Pablo Picasso
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pablo Ruiz Picasso pintor español nado en Málaga o 25 de outubro de 1881 e morto en Mougins (Francia) o 8 de abril de 1973. Fundador xunto con Georges Braque do cubismo -movimento pictórico que revolucionou a pintura do século XX- .
![Imaxe no exterior do Moderna Museet de Estocolmo](../../../upload/shared/thumb/c/cf/Picasso_Outside_1.jpg/300px-Picasso_Outside_1.jpg)
[editar] Biografía
Era fiillo do tamén artista José Ruiz Blasco, despois dunha tempada na Coruña, xa en 1895 se trasladou coa súa familia a Barcelona, onde o novo pintor se rodeou dun grupo de artistas e literatos como Ramón Casas ou Santiago Rusiñol, cos que acostumaba reunirse no bar Els Quatre Gats.
Entre os anos 1901 e 1904 alternou a súa residencia entre as cidades de Madrid, Barcelona e París, mentres a súa pintura entrou na etapa denominada período azul, fortemente influída polo simbolismo.
Na primavera de 1904, decidiu trasladarse definitivamente a París e establecerse nun estudio na ribeira do Sena. Na capital francesa fixo amizade, entre outros, cos poetas Guillaume Apollinaire e Max Jacob e co dramaturgo André Salmon; entre tanto, a súa pintura experimentou unha nova evolución, caracterizada por unha paleta cromática tendente ás cores terra e rosa. Ó pouco de chegar a París contactou con personalidades periféricas do mundo artístico e bohemio, como os estadounidenses Leo e Gertrude Stein, e co que sería o seu marchante por sempre, Daniel-Henry Kahnweiler.
A finais de1906 empezou a traballar nunha composición de gran formato que cambiaría o curso da arte do s.XX: “Les demoiselles d’Avignon”. Nesta obra cume confluíron numerosas influenzas, entre as que cabe citar principalmente a arte africana e ibérica e elementos do Greco e Cézanne.
En compaña doutro pintor novo, Georges Braque, e baixo a constante influencia de Cézanne revisou a herdanza plástica vixente desde o Renacemento, especialmente na representación pictórica do volume: foi o inicio do cubismo.
A partir de 1909, os dous pintores -Pablo Picasso e Georges Braque- desenvolveron o devandito estilo nunha primeira fase, denominada analítica. No 1912 introduciron un elemento de flexibilidade en forma de recortes de papel e outros materiais directamente aplicados sobre o lenzo, técnica que denominaron collage. A admisión no exclusivo círculo do cubismo do pintor Juan Gris desembocou na etapa sintética do dito estilo, marcado por unha gama cromática máis rica e a multiplicidade matérica e referencial. Entre 1915 e mediados da década de 1920 Picasso foi abandoando os rigores do cubismo para adentrarse nunca nova etapa figurativista, no marco dun reencontro entre o clasicismo e o creciente influxo do que o propio artista veu en chamar « a súa orixe mediterránea ».
Estivo casado desde 1919 coa bailarina rusa Olga Koklova e xa era pai dun fillo, Paulo, cando comezou a interesarse pola escultura logo do seu encontro no 1928 co artista catalán Julio González; entre os dous introduciron importantes innovacións neste campo, comezando a empregar materiais como ferro forxado.
En 1935 tería unha filla, Maya, froito dunha nova relación sentimental, Marie-Therèse, con quen conviviu abertamente a pesares de seguir casado con Olga Koklova; a partir de 1936, ambas tiñeron que compartir ó pintor cunha terceira muller, a fotógrafa Dora Maar. O estalido da guerra civil española empurrouno a unha maior concienciación política e do seu xenio xurdiu a súa mái emblemática e coñecida obra pictórica, o mural “Guernica”
No 1943 coñeceu a Françoise Gilot, coa que tería duas fillas, Claude e Paloma. Tres anos máis tarde abandonou París para instalarse en Antibes, onde incorporou a cerámica ós seus soportes predilectos.
Na década de 1950 realizou moitas series sobre grandes obras clásicas da pintura, que reinterpretou co seu característico estilo, a modo de homenaxe ós seus pintores favoritos, como Velázquez. En 1961 casou en segundas núpcias con Jacqueline Roque; que sería a súa última relación sentimental de importancia.
A súa actividade foi extraordinariamente fecunda e nunha época no que os movementos e tendencias artísticas se sucedían con rapidez, Picasso soubo manterse na avangarda ata a fin da Segunda Guerra Mundial deixando un ronsel de influencias sen renunciar a realizar unha obra sempre orixinal e renovadora.
[editar] Estilo
Na súa primeira etapa distínguense dúas etapas, a época azul (1901-1904) e a época rosa (1904-1905) caracterizadas pola cor sobresaínte. A partir de 1906 obsérvase unha simplificación xeométrica das formas e unha tendencia á monocromía ocre que fai eclosión nas Demoiselles d'Avignon (1906-1907), que foi o punto de partida para as primeiras pinturas cubistas realizadas en 1909, nas que se destrúe e forma para amosala desde diversos puntos de vista, rachando co sistema usual de representación na arte occidental desde o Renacemento. Nos anos seguintes os estilos sucédense e sobrepóñense, a linguaxe cubista é usual pero non exclusivo. A Guerra Civil española acentuou o seu expresionismo que ten a súa mellor representación no Guernica (1937), alegoría xeral dos problemas da guerra, a destrución e a morte pero tamén da esperanza na liberdade. A partir de 1945 a súa pintura vaise suavizando sen que a linguaxe experimente ningunha evolución esencial.