Nicolás II de Rusia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Nicolás II, nado Nikolái Aleksándrovich Romanov (en ruso Николáй Алексáндрович Ромáнов) (San Petersburgo, 18 de maio de 1868 – Ecaterimburgo, 17 de xullo de 1918) foi o derradeiro zar de Rusia (1894-1917) até a súa abdicación en 1917; coa súa execución polo movemento revolucionario dos bolxeviques, durante a Revolución Rusa de 1917 extinguiuse a dinastía Romanov.
Índice |
[editar] Biografía
Fillo do Zar Alexandre III de Rusia e da Princesa Dagmar de Dinamarca e neto por vía paterna do Zar Alexandre II de Rusia, e pola vía materna do Rei Cristián IX de Dinamarca. Naceu no palacio real de Tsarskoie Selo, nas aforas de San Petersburgo (daquela capital do Imperio Ruso) o 8 de maio de 1868 (18 de maio segundo o calendario xuliano). Sendo o fillo maior do herdeiro ao trono, Nicolás recibiu o título de "Tsezárevich", co que se recoñecía que o día no que o seu paí subira ó trono, Nicolás convertiríase en herdeiro. Tivo tres irmáns e dúas irmás.
Recibiu unha boa educación, centrada na política e relixión, que o convertiu nun home conservador e relixioso, pero ó mesmo tempo devoto á vida familiar que tería anos despois de casar. A súa xuventude pasouna na compaña dos seus pais, polos que sentía moito afecto, e relaxábase na presencia dos seus numerosos curmáns. O 1 de marzo de 1881 o seu avó foi asasinado por anarquistas, e Nicolás converteuse en herdeiro ó trono.
En 1894 acordouse a voda entre el e a Princesa Alix de Hesse-Darmstadt, unha neta da raíña Vitoria de Inglaterra e a súa curmá-segunda (o seu pai era curmán do dela). Unhas semanas antes da voda, o 1 de novembro de 1894, o seu pai, o Zar Alexandre III morreu dunha afección renal, e Nicolás subíu inesperadamenete ó trono. Pouco preparado, Nicolás, que era de persoalidade feble, precisaba de apoiarse na súa querida Alix, con quen casou o 26 do mesmo mes.
Nicolás e Alexandra (versión rusificada do nome que ela adoptou tra-la súa conversión á Ortodoxia rusa) tiveron catro fillas e un fillo: Olga, nacida en 1895, Tatiana, en 1897, María, en 1899, Anastasia, en 1901, e Alexis, en 1904. Desgraciadamente, o neno sufría de hemofilia. En constante perigro de morte, Alexis precisaba de vixilancia as 24 horas do día, e a súa nai, aconsellada por dúas parentes do seu marido, coñeceu a Grigori Rasputín, un monxe que dicía ter poderes diviños que podían cura-lo herdeiro. Tanto Nicolás coma Alexandra non dubidaron de Rasputín, e o acolleron durante anos. Sen embargo, Rasputín exerceu a súa influencia sobre o Zar para involucrarse en temas de política. Unha conspiración acabou coa súa vida en decembro de 1916.
En 1914 estalou a Primeira Guerra Mundial. Rusia, aliada co Reino Unido e Francia, combatiu contra Alemaña e Austria. A guerra dividiu mesmo á familia real, pois a Zarina era curmá tanto do Rei de Inglaterra, Xurxo V, coma do Káiser de Alemaña, Guillerme II, pero tamén da raíña de Romanía, da raíña de Noruega e da muller do Príncipe Herdeiro de Suecia.
[editar] Política internacional
A instancias dos seus conselleiros, Nicolás esforzouse por estender a súa influencia en Asia, rivalizando coas potencias occidentais na carreira imperialista; ordenou a intervención de Rusia na Guerra Chinés-Xaponesa de 1896, no establecemento da base de Port Arthur en 1898, a ocupación de Manchuria en 1900, e acordou cos británicos o reparto de Persia en esferas separadas de influencia en 1907.
Os intentos por exercer unha influencia determinante en Europa Oriental e os Balcáns como cabeza dun movemento paneslavista deron lugar a múltipes conflitos e tensións internacionais, en virtude do alineamento ruso con Serbia fronte aos intereses do Imperio Austrohúngaro; pero, tras sofrer unha primeira derrota diplomática na crise de Bosnia (1908), as Guerras Balcánicas de 1912 e 1913 acabaron definitivamente co control ruso sobre a península balcánica.
Estableceu excelentes relacións con Francia, o sue máis leal aliado, e con Alemaña, grazas ao seu estreito parentesco co káiser Guillerme II; este último foi largamente o seu conselleiro de maior confianza en materia internacional, aínda que moi manipulador, resultaba evidente para calquer operador político máis sagaz que o zar, que os seus consellos estaban orientados a empregar a influencia rusa para controlar os intereses doutras potencias, moitas veces en beneficio directo de Alemaña e socavar a alianza entre Francia e Rusia. A longo prazo, a influencia nefasta de Guillerme II ía ser a ruína para Nicolás II.
[editar] Autocracia e procesos revolucionarios
En política interior, Nicolás seguiu a liña autocrática dos seus antecesores, aínda que suavizando un pouco a liña deles, pero máis ben á marxe da súa intervención directa, o seu país tivo un proceso de industrialización acelerada que permitiu a Rusia entrar na era moderna, pero que tamén fixo xurdir importantes núcleos obreiros en forma de sindicatos.
A iniciativa do movemento liberal presentada ao novo Zar, de establecer unha Constitución que fixase as normas do exercicio do poder atopouse, con todo, cun rotundo rexeitamento monárquico; seguindo o consello de Pobiedonostev, Nicolás mostrouse severo co que cualificou de "insensatos soños de participación en asuntos de administración interna". A súa rixidez alienou a sectores non particularmente comprometidos cunha ideoloxía afín á revolución, e foi causa de moitos se mostrasen descontentos.
Un destes descontentos chamábase Lenin, un avogado que proviña da rexión de Simbirsk, cuxo irmán, Alexander Uliánov foi executado por intento de asasinato de Alexandre III en 1887.
Vladimir Ilich Uliánov, máis tarde Lenin, realizou actividades subversivas en San Petersburgo, foi arrestado e exiliado a Siberia, e logo de ser liberado trasladouse a Xenebra e Londres para fundar as bases do movemento comunista. O alimento para as correntes revolucionarias como as que encabezarían Lenin, Trotski e outros, eran a carencia dunha política social máis solidaria de parte dos gobernantes, isto permitiu que se agravasen os grandes problemas históricos do réxime zarista: a pobreza do campesiñado, a moi desigual distribución da terra, e a forte restrición no acceso aos cargos públicos. Isto ía ser o caldo de cultivo nos sindicatos das industrias para os grupos revolucionarios que xa estaban en xestación.
[editar] Guerra con Xapón e instauración da Duma
- Ver: Guerra Ruso-xaponesa
En 1905, intentando conter o avance xaponés en Indochina, que ameazaba os portos rusos orientais, Nicolás declarou a guerra ao Xapón. Debido á incompetencia dos almirantes rusos, os xaponeses asediaron e bloquearon Port Arthur e Vladivostok, propinando unha severa derrota á frota rusa, parte da cal quedou encerrada en porto e semiafundida.
O emperador entón nun desesparado esforzo mobilizou á frota do Báltico, con buques de guerra inadecuados para alta mar, nun periplo que a levou a dar a volta a Europa e África, sostendo graves conflitos diplomáticos con Inglaterra (incidente do Dogger Bank) e Alemaña (que lle virou as costas) no transcurso da accidentada viaxe, para logo de case ano e medio de navegación chegar ao estreito de Tsushima, onde foi derrotada polas forzas navais xaponesas ao mando de Heihachiro Togo.
O descontento popular por esta derrota, sumado á crise interna, estalou nunha revolución naquel mesmo ano, que foi severamente pero ineficazmente reprimida no chamado Domingo Sanguento. Ante a ameaza dun alzamento, o zar, mal aconsellado polo seu ministro Sergei Witte anunciou en 1905 varios cambios institucionais dirixidos a diminuír o tinte absolutista da monarquía; o máis importante destes foi a convocatoria dunha Duma ou Parlamento, con potestades lexislativas limitadas, xunto coa promulgación en abril de 1906 dunhas leis fundamentais que deron un carácter semi-constitucional á monarquía.
Con todo, ao percibir que os integrantes da Duma planeaban poñer coto ao carácter autocrático do goberno, foi disolta e substituída por outra máis representativa dos intereses monárquicos; Nicolás esixiu ademais a dimisión do seu primeiro ministro, Sergei Witte. Cando o sucesor de Witte, Piotr Stolipin disolveu pouco despois a segunda Duma e modificou as leis electorais para asegurarse unha composición leal aos intereses zaristas, deixou ao descuberto a continuidade do sistema autocrático. Este mal manexo da situación fixo estalar a segunda rebelión bolxevique.
[editar] Abdicación de Nicolás II
As sucesivas derrotas fronte ao moito máis moderno exército alemán, sumado á influencia revolucionaria no interior, acabaron por desmoralizar ás tropas, provocando desercións masivas que alimentaron os mítins revolucionarios. Cando as revoltas desarticularon finalmente as estruturas burocráticas do Estado, a segunda Duma pediu a abdicación do Zar. Estes feitos facilitaron a Segunda Revolución Rusa de febreiro de 1917 (febreiro de acordo ao calendario empregado en Rusia nese momento; o 15 de marzo de acordo ao calendario gregoriano), que derrocou ao zar e instaurou un goberno republicano provisionalmente presidido por Georgy Lvov e logo por Alexander Kerenski.
Nicolás II, incapaz de controlar a situación, abdicou os seus dereitos e os do seu fillo en favor do seu irmán Miguel IV de Rusia; o gran duque Miguel rexeitaría o ofrecemento, dando así fin á dinastía Romanov.
Nicolás deixouse deter sen ofrecer resistencia ao seu regreso da desmoronada fronte. Foi confinado xunto coa súa esposa e fillos no palacio de Tsarkoe Seló, nos arredores de San Petersburgo, retendo algúns privilexios domésticos.
Alexander Kerenski, non era inimigo do zar, e ata chegou a apreciarlle nesta etapa, e intentou buscar a súa saída ao estranxeiro, pero o novo goberno dos soviets, prohibiron o seu exilio; ademais sumouse o infausto feito que tanto Inglaterra, Alemaña e a súa aliada Francia ignoraron os requerimientos de exilio.
En agosto de 1917, temendo un intento de asasinato, Kerenski exiliou aos Romanov a Tobolsk, en Siberia. Antes de partir Kerenski preveu a Nicolás: " Os soviets desexan a miña cabeza, despois virán por Vd.,.... e a súa familia".
O primeiro ministro británico Lloyd George, a quen se solicitou asilo, declinou a proposta, así como os franceses, non desexando agravar a xa complexa situación política de Europa.
[editar] Morte e desaparición do Zar e a súa familia
En outubro a Segunda Revolución Rusa, en que os bolxeviques liderados por Lenin derrocaron ao goberno de Kerenski, ordenaron o traslado da familia imperial a Ecaterimburgo, que se achaba baixo control do Exército Vermello.
O 4 de xullo de 1918, ante o avance das lexións Checoslovacas chamadas Exército Branco, cara á cidade, temeuse que as tropas liberasen á familia e intentasen restaurar o réxime do zar. Unha escadra ao mando de Iakov Iurovski relevou á garda da casa, e o 13 de xullo recibiu a orde do Soviet dos Urales de executar a toda a familia.
Na medianoite do 17 de xullo o Zar xunto cos integrantes da familia foron levados ao baixo da casa Ipatiev onde estaban encarcerados, xunto a algúns servintes próximos, un médico leal e ata o can do neno. O pretexto era que se lles ía a tomar unha fotografía antes de partir. Nicolás II colocou ao herdeiro nos seus xeonllos mentres tomaba asento xunto á emperatriz, as fillas sentáronse atrás e os servintes e o médico aos costados, de pé. Pasaron uns instantes e repentinamente entrou Iakov IurovskI co revólver en man e 17 soldados armados con fusil á baioneta. O Zar morreu con 50 anos recentemente cumpridos.
Iakov Iurovski levanta o revólver e declara ao zar que o pobo ruso condenoulle a morte e dispara case a pelacorpo a Nicolás II, quen cae instantaneamente morto. Seguidamente os fusileiros realizan unha descarga ao resto da familia, as nenas que levaban corsés apertados e ademais no seu interior estaban cargados con xoias non morren inmediatamente e son rematadas á baioneta. Unha das servas que non recibiu a primeira descarga é perseguida dentro da habitación e rematada a baionetazos, ata a mascota é morta dun disparo. Os camións que estaban fóra cos seus motores en funcionamento ocultaron co seu ruído o ruído da matanza. Posteriormente os corpos son levados nos mesmos camións e depositados nunha mina abandonada.
Ao día seguinte, Iurovski, temendo que o rumor sobre o fusilamiento inducise a recuperar os corpos, ordenou o seu traslado e destrución dos cadáveres por lume e ácido.
[editar] O achado dos corpos
En 1979, os historiadores afeccionados Alexander Avdonin e Geli Riabov acharon a posible tumba da familia imperial no bosque de Koptiaki. Temendo informar do descubrimento, non o fixeron público ata anos despois. O 12 de abril de 1989 os xornais informaban do achado. A tumba non foi aberta ata 1991 polas autoridades soviéticas, achando no seu interior nove corpos. Mediante o exame dos esqueletos, os científicos soviéticos concluíron que faltaban os corpos de Alexis e a Gran Duquesa María.
Tras solicitaren a axuda de científicos independentes, en 1992 o equipo do antropólogo norteamericano William R. Maples chegou a conclusións similares ás dos seus colegas, aínda que creron que os corpos faltantes correspondían a Alexis e a Anastasia.
As identificacións dos esqueletos foron confirmadas posteriormente mediante análises de ADN.
[editar] Canonización
En 1981, a Igrexa Ortodoxa Rusa no exilio canonizou aos integrantes da familia Romanov, unha decisión refrendada en agosto de 2000 polo sínodo da Ortodoxia Rusa. Dende 1998 os seus restos repousan na Catedral de San Pedro e San Paulo de San Petersburgo.
Predecesor: Alexandre III |
Zar de Rusia 1894 - 1917 |
Sucesor: Gran Duque Miguel |