Volcán
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un volcán é unha estrutura xeolóxica pola cal emerxe magma (rocha fundida) e gases do interior dun planeta. O ascenso ocorre xeralmente en episodios de actividade violenta denominados erupcións, nas cales o volcán inxecta altas cantidades de poeira, gas e aerosois na atmosfera, podendo causar arrefriamento climático temporal..
Ao acumularse o material arrastrado do interior fórmase unha estrutura cónica en superficie que pode atinxir alturas dunhas centenas de metros ata varios quilómetros. Ao conduto que comunica o reservorio de magma ou cámara magmática en profundidade coa superficie denomínaselle cheminea. Esta termina na cima do edificio volcánico, o cal esta rematado por unha depresión ou cráter.
Algúns volcáns, logo de sufrir erupcións grandes, colápsanse formando enormes depresións nas súas cimas que superan o quilómetro de diámetro. Estas estruturas reciben o nome de caldeiras.
A viscosidade (fluidez) das lavas guindadas por volcáns esta controlada pola súa composición química. Así, lavas máis fluídas, ou de tipo hawaiano, teñen composicións ricas en ferro e magnesio e teñen un contido baixo en sílice. Estas ó saír da cheminea almacénanse no cráter ou caldeira ata deitar por fóra, formándose ríos de lavas que poden fluír distancias de varias decenas de quilómetros.
As lavas viscosas teñen un alto contido en sílice e vapor de auga. Dado que flúen pobremente, forman un tapón na cheminea o que dá lugar a erupcións explosivas, aumentando o tamaño do cráter. En casos extremos poden destruír completamente o edificio volcánico como sucedeu durante a erupción do Monte Santa Helena en 1980.
A lava non erupciona sempre dende unha cheminea central xa que pode abrirse camiño a través de aberturas nos flancos do volcán. Se estas erupcións son continuas poden dar lugar ao que se coñece como cono parásito. O Monte Etna ten máis de 200 destes conos parásitos e algúns deles só expulsan gases. A estes últimos llos chama fumarolas.
Polo xeral os volcáns están asociados aos límites de placas tectónicas, aínda que hai excepcións como o vulcanismo de puntos quentes ou hot spots situados no interior de placas tectónicas tal como é o caso das illas Hawaii, teoría barallada tamén para a orixe do Arquipélago #adx>.
Os xeólogos clasificaron os volcáns en tres categorías: volcáns en escudo, conos de cinzas e conos compostos (tamén coñecidos como estratovolcáns).
O volcán coñecido máis grande do Sistema Solar é Olympus Mons, situado en Marte e actualmente inactivo, cuns 600 km de base e uns 27 km de altura. Outras estruturas volcánicas salientables poden atoparse na superficie de Ío).
Índice |
[editar] Efectos
A erupción dun volcán é considerada un grave desastre natural, por veces de consecuencias planetarias. Así como outros desastres desa natureza son imprevisíbeis e causan danos indiscriminados. Así, tenden a desvalorizar os inmóbeis localizados nas suas viciñanzas.
Por outro lado, os arredores dos volcáns, formados de lava resfriada, tenden a ser compostos de chans bastante fértiles para a agricultura.
Frecuentemente consideranse causantes de contaminación natural.
[editar] Clasificación de volcáns
Os volcáns xeralmente clasificanse nas seguintes categorías:
- Volcán de Escudo: Volcáns que expulsan cantidades enormes de lava que gradualmente van alargando o seu crater e arredores. Os volcáns das Illas Hawai son exemplos dese tipo, e alargan as illas a cada erupción. Os seus fluxos de lava son xeralmente moi quentes e fluídos.
- Conos Volcánicos: resultan de erupcións que descartan basicamente pedazos pequenos de pedras, que se acumulan arredor da abertura. As súas erupcións son relativamente pequenas e breves, e producen unha colina (cono) de 30 a 300 metros de altura.
- Volcáns compostos ( ou estratovolcáns) son montañas altas en cono, compostas de fluxos de lava e material expelido. Exemplos: o Monte Fuji no Xapón, o Vesubio na Italia, e o Erebus na Antártica).
- Super volcáns son unha clase de volcáns que teñen un caldeira grande e que potencialmente poden producir devastacións en escala continental, e causar mudanzas climáticas globais importantes.
[editar] Volcán de escudo ou en escudo
Cando a lava expulsada polo volcán é fluída, do tipo haiwaiano, o volcán adquire unha forma dunha estrutura ampla e abovedada, que pola súa aparencia son denominados “en escudo”. Un volcán en escudo está formados principalmente por lavas basálticas (ricas en ferro) e pouco material piroclástico. O maior volcán da Terra é o Mauna Loa, un volcán en escudo nas illas Hawai. O Mauna Loa nace nas profundidades do mar a uns 5.000 metros e elévase sobre o nivel do mar por uns 4.170 metros, cuns 9,5 km. de altura é maior que o Monte Everest. Os volcáns en escudo como o Mauna Loa fórmanse ao longo de millóns de anos grazas a ciclos de erupcións de lava que se van superpondo unhas con outras.
O volcán de escudo máis activo é o Kilauea, localizado na Illa de Hawai á beira de Mauna Loa. No período histórico o Kilauea entrou unhas 50 veces en erupción e é, polo tanto, o volcán deste tipo máis estudado. O resultado das erupcións constantes por millóns de anos deu lugar á creación das montañas máis grandes da Terra (se se ten en conta a altura contando dende a base no leito mariño).
Os xeólogos cren que as primeiras etapas de formación dos volcáns en escudo consisten en erupcións frecuentes de delgadas coadas de basaltos moi líquidos. A medida que proseguen as erupcións tamén se producen erupcións laterais. Normalmente co cesamento de cada fase eruptiva prodúcese o #afundimento do área da cima. Nas últimas fases, as erupcións son máis esporádicas e a erupción piroclástica faise máis frecuente. A medida que isto sucede, as coadas de lava tenden a ser máis viscosas, o que provoca que sexan máis curtas e potentes. Todo isto á súa vez axuda a aumentar a pendente da ladeira do área da cima.
Os volcáns en escudo son moi comúns e tamén llos atopa no sistema solar. O Monte Olimpo, en Marte é o máis grande coñecido ata a data e tamén se atoparon varios destes volcáns sobre a superficie de Venus aínda que de aparencia máis achatada.
[editar] Cono de cinzas
Os conos de cinzas están formados por fragmentos da lava espelida. O material piroclástico ten un gran ángulo de repouso, entre uns 30 e 40 graos. O ángulo de repouso é o ángulo máis alto polo cal o material mantense estable.
Os conos de cinzas son moi pequenos; só alcanzan ata 300 metros de altura e adoitan estar asociados a volcáns máis grandes e a miúdo atópanse en grupos.
O cono de cinzas máis estudado é o Paricutín, situado a uns 320 quilómetros a oeste da cidade de México. O Paricutín xurdiu en 1943 nun campo de millo. En poucas semanas o cono de cinzas emerxeu do chan acompañado de explosións e cinzas. En dous anos alcanzou a súa altura final duns 400 metros e é actualmente inactivo.
[editar] Cono composto ou estratovolcán
Un cono composto ou estratovolcán é unha gran estrutura de aparencia case simétrica composta da alternancia de coadas de lava e depósitos piroclásticos que son emitidos a partir dunha cheminea principal.
A maioría destes volcáns atópanse nunha estreita zona que rodea o océano Pacífico, á que se denomina anel de lume. Nesta zona atópanse o Fuxiiama (monte Fuxi) de Xapón, o monte Maion de Filipinas e os volcáns da cordilleira Cascade do noroeste dos Estados Unidos, entre eles os montes Santa Helena, Rainer e Shasta.
Os conos compostos prodúcense cando se extrúen lavas relativamente viscosas de composición andesítica. Un cono composto pode expulsar lava viscosa por longos períodos, pero nun determinado momento puiden cambiar o estilo de erupción e lanzar materiais piroclásticos.
Os conos compostos producen algunhas das actividades volcánicas máis violentas. O Vesubio é un claro exemplo do poder de devastación deste tipo de volcáns. En efecto, o Vesubio erupcionou no ano 79 dC logo de estar por varios séculos inactivo. O 24 de agosto, así a todo, e durante tres días a cidade de Pompeia (preto de Nápoles) e máis de 2.000 dos seus 20.000 habitantes foron soterrados baixo unha capa de cinzas de 6 metros de grosor. 17 séculos despois os restos de Pompeia foron descubertos brindando os aspectos de vida dos romanos.
[editar] Nube ardente
Cando as erupcións dun volcán están acompañadas de gases quentes e cinzas prodúcese o que se coñece como fluxo piroclástico ou nube ardente. Tamén coñecida como avalancha incandescente, a nube ardente desprázanse pendente abaixo a velocidades próximas aos 200 km/h. A sección basal destas nubes conteñen gases quentes e partículas que flotan neles. Desta forma, as nubes transportan fragmentos de rochas que ?grazas ao rebote dos gases quentes en expansión? deposítanse ao longo de máis de 100 km. dende o seu punto de orixe.
En 1902 unha nube ardente dun pequeno volcán chamado Pelée na illa caribeña de Martinica destruíu á cidade portuaria de San Pedro. A destrución foi tan devastadora que morreu case toda a poboación (uns 28.000 habitantes). A diferenza de Pompeia, que quedou soterrada nun manto de cinzas nun período de tres días e as casas quedaron intactas (salvo os teitos polo peso das cinzas), a cidade de San Pedro foi destruída só en minutos e a enerxía liberada foi tal que as árbores foron arrincados de raíz, as paredes das casas desapareceron e as monturas dos canóns se desintegraron. A erupción de Pelée mostra o distintos que poden ser dous volcáns do mesmo tipo.
[editar] Lahar
Os conos compostos tamén producen coadas de barro chamadas lahar, unha palabra de orixe indonesio. Estes fluxos prodúcense cando as cinzas e derrubamentos volcánicos se saturan de auga e descenden pendente abaixo, normalmente seguindo os vals dos ríos. Algúns dos lahares prodúcense cando a saturación é provocada pola choiva, mentres que noutros casos cando grandes volumes de xeo e neve se derreten por unha erupción volcánica. En Islandia ao último caso denomínaselle jökulhlaup e son devastadores.
Destrucións importantes de lahares déronse en 1980 coa erupción do monte Saint Helens, en Estados Unidos, que malia as desfeitas producidas, non produciu moitas vítimas debido a que a rexión é pouco poboada. Outro foi en 1985 coa erupción do Nevado do Ruíz, en Colombia, a cal xerou un lahar que matou a case 20.000 persoas.
[editar] Formas volcánicas relacionadas
[editar] Caldeiras
A maioría dos volcáns presentan na súa cima un cráter de paredes empinadas. Cando o cráter supera o quilómetro de diámetro denomínase caldeira volcánica.
As caldeiras son estruturas de forma circular e a maioría fórmase cando a estrutura volcánica afúndese sobre a cámara magmática parcialmente baleira que se sitúa por baixo. Aínda que a maioría das caldeiras créase polo #afundimento producido logo dunha erupción explosiva, isto non é así en tódolos casos.
No caso dos enormes volcáns en escudo de Hawai, as caldeiras creáronse pola continua subsidencia a medida que o magma se drenaba dende a cámara magmática durante as erupcións laterais.
As caldeiras de gran tamaño fórmanse cando un corpo magmático granítico (félsico) sitúase preto da superficie curvando deste xeito as rochas superiores. Posteriormente, unha fractura no teito permite ao magma rico en gases e moi viscoso ascender ata a superficie, onde expulsa se xeito explosivo, enormes volumes de material piroclástico, fundamentalmente cinzas e fragmentos de pumita. Estes materiais denomínanse coadas piroclásticas e poden atinxir velocidades de 100 km/h. Cando estes materiais detéñense, os fragmentos quentes se fusionan para formar unha toba soldada que se asemella a unha coada de lava solidificada. Finalmente, o teito derrúbase dando lugar a unha caldeira. Este procedemento pode repetirse varias veces no mesmo lugar.
Coñécense polo menos 138 caldeiras que superan os 5 quilómetros de diámetro. Moitas destas caldeiras son difíciles de situar, polo que foron identificadas con imaxes satelitais. Entre as máis importantes atópase A Garita cuns 32 km. de diámetro e unha lonxitude de 80 que está situada nas montañas de San Xoán ao sur do estado de Colorado.
[editar] Erupcións fisurais e chairas de lava
Malia que as erupcións volcánicas están relacionadas a estruturas en forma de cono, isto non é así xa que a maior parte do material volcánico é extruído por fracturas na cortiza denominadas fisuras. Estas fisuras permiten a saída de lavas de baixa viscosidade que recobren grandes áreas. A chaira de Columbia no noroeste dos Estados Unidos formouse deste xeito. As erupcións fisurais expulsaron lava basáltica moi líquida. As coadas seguintes cubriron o relevo e formaron unha chaira de lava (plateau) que nalgúns lugares ten case 1,5 km. de grosor. A fluidez evidenciase na superficie percorrida pola lava: uns 150 km. dende a súa orixe. A estas coadas denomínaselles basaltos de inundación (flood basalts).
Este tipo de coadas sucede fundamentalmente no chan oceánico onde non poden verse. Ao longo das dorsais oceánicas, onde a expansión do chan oceánico é activa, as erupcións fisurais xeran novo chan oceánico. Islandia está situada enriba da dorsal centroatlántica e experimentou numerosas erupcións fisurais. As erupcións fisurais máis grandes de Islandia ocorreron en 1783 e denomináronas erupcións de Laki. Laki é unha fisura ou volcán fisural de 25 km. de longo que xerou máis de 20 chemineas separadas que expulsaron correntes de lava basáltica moi fluída. O volume total de lava expulsada polas erupcións de Laki foi superior aos 12 km³. Os gases arruinaron as praderías e mataron ao gando islandés. A fame subseguinte matou preto de 10.000 persoas.
[editar] Domo de lava
A lava rica en sílice, é dicir, é viscosa e polo tanto, apenas flúe e que é extruída fose da cheminea pode producir unha masa bulbosa de lava solidificada que se denomina domo de lava. Debido ao seu viscosidade, a maioría está composto por riolitas e outros por obsidianas.
A maioría dos domos volcánicos desenvólvense a partir dunha erupción explosiva dun magma rico en gases.
Aínda que a maioría dos domos volcánicos están asociados a conos compostos, algúns se forman de xeito independente. Tal é o caso da liña de domos riolíticos e de obsidiana nos cráteres Mono en California.
[editar] Chemineas e pitóns volcánico
Os volcáns aliméntanse do magma a través de condutos denominados chemineas. Estas tubaxes poden estenderse ata uns 200 km. de profundidade. Neste caso, as estruturas provén de mostras do manto que experimentaron moi poucas alteracións durante o seu ascenso.
As chemineas volcánicas mellor coñecidas son as surafricanas que están cargadas de diamantes. As rochas que enchen estas chemineas orixináronse a profundidades de 150 km., onde a presión é o bastante elevada como para xerar diamantes e outros mineralé de alta presión.
Debido a que os volcáns están sendo rebaixados constantemente pola erosión e a meteorización. Os conos de cinzas son desgastados co tempo, pero non sucede o mesmo con outros volcáns. Conforme a erosión progresa, a rocha que ocupa a cheminea e que é máis resistente, pode permanecer de pé sobre o terreo circundante moito despois de que desapareza o cono que a contén. A estas estruturas chámaselles pitón volcánico. Shiprock, en Novo México, é un claro exemplo deste tipo de estruturas.
[editar] Exemplos de volcáns
- Etna, na Italia
- Pinatubo, nas Filipinas
- Mauna Kea, no Hawai, Estados Unidos de América
- Monte Fuji, no Xapón