Manifesto do Partido Comunista
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Manifesto do Partido Comunista (Manifest der Kommunistischen Partei, polo seu título en alemán) é unha proclama encargada pola Liga dos Comunistas a Karl Marx e Friedrich Engels en 1847, e publicado o 21 de febreiro de 1848.
[editar] Relevancia histórica
O Manifesto Comunista é considerado un dos tratados políticos máis influintes da historia.
Este Manifesto, do que son especialmente famosas as frases de comezo e final (Unha pantasma recorre Europa, a pantasma do comunismo e o lema Proletarios de tódolos países, unídevos!, respectivamente), favoreceu unha gran revolución social e política e foi a base ideolóxica do movemento obreiro internacional e do proceso revolucionario ruso, que culminou en 1917 coa creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).
[editar] Contido e estrutura
O texto do Manifesto describe sucinta e explicitamente os principios da teoría marxista do materialismo dialéctico e anuncia os propósitos e o programa da Liga. Suxire un curso de acción para unha revolución proletaria que derrocaría o capitalismo e instauraría unha sociedade sen clases.
Está estruturado en catro grandes capítulos:
- Burgueses e proletarios. Neste apartado introdutorio, desenvólvese a idea de que a historia do mundo baséase na loita entre opresores e oprimidos, e concibe o modelo social de entón coma un espazo de enfrontamento entre a burguesía, obrigada a revolucionar constantemente os medios de produción para a súa propia supervivencia; e o proletariado, que aproveitará os cambios desencadeados polo capital para voltarse contra él e derrubar a orde capitalista.
- Proletarios e comunistas. Os autores identifican o proxecto comunista da Liga cós intereses do proletariado internacional, de xeito que define o comunismo coma a ideoloxía obreira final ou vangarda proletaria. Neste apartado desenrólase propiamente o programa do comunismo e rebate as críticas vertidas contra o proxecto comunista. Así, establécese neste apartado a abolición da propiedade privada, a creación dun elevado imposto progresivo, a omnipotencia do Estado e o igualitarismo entre tódolos cidadáns. Mediante estas medidas (ditadura do proletariado) os autores buscan a desaparición das desigualdades de clase; e teóricamente, trala superación desta fase terá lugar o establecemento dunha sociedade libre e socialista na que o poder político xa non será necesario.
- Literatura socialista e comunista. Entre a nebulosa de propostas de tendencia esquerdistas ou socialista da época, os autores do Manifesto destacan varias tendencias:
- Socialismo reaccionario, apoiado polos pequenos comerciantes e campesinos que, vendo ameazada a súa superviviencia pola voracidade burguesa, súmanse ao comunismo para derribar ao gran capital.
- Socialismo alemán, segundo eles é unha desafortunada imitación da literatura socialista francesa que queda relegada a unha función meramente teórica e idealista, sen ningún valor práctico.
- Socialismo burgués, entendido coma a coraza dalgúns sectores da burguesía para resistir o empuxe do proletariado. Segundo esta tendencia, a burguesía é unha clase boa e necesaria para o proletariado.
- Socialismo utópico, conxunto no cal son enmarcadas as correntes de Saint-Simon, Robert Owen ou Charles Fourier, que non contemplan a loita de clases como necesidade para chegar a unha orde socialista.
- Actitude dos comunistas ante os outros partidos da oposición. Tras unha enumeración da situación do partido comunista en diferentes países europeos e nos Estados Unidos de América, os autores chegan á conclusión de que o comunismo posiciónase en tódolos sitios enfronte do poder establecido e ao lado dos revolucionarios, sexan estes burgueses nun país feudal, campesinos nunha nación burguesa, etc.