Robinson Crusoe
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Robinson Crusoe é unha novela do escritor Daniel Defoe (1661-1731). Foi publicada por primeira vez o ano 1719. É considerada en moitas historias da literatura como a primeira novela escrita en inglés.
Índice |
[editar] O xénero
Trátase dunha autobiografia ficticia do personaxe que lle dá nome á novela. Nela relátanse as aventuras dun náufrago inglés que encontra os medios e recursos necesarios para sobrevivir nunha illa deserta durante 28 anos. É categorizada en moitas clasificacións como literatura xuvenil
[editar] A inspiración
Daniel Defoe inspirouse en varias historias reais de náufragos. Os dous antecedentes reais máis próximos foron o do mariñeiro escocés Alexander Selkirk, abandonado no arquipélago Juan Fernández que sería rescatado catro anos máis tarde, e o dun capitán da mariña española Pedro Serrano que sería recollido en 1534 despois de pasar oito anos nun banco de area do Caribe.
[editar] A recepción
O interese da novela radica non tanto na verdade psicolóxica dos personaxes (aínda que as aventuras se enmarcan nun discurso emocional e espiritual) coma na presentación dos feitos narrados como reais nun ambiente descrito con toda sorte de detalles. O estilo narrativo é realista, directo e moi simple.
A recepción inmediata do libro na Inglaterra da época foi moi positiva. Ó final do primeiro ano xa coñecía cinco edicións, que sumarían máis de 700 diferentes adaptacións e traducións nos tres séculos seguintes. É a novela inglesa máis popular de tódolos tempos e o segundo libro máis lido despois da Biblia.
Foi traducida a centos de linguas (incluídas entre outras o inuit, o copto e o maltés). A versión galega apareceu por primeira vez en 1986. Traduciuna o escritor Gonzalo Navaza e publicouna Edicións Xerais de Galicia.
[editar] As interpretacións
A pesar da ausencia do amor como motivo, o libro sempre gozou de moita aceptación no mundo literario. Dende un punto de vista global, Robinson Crusoe narra os comezos do mundo mercantilista e capitalista moderno. Tópicos como o do home con vontade extrema que é capaz de facerse a si mesmo, de autocontrolarse e de perseverar nas situacións máis difíciles, ou como o da racionalización da actividade humana e do control sobre a natureza e sobre os demais aparecen aquí perfectamente deseñados.
James Joyce falou del como símbolo do colonialismo británico e do espírito anglosaxón: o sentido da independencia, a crueldade inconsciente, a persistencia, a intelixencia eficaz, a apatía sexual... Robinson sería neste sentido o prototipo de colonizador e de conquistador universal guiado pola razón única e eficiente.
Outros críticos coma J.P Hunter, tendo en conta o puritanismo cristián de Defoe, viron en Robinson Crusoe non a un heroe senón ó home común, que comeza de vagabundo nun mar que non entende e acaba de peregrino cara a unha terra prometida na súa procura de Deus. Robinson, le a Biblia na súa illa remota, e é capaz de chegar a través das súas propias reflexións e accións a unha certa felicidade. A igrexa anglicana entendeu a mensaxe do libro como pouco ortodoxa, anárquica e proxima á herexía.
[editar] Intertextualidade e influencias culturais
Houbo infinidade de adaptacións, versións e reescrituras da historia de Robinson ás máis diversas linguas e culturas, dende The Swiss Family Robinson do pastor suízo Johann David Wyss de 1812, á adaptación cinematográfica de Luis Buñuel: As aventuras de Robinson Crusoe de 1954.
En Emile, ou a educación, Jean-Jacques Rousseau desexa que Emile se identifique con Crusoe e que o imite na confianza que mostra en si mesmo. A Emile, o principal personaxe deste tratado, permíteselle que lea un só libro antes dos doce anos e ese libro é Robinson Crusoe. É a necesidade o que debería guiar o que debe ser aprendido e logrado.
Unha ópera cómica de Jacques Offenbach chamada Robinson Crusoé baseada nunha versión pantomímica é de 1867.
En 1971, o escritor francés Michel Tournier publicou unha sátira de Robinson Crusoe, Venres ou os Limbos do Pacífico, na que estigmatiza o protestantismo de Robinson.
A novela do Premio Nobel J.M. Coetzee, Foe, de 1986 é basicamente unha reimaxinación e reavaliación da mesma historia en termos de racismo.