Francisco José de Goya y Lucientes
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Francisco José de Goya y Lucientes (30 de marzo, 1746 – 16 de abril, 1828) foi un pintor e gravador español. Naceu en Fuendetodos, creceu en Zaragoza e máis tarde morou case sempre en Madrid. Ós 14 anos foi presentado a José Luzanan, un artista amigo de seu pai. Casou con Josefa Bayeu, irmá de Francisco Bayeu, en 1773.

Autor prolífico, xa que entre gravados e pinturas a súa obra cóntase por centos. A súa influencia posterior foi grande, pois a súa arte era tanto subxectiva como subversiva, nunha época en que tales actitudes non eran predominantes. A súa énfase no primeiro plano e o fondo das imaxes difuso máis tarde influenciaron Edouard Manet.
Goya foi pintor oficial da Corte española e profesor da Academia de Belas Artes. A súa obra é considerada unha transición entre o Neoclasisismo e o Romantismo.
Realizou na súa xuventude unha viaxe a Italia que influíu na súa concepción da pintura, xa de novo en España entrou a traballar na Real Fábrica de Tapices, os cartóns alí realizados están inspirados na vida cotiá dos madrileños, cunha cor luminosa de incontables matices e en xeral alegres e frescos.
Os horrores da guerra da independencia producíronlle unha forte convulsión que se plasmou na serie Os desastres da guerra, reflectindo violenta e espansosamente a realidade, ese mesmo espírito continuou na pintura dos fusilamentos do tres maio de 1808 e na Carga dos Mamelucos, dúas obras mestras nas que Goya homenaxea á liberdade cunha forte carga antimilitarista.
Nas súas últimas obras amosa a súa decepción polo inmobilismo tras a guerra, son obras cada vez máis íntimas ata chegar a serie das chamadas pinturas negras que decoraban a Quinta del Sordo, lugar onde se retirara. Son obras de interpretación controvertida, aínda que é indubidable a referencia á situación do pobo e de España, transformando expresivamente a realidade, constituíndo un anticipo da pintura contemporánea. Xa no exilio francés realizou a serie Tauromaquia e volve á cor nos seus últimos retratos como A leiteira de Bordeos no cal tecnicamente anticipa o impresionismo.