios meses. Cando o barco afundiu máis tarde pola presión, tiveron que percorrer andando o Mar de Weddel e navegar en bote ata a Illa Elefante. Shackleton e cinco homes máis continuaron a viaxe en busca de axuda nun pequeno bote ata Xeorxia do Sur. Os 22 homes que aínda permanecían na Illa Elefante foron rescatados polo buque chileno Yelcho, ou mando do capitán da expedición, o 30 de agosto de 1916, 22 meses despois da súa partida de Gran Bretaña.
Asemade, o barco de provisións afundiu nunha tormenta, pero os seus tripulantes conseguiron situar os depósitos, e foron rescatados polo propio Shackleton no nadal de 1916.
En 1921 iniciou outra expedición o contiente antártico, pero finou en Xeorxia do Sur, onde foi soterrado.