Domingo Fontán
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Domingo Fontán Rodríguez (Portas 1788 - Cuntis 1866), ilustrado galego, coñecido sobre todo por se-lo autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia.
Pasou boa parte da súa vida vencellado á Universidade de Santiago de Compostela, onde primeiramente cursou os estudos de Filosofía, matriculandose o longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias Exactas e Teoloxía. En 1811 comezou a súa carreira de profesor como substituto do catedrático de Retórica e durante o curso 1813-14 substituíu ó titular da cátedra de Lóxica e Metafísica. En 1817 comezou os seus traballos de medición para realizar a Carta Xeométrica de Galicia, traballo no que investíu dezasete anos da súa vida e polo que é lembrado hoxe en día. En 1834 rematou os traballos da carta e presentouna oficialmente á Raiña Gobernadora, María Cristina, quen mandou imprimila, se ben non se puido realizar esta tarefa ata o ano 1845 en París. Este foi o primeiro mapa realizado en España con metodos científicos e medicións matemáticas.
Foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando este posto ata 1843, ano no que se retirou. Fontán fixo da súa causa a defensa de Galicia, sobre todo na abolición dos foros e na loita contra o caciquismo.
Participou na creación da primeira fábrica de papel de Galicia, construída en Lousame en 1863, e traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férra de Galicia en 1858, que uniu Santiago co Carril, proxecto aprobado polas Cortes en 1861, e que non foi inaugurado ata dez anos despois.
Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.