Lingua afrikaans
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O afrikaans é unha lingua xermánica occidental que se fala principalmente en Sudáfrica e Namibia
ISO/DIS 639-3: afr
Índice |
[editar] Falantes
Falan o afrikaans como lingua materna 6.200.000 persoas, ademais en Sudáfrica pode haber 4.000.000 que o teñan como segunda ou terceira lingua. O 60% dos brancos sudafricanos e o 50% dos mestizos teñen o afrikaans como lingua materna
- Sudáfrica 5.811.547 (censo 1996)
- Namibia 146.000
- Cimbabue100.000 (ou uns poucos miles)
- Bostwana 6.000
[editar] Distribución xeográfica
En Sudáfrica o afrikaans fálase na Cidade do Cabo e en toda a metade occidental do país ademais das cidades de Pretoria, Johannesburgo e Bloemfontein.
En Namibia a Constitución de 1990 garante ao afrikaans o status de lingua nacional, aínda que non é oficial como si o era antes da independencia. Aproximadamente o 25% da poboación de Windhoek ten o afrikaans como lingua materna.
En Cimbabue existía unha comunidade afrikaans importante, pero a maioría emigraron despois de 1980, e actualmente descoñécese o seu número. En Malaui e Zambia hai pequenas minorías de lingua afrikaans.
En Botswana fálase no distrito de Ghazi e na vila de Takatokwane, no distrito de Kweneng.
Como resultado da emigración actualmente existen colonias falantes de afrikaans en Australia (Perth), Nova Celandia, en Canadá (Vancouver e Toronto), Arxentina, Reino Unido (Londres), Estados Unidos, Países Baixos e Bélxica.
[editar] Dialectos
- Afrikaans do Cabo Oriental (Oosgrensafrikaans), base da lingua estándar
- Afrikaans do Cabo (Kaaps Afrikaans)
- Afrikaans do Río Orange (Oranjerivierafrikaans).
[editar] Orixe
Orixinariamente o afrikaans é unha variedade local do neerlandés que se desenvolveu na colonia neerlandesa da Cidade do Cabo despois que a Compañía Holandesa das Indias Orientais establecera alí unha colonia en 1652, aumentada con emigración de holandeses, alemáns e franceses entre os séculos XVIII e XIX, esa poboación europea mesturouse coa poboación local bantú e khoisan, así como con poboación procedente das colonias holandesas de Asia.
Á lingua local denominouse inicialmente holandés do Cabo (Taal Dutch), houbo tamén outras linguas creoulas que influíron no desenvolvemento do afrikaans: o Orange Rivers Afrikaans (ou Kleurling Afrikaans) falada por europeos mesturados con falantes de linguas khoisan, nama e outras poboación africanas (os seus falantes coñecíanse como griqua ou koranna). Os Rehobot Basters era unha poboación rural descendente de homes holandeses e mulleres khoi que falaban un creoulo semellante. O cabo malaio era a variedade afrikaans falada pola poboación islámica descendente de malaios.
A mutua interferencia do afrikaans con estas outras variedades creoulas levou á a unha grande regularidade da gramática. O holandés do Cabo diverxía ademais do neerlandés na introdución de préstamos do baixoalemán, alemán, francés, portugués, do malaio e outras linguas malaio-polinesias e das linguas africanas, aínda que comparte o 85% do léxico co neerlandés.
[editar] Gramática
O afrikaans presenta unha forte simplificación gramatical comparada co neerlandés, non distingue xéneros gramaticais nos substantivos, o plural indícase mediante o morfema -e, (neerlandés -en, -n, -s, -'s) e posúe un único artigo, die.
Non presenta inflexión verbal, hai que colocar o pronome antes para saber quen fai a acción.
Conta con 15 vogais, e é unha das poucas linguas xermánicas en empregar a dobre negación: Hy kan nie Afrikaans praat nie. (literalmente El pode non afikaans falar non.)"
[editar] Historia
O afrikaans considerouse un dialecto do neerlandés ata comezos do século XX, lingüísticamente aínda está próximo ao holandés (dialecto neerlandés) que se falaba nas provincias de Holanda do Norte e Holanda do Sur no século XVII, e por extensión ao neerlandés moderno.
O holandés do Cabo diverxía do neerlandés na introdución de préstamos do baixoalemán, alemán, francés, portugués, do malaio e outras linguas malaio-polinesias e das linguas africanas.
Arnoldus Pannevis (1838-1884) foi un reverendo neerlandés considerado o pai do afrikaans, á súa chegada a Sudáfrica deuse de conta que a lingua difería considerablemente do neerlandés, e puxo os alicerces para que fose considerada unha lingua diferente.
Despois da guerra boer de 1899-1902 produciuse un movemento de reivindicación política da lingua que deu como resultado que en 1925 o goberno da Unión Sudafricana oficializara o afrikaans, en substitución do holandés. A máis grande asociación de defensa do afrikaans fundouse en Cidade do Cabo o 19 de agosto de 1930, a Afrikaanse Taal- en Kultuurvereniging(ATKV), aínda que ao seu primeiro mitín só acudiron 33 persoas, ao ano seguinte xa tiña 30 seccións locais.
En 1933 publicouse a tradución completa da Biblia.
En 1976 a intención do goberno sudafricano de establecer o afrikaans como lingua vehicular das escolas negras en substición do inglés provocou disturbios en Soweto que chamou a atención internacional sobre o réxime do apartheid A Constitución de 1994 proclama o afrikaans unha das once linguas oficiais do país, malia iso o inglés cada vez actúa máis como lingua pública.
En 1996 a SABC reduciu as emisións de televisión en afrikaans, como reacción en 1999 fundouse unha televisión de pago en afrikaans (KykNet) con moito éxito
[editar] Escrita
Ao primeiro os falantes de afrikaans escribían en neerlandés estándar, pero arredor de 1850 o afrikaans comeza a se utilizar en folletos relixiosos ou políticos, pero aínda considerado un dialecto rexional. En 1856 aparece o primeiro libro en afrikaans, era un libro relixioso islámico en alfabeto árabe, escrito na variedade afrikaans coñecida como cabo malaio ou afrikaans do Cabo.
En 1875 creouse a Genootskap vir Regte Afrikaanders (Sociedade dos verdadeiros Africáners) que publicou moitos libros en afrikaans, incluíndo gramáticas, dicionarios, material relixioso e historias, e elaborou unhas normas baseadas nos dialectos falados polos brancos.