Alexandre o Grande
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Alexandre III (356 a.C. – 323 a.C.), coñecido como Alexandre o Grande, Alexandre de Macedonia ou Alexandre Magno (Μέγας Ἀλέξανδρος), foi rei de Macedonia (336 - 323 a.C.) e un dos máis exitosos comandantes do mundo antigo, tanto que foi considerado por moitos o maior xenio militar da historia.
Índice |
[editar] Biografía
[editar] Primeiros anos
Alexandre era fillo de Filipo de Macedonia e de Olimpia de Epiro. A súa nai espallou o rumor de que era fillo de Zeus, quen a fecundara en forma de serpe; Filipo nunca desmentiu a lenda. Aos trece anos Alexandre marchou do seu fogar para ser educado por Aristóteles durante tres anos. Pouco despois, o seu pai casou con outra muller, que quedou embaraza, poñendo así en perigo a sucesión de Alexandre. Olimpia exiliouse na súa terra natal, e a relación de Alexandre co seu pai comezou a empeorar ata que finalmente, pouco máis tarde, segue a súa nai ao exilio. Pero finalmente o seu pai perdoouno e voltou á casa. Por aquel entón, Filipo estaba realizando varias campañas militares e asociou a Alexandre ás tarefas do goberno ao nomealo rexente (340 a.C.). No 338 a.C. dirixiu a cabalaría macedónica na batalla de Queronea. No ano 336 a.C. Filipo foi asasinado por Pausanias, un capitán da súa garda, que foi executado no acto. Descoñécense os verdadeiros motivos do asasinato; algúns historiadores pensan que Pausanias era amante de Filipo (que segundo o costume tiña varios amantes, tanto homes coma mulleres); outros que foi Olimpia a que estivo detrás. O certo é que foi Alexandre o máis beneficiado desta morte, posto que subiu ao trono con só vinte anos.
Tras a morte de Filipo, toda a Grecia sublevouse. Alexandre demostrou as súas habelencias militares ao facer fronte á rebelión, na que conquistou e destruíu Tebas. Antes de se lanzar a empresas de conquista, Alexandre quixo deixar o seu poder ben consolidado na Hélade. En primeiro lugar, asegurouse a fidelidade dos xenerais do seu pai, e logo dirixiu unha campaña contra os bárbaros que ameazaban a Tracia. Unha vez pacificados os confíns da Grecia, apresurouse a convocar a liga de Corinto, xa que corría o rumor de que na conspiración que acabara coa vida de Filipo, tamén finara Alexandre. O principal foco de rebelión era Tebas, e Alexandre conseguiu que a Liga se pronunciase por un escarmento. El mesmo arrasou a cidade por completo, da que só respectou a cidadela e a casa de Píndaro.
[editar] Campañas e conquistas
[editar] Asia Menor
No ano 334 a.C. comezou a campaña para conquistar Asia, proxecto que o seu pai non puidera levar a cabo. Cun exército de 32.000 soldados a pé e 5.000 cabaleiros no que predominaban os elementos macedónicos, venceu os persas na batalla de Gránico, na Frixia, e chegou a Troia, onde rendeu homenaxe ao seu heroe Aquiles. Continuou a descer cara o sul e conquistando as cidades gregas deica Halicarnaso, a máis meridional. Pero non as entregou á Liga, senón que as incorporou ao reino de Macedonia, o que deu lugar ás primeiras mostras de descontento.
Se os persas estivesen minimamente á altura do seu adversario, terían atacado Grecia e terían cortado as súas liñas de subministro, tal como aconsellaba Memnón de Rodas, un grego que cun grupo de mercenarios se pasara ao bando persa e sabía como se aproveitar das inimizades que Alexandre creara. Pero os persas optaron pola batalla campal, confiando en que se atopaban no seu territorio e cunha evidente superioridade numérica.
No ano 333 a.C. venceu novamente os persas na batalla de Isos, na costa siria, e Darío III, rei dos persas, tivo que fuxir. Alexandre proseguiu a súa campaña dirinxíndose a Exipto. Conquistou facilmente as cidades fenicias, agás Tiro, onde tivo lugar un largo asedio. Tras a rendición da cidade, Alexandre mostrou a súa crueldade matando miles de homes e facendo un gran número de escravos.
Darío dedicárase a reorganizar o exército mentres Alexandre se facía co dominio de toda a fachada mediterránea do Imperio. Á vista dos acontecementos, Darío amosouse disposto a lle ceder tódolos territorios a Oeste do Éufrates, pero iso era algo que Alexandre xa tiña conquistado, de xeito que declinou a súa oferta.
Chegou finalmente a Exipto, onde foi recibido coma un liberador e se fixo coroar como faraón en Menfis (332 a.C.). Fundou Alexandría no delta do Nilo e consultou o oráculo de Amón no oasis de Siwa. O oráculo rebeloulle a súa orixe divina e confirmoulle a súa misión universal. Xa fora este episodio unha montaxe de Alexandre ou dos sacerdotes amonitas, o certo foi que Alexandre se imbuíu de tal xeito no seu parentesco cos deuses que rematou converténdose nun déspota oriental, sobre todo tras a morte de Darío, perdendo con iso da amizade de moitos camaradas de armas gregos que, penetrados polo espírito igualitario, propio da súa cultura, negáronse a se prosternar diante de Alexandre.
No ano seguinte, Alexandre abandonou Exipto. A súa longa estancia neste país non foi aproveitada polos persas para se reorganizar, pois na batalla de Gaugamela, na bacía alta do río Tigris, Alexandre desfixo literalmente o exército aqueménida e, dun só golpe, desmantelou toda a estrutura do poder do Imperio, ao tempo que asumía o título de Emperador Persa. Darío fuxíu novamente, pero os seus nobres, que temían a persecución de Alexandre, asasináronno. Alexandre, furioso, decidiu render homenaxe ao seu rival e perseguir os traidores. Alexandre entrou triunfalmente en Babilonia, Susa, Persépolis, Pasargada e Ecbatana, as capitais persas. Pretendía constituír un imperio universal gobernado por gregos e persas unidos. Castigou coa morte a Beso, asasino de Darío, e casou coa princesa persa Roxana, dous actos simbólicos dos seus propósitos e de como se sentía continuador do soberano vencido.
[editar] A India
Alexandre considerou que a campaña da Liga de Corinto rematara coa destrución do Imperio Persa, e continuou por conta propia as súas conquistas. Estas leváronno as satrapías orientais e aos confíns da India, no que hoxe é Afganistán e as ribeiras do río Hifasis, afluente do Indo en 327 a.C.. O indios fixéronlle frente a Alexandre cun grande exército que incluía elefantes, pero Alexandre demostrou novamente o seu xenio militar ao vencelo de forma aplastante. Impresionado polo valor do rei indio, delvolveulle a súa coroa.
Neste punto, o exército negouse a seguir, e foi necesaria a volta. Os expedicionarios chegaron á desembocadura do Indo, onde construíron unha frota que os devolveu ao golfo Pérsico. Outra parte do exército voltou con Alexandre por terra cara a Babilonia, que pensaba converter na capital do seu imperio. A estrutura deste seguiría sendo a creada polos persas, a base de satrapías. Alexandre estaba submido nestes proxectos cando o sorprendeu a morte en Babilonia no ano 323 a. C. con 33 anos. Parece que o falecemento, tras unha enfermidade de dez días, debeuse á malaria e, en todo caso, non hai razóns para atribuílo ao envenenamento como se ten aventurado, se ben a desaparición do seu corpo no século IV fai imposible saber a verdade.
Alexandre morreu sen nomear un herdeiro. Tras a súa morte os seus xenerais loitaron polo control do Imperio, que quedou dividido en catro partes. Sobn as monarquías helenísticas.
[editar] Personalidade e vida privada de Alexandre
Son moitos os aspectos da personalidade de Alexandre que foron (e aínda son) discutidos. Alexandre, ademais de polo seu xenio militar indiscutible, destacaba pola súa crueldade frente aos seus inimigos (crueldade, por outra parte, bastante corrente na súa época). O seu lema era renderse ou morrer. Aínda así, Alexandre mostruose benévolo con aquelas cidades que se renderon sen opoñer resistencia. Durante unha festa, afectado polos excesos, matou o seu amigo Clito, o último dos xenerais de Filipo.
Estes feitos deu lugar á lenda negra de Alexandre, presentado como un megalómano, borracho e cruel, pero Alexandre tamén tivo moitos aspectos positivos. Educado por Aristoteles, Alexandre foi protector das artes e as letras, fundou varias cidades ás que lles puso o nome de Alexandría, a máis famosa delas é, sen dúbida, a de Exipto, que tivo a maior biblioteca da antigüidade. Tamén respetou tanto a relixión como os costumes dos lugares conquistados e difundiu a cultura helénica por eles. Alexandre intentou o seu pobo cos pobos coquistados, tal vez porque se deu conta de que para que o seu imperio perdurase era necesario que estivera unido. Mandou a varios dos seus oficiais, a pesar das súas protestas, desposarse con mulleres asiáticas e el mesmo deu exemplo casando con tres princesas, tamén incluiu soldados persas no seu exército. Para algúns historiadores, estas medidas, xunto co seu egoncentrismo, foron a causa do suposto evelenamento que acabou coa súa vida.
[editar] Sexualidade
Hoxe en día, os historiadores coinciden en que Alexandre tivo tanto amantes masculinos como femeninos, a pesar das protestas de algúns gregos que consideran a bisexualidade de Alexandre como unha difamación contra o seu heroe nacional. Débese ter en conta que na época de Alexandre o concepto de homsexualidade era moi diferente ao actual, era normal que os homes tiveran tanto amantes masculinos como femeninos, xa que se consideraba que un home se sentía atraido pola beleza, ora masculina ora femenina. Parece case seguro que o seu amigo Hefestión, a quen coñecía desde a infancia, foi tamén o seu amante segundo afirman varios historiadores antigos, outros afirman que tivo ademais varios amantes adolescentes. Chegouse a insinuar que Alexandre practicamente non sentía desexo coas mulleres, mais é dificil de crer dado que, á parte de ter concubinas, Alexandre casou tres veces: con Roxana de Bactria, Statira, filla de Darío III e Parysatis, filla de Ochus, ademais foi pai de polo menos dous nenos; Heracles, fillo dunha concubina, e Alexandre IV de Macedonia fillo de Rosana.