Río San Lázaro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Río San Lázaro | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|
Altitude da fonte: | 1.740 msnm | |||||
Lonxitude: | n/d qm | |||||
Caudal medio: | n/d m³/s | |||||
País: | España | |||||
Desemboca | Río Bibei |
O río San Lázaro é un afluente do Río Bibei (ver Río Sil). Nace no Macizo Central ourensán na Serra de Queixa, a 1.740 m. de altitude na bagoada formada entre o cume de Cabeza de Manzaneda (coñecido localmente como a Cabeza Grande) e o da Cabeza Pequena de Manzaneda (cumio secundario onde se atopa o repetidor da CRTVG que dispón dunha webcam). Este río constitúe case todo o limite dos concellos ourensáns da Pobra de Trives co de Manzaneda.
A súa cabeceira presenta un manancial constante de auga, alimentado polas filtracións das neves que coroan os citados cumios durante boa parte do inverno e a primavera. A poucos metros do seu nacemento, as súas augas son captadas para o seu aproveitamento nas instalacións da Estación Invernal de Cabeza de Manzaneda. A pesar do seu humilde caudal, este aproveitamento humano do río é una constante no seu percorrido. Augas abaixo, aínda regato, percorre as pistas de esquí da mencionada Estación, amais de bordear as súas pistas deportivas pouco despois de recibir pola súa marxe dereita o pequeno regato da Fonte Fría. Despois de ser atravesado pola estrada de Paradela mediante una pequena ponte, e xa debaixo da Estación, o río pasa á beira dunha depuradora.
A continuación recibe pola súa marxe esquerda o regato das Catro Corredoiras, e pola dereita o Río do Munxidoiro (numerosos mapas confunden o principio diste río co San Lázaro) xusto antes de ser captado de novo para o rego comunal mediante una canle que bordea as pintorescas rochas dos Forcados. Antes de pasar lomba abaixo do Curro de Rozavales e o Penedo da Escrita, recibe pola súa marxe dereita o regato do Penedo dos Lobos, e despois volve a ser captado mediante un pequeno encoro para o aproveitamento do concello de Manzaneda.
Entrando xa na zona coñecida como Piago, recibe pola súa esquerda o regato da Mallada de Barbeirón, e o regato da Encidiña (proveniente da Mallada do Porqueiro e Cabo de Murias) preto do restos do curro da Aceboso, encaixándose nun val rodeado de rochas como a da Pena da Arca o Penedo Grande, onde volver a ser captada a súa auga mediante outra canle para o rego. Este tramo encaixado remata con una longa serie de pequenas cenzas na zona coñecida como a Paleira. O notable caudal que leva o río despois das tormentas na serra o na época de desxeo, xunto con a abrupta orografía deste tramo, espertou o enxeño popular en un refrán local: “Cando ruxe a Paleira ven a invernía”. Superada a zona encaixada, o río é atravesado pola ponte da estrada que une a Manzaneda coa parroquia da Encomenda, pasando debaixo desta última a beira dos barrios de O Cazapedo e Acevoso.
Mais adiante o río volve a ser detido pola presa da Espiuca, que desvía as súas augas á Central hidroeléctrica de Ponte Bibei en Manzaneda mediante una canle que pasa á beira do maxestoso Castiñeiro de Pumbariños (no Souto de Rozavales). Este encoro deixa a grande parte do ano con pouco caudal a inmediata cascada da Espiuca, que consta de 3 saltos consecutivos de lisa rocha granítica. Despois de pasar as ruínas do muíño abandonado da Espiuca e os restos seu pequeno encoro (derruído por unha riada), o río é atravesado pola ponte vella (cun fermoso arco de pedra) e a nova (terra compactada e un tubo metálico) da estrada da Ponte Cabalar a Reigada. Un pouquiño mais abaixo despois de recibir a auga do río da Retorta pola marxe esquerda, pódense observar os restos dun muíño da parroquia de Sobrado e tamén os restos da antiga ponte de pedra e madeira do Camiño de Sobrado a Manzaneda, onde un relanzo do río recorda a poza onde os mozos da zona se refrescaban da calor do verán. Nesta zona os amieiros e outras especias de árbores de ribeira bordean as marxes do río.
Despois de ser captado por outro pequeno encoro, o río precipitase nunha nova cascada, a da Censa, máis impresionante cá anterior, e que remata o seu salto vertical nun profundo pozo. Esta cascada pode ser observada a distancia desde a estrada de Ponte Cabalar a Reigada, na zona coñecida como O Mouro. Despois da cascada e moi encaixado o río recibe o regato do Mouro (pola esquerda), un pequeno regato de Manzaneda (pola dereita), e despois de ser atravesado pola estrada da Central de Ponte Bibei, o arroio de Cubeiros (pola dereita), e o regato de Langullo (pola dereita). Finalmente o río San Lázaro remata no río Bibei, despois de baixar ata a cota 290 m. (1.450 m. augas abaixo do seu nacemento), na zona do Pozo Caneiro, xusto debaixo da granxa da Mata, e rodeado de fermosos bancais de viñedo no canón do Bibei.
Índice |
[editar] Afluentes
Marxe dereita → Regato Fonte Fría, Río Munxidoiro, Regato do Penedo dos Lobos, Regato de Manzaneda, arroio de Cubeiros, Regato de Langullo.
Marxe esquerda → Regato das Catro Corredoiras, Regato da Mallada de Barbeirón, Regato da Encidiña, Río da Retorta, Regato do Mouro.
[editar] Muíños
Muíño da Espiuca (Manzaneda) e Muíño da ponte do San Lázaro (Sobrado de Trives).
[editar] Encoros e Captacións hidrolóxicas
Captación da Estación Invernal de Cabeza de Manzaneda, Captación de rego dos Forcados, Encoro de rego de Manzaneda, Captación de rego do Piago, Encoro da Espiuca, restos do Encoro do Muíño de Manzaneda, Encoro da Cenza.
[editar] Véxase tamén
- Fotos de ríos galegos en Commons