Pitons
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As montañas Pitons son dous picos volcánicos no suroeste da illa de Santa Lucía, unha das Pequenas Antillas das Caraíbas, e que se sitúan ao norte da Venezuela. As Pitons foron incluídas nunha área de conservación multiuso para protexer, non só o bosque que os cobre e que, para alén da beleza visual, ten grande importancia ecolóxica, mais tamén a área mariña próxima, con arrecifes de coral moi saudábeis. Esta área de conservación foi recentemente (2004) declarada pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.
Os Pitons, chamados Gros Piton e Petit Piton (con 770 e 743 m de altitude respectivamente) son dous conos volcánicos erosionados ligados por unha crista chamada Piton Mitan. O volcán composto inclúe un campo xeotérmico con fumarolas e fontes termais, coñecido polos xeólogos como Centro Volcánico de Soufrière (do francés para xofre), para alén de cráters de explosión e depósitos piroclásticos (pedra pómez e cinza), así como fluxos de lava. Este conxunto ilustra a historia dun volcán andesítico asociado a unha zona de subducción.
Gran parte do sistema de arrecifes de coral no sopé do Gros Piton declarouse reserva mariña en 1986 e, en 1994 considerouse unha Área de Xestión Mariña; en 2002, foi estabelecida a Área de Xestión Ambiental dos Pitons, comprendendo unha área total de 2909 hectáreas, incluíndo 875 ha de área mariña, unha área de conservación terrestre con 467 ha (341 ha, públicos e 126 ha privados) e aínda unha área de utilización múltipla de 1567 ha (80% privada, 20% pública).
A Área de Xestión Mariña ten 11 km de liña de costa e un km de largura e inclúe unha parte da plataforma continental de gran declive que descende até 75 m, con arrecifes de franxa, que cobren case o 60% da area e manchas illadas de coral, rochedos e zonas de area. Un recoñecemento revelou 168 especies de peixes, 60 de Cnidaría, incluíndo os corais, oito moluscos, 14 esponxas, 11 equinodermos, 15 artrópodos e oito anelídeos. Na costa encóntranse tartarugas Hawksbill e, ao largo, tiburóns-balea e baleas-piloto (todas especies protexidas).
A vexetación terrestre é típica da selva tropical, con pequenas áreas de bosque seco e de montaña nos picos. Foron rexistradas 148 especies de plantas en Gros Piton e 97 en Petit Piton e na crista intermedia, entre elas oito especies raras de árbores, incluíndo os arbustos endémicos Acalypha elizabethae e Bernardia laurentii, que só se encotraron no cume do Petit Piton. Os Pitons albergan 27 especies de aves (cinco das cales endémicas), tres de roedores indíxenas, unha sariguea, tres morcegos, oito réptiles e tres anfibios.