Pedro Álvares Cabral
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pedro Álvares Cabral, nado en Belmonte (Portugal) en 1467 ou 1468, morto en Santarém (Portugal) en 1520 ou 1526, foi un fidalgo e navegante portugués a quen xeralmente se atribúe o descubrimento do Brasil, acontecido o (22 de abril de 1500).
Crese que naceu en Belmonte, na rexión da Beira Baixa, en Portugal. Foi o terceiro fillo de Fernão Cabral, gobernador da Beira e de Belmonte, e de Isabel de Gouvea. Así, o seu nome orixinal sería Pedro Álvares Gouvea, pois so o primoxénito herdaba o sobrenome paterno. So posteriormente, coa morte de seu irmán mais vello, tería pasado a chamarse Pedro Álvares Cabral.
Con once anos de idade mudouse para Lisboa, onde estudou literatura, historia, ciencias, cartografía e artes militares. Coa subida ao trono de D. Manuel I (1495-1521) pasou a integrar o Consello do Rei e foi admitido como cabaleiro na Orde de Cristo, distinción concedida apenas a algúns nobres.
En 1500, con 33 anos de idade, o soberano deulle o comando da segunda armada que mandou á India, a mellor equipada do século XV e integrada por dez naos e tres carabelas, levando uns 1.500 homes, entre funcionarios, soldados e relixiosos.
Partiu de Lisboa o 9 de marzo de 1500 e, desviándose do camiño orixinal – intencionalmente, segundo a hipótese máis admitida polos historiadores – atinxiu a costa oriental da América do Sur, arribando en Porto Seguro, Bahia, Brasil, a 22 de abril de 1500. Tomou posesión da nova terra, que denominou de Illa de Vera Cruz en nome da Coroa portuguesa. En seguida enviou de volta a Portugal un dos navíos menores coas noticias. Retomou entón a rota de Vasco da Gama rumbo ás Indias.
Ao cruzar o cabo da Boa Esperanza, catro dos seus navíos se perderan. Chegou a Calicute - actual Kozhikode, en Kerala - en setembro de 1500, onde Cabral asinou o primeiro acordo comercial entre Portugal e a India.
Ao volver a Lisboa, en 1501, foi aclamado como un heroe. Entanto, desentendeuse co rei acerca do comando da expedición ás Indias programada para 1502 e foi substituído por Vasco da Gama. Non recibiu ningunha outra misión oficial máis ata o fin da súa vida. Faleceu esquecido e foi sepultado na cidade de Santarém segundo algúns historiadores o 1520, e outros, o 1526.