Carta Xeométrica de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Carta Xeométrica de Galicia é un mapa físico de Galicia, o primeiro da historia realizado con medicións matemáticas, obra de Domingo Fontán.
Domingo Fontán investiu nela dezasete anos da súa vida (1817-1834). Esta obra vai se-lo primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (medición de bases, triangulación, altimetría barométrica, etc.). Para cartografiar Galicia aproveitou os avances científicos, provintes sobre todo de Francia, e estableceu unha rede xeodésica, establecendo puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, para o que empregou instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago e adquiridos en París e Londres.
Tomou como punto cero a torre da Berenguela, na catedral compostelá. En 1817 vai inicia-los traballos da Carta, realizada a unha escala 1:100.000, pero ata 1830 non obtén o apoio oficial para redactala. Nese momento queda exento de impartir clases na Universidade de Santiago de Compostela. Para realizar esta Carta tivo que percorrer a pé e a cabalo toda Galicia. Nela aparecen localizadas as 4.000 igrexas das parroquias galegas e tódolos accidentes xeográficos importantes, acadando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite. En 1834 remata os traballos da Carta, e preséntanlla a raíña María Cristina, que dará orde de imprimila. Ata 1845 non foi posible a impresión, que se realizou en París, baixo a súa dirección, por L. Boufard.
O escritor Ramón Otero Pedrayo posuía un orixinal do mapa, que se conserva no pazo-museo de Trasalba.