Rei Artur
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O rei Artur é unha importante figura da mitoloxía de Gran Bretaña orixinada na mitoloxía celta, representa o ideal do cabaleiro na guerra e na paz. É a personaxe principal no ciclo de lendas coñecido como Materia de Bretaña. Os investigadores non concordan sobre se realmente existiu, nas máis antigas referencias dos textos galeses non se lle dá o título de rei, senón dux bellorum. o seu nome procede de arz (oso) símbolo da forza, da estabilidade e da protección
A máis antiga referencia dun historiador é do monxe e historiador galés Nennius, por volta do ano 826, en Historia Britonum, narrou unha ducia de batallas épicas de Artur contra dos bárbaros (xutos, anglos, saxóns...). Segundo Nennius, Artur viviu entre fins do século V e comezos do seculo VI, e datou a súa morte no ano 542 da man do seu sobriño Mordred.
No século X aparece nos Annales Cambriae que no ano 516 rexistra a vitoria de Artur contra dos saxóns e no 537 a súa morte nunha batalla.
[editar] A historia resumida
O centro desta historia é a procura do Santo Grial, aquela copa da que bebera Xesús na última cea, da que se dicía que tiña poderes máxicos curativos e rexenerativos. Esta copa sería dada a Xesús de Arimatea, e os seus descendentes levaríana a Inglaterra. Merlín solicitaríalle a Artur que buscara o Santo Grial e este mandou os seus cabaleiros para o encontrar.
O Artur literario é fillo dun rei dunha pequena comarca, chamado Uther Pendragon, quen desexaba a Igrayne, esposa de Gorlois, duque de Cornualles. Uther fai que o mago Merlín embruxe a muller para que, cando el ingresase aos seus aposentos, ela crese que se trataba do seu esposo. Uther, aproveitando o engano, mantén relacións sexuais con Igrayne, enxendrando con ela un fillo: Artur.
Cando o neno nace, Merlín cólleo e entrégallo a sir Héctor para que o coide e o críe como o seu propio fillo, Kay. Igrayne e Gorlois xa tiveran a Morgana, irmá maior de Artur. Sería enviada á Illa de Ávalon coa súa tía, a Dona do Lago, onde se convertería en sacerdotisa e, despois, sucesora da Dona.
Aos 16 anos, Artur diríxese co seu padrastro e o fillo deste a Londres, onde cabaleiros de toda Inglaterra intentan sacar unha espada da súa prisión, unha zafra que –á súa vez- estaba prisioneira dun anaco de mármore. A lenda contaba que quen a liberase sería o rei de Inglaterra e o encargado de unificar todos os reinos da illa. Nalgunhas versións a lexendaria espada Excalibur e esta son a mesma, mentras que noutras, Excalibur foille entregada posteriormente por un ser semellante a unha ninfa, que era chamada a Dona do Lago.
Infrutuosamente, todos os cabaleiros intentaron extraer a espada, mais é Artur, sen ser cabaleiro aínda, quen logra liberala, e élle revelada a súa verdadeira identidade. Coa resistencia de todos os presentes, é proclamado rei; porén, pouco a pouco todos o aceptan e Artur xura impartir xustiza a todos os homes de Inglaterra sen ter en conta a súa posición social.
Xa no seu castelo de Camelot, rodease dos cabaleiros máis valentes e honestos: Lanzarote, Percival e outros, e xunto con eles funda a Orde da Mesa Redonda. Bretaña goza, entón, de 12 anos de paz.
Os cabaleiros de Artur, en busca do Santo Grial, combateron en bosques sombríos e castelos contra duendes, dragóns e outras bestas, e regresaban a Camelot para contar as súas aventuras na mesa redonda onde se reunían.
Artur casa con Xenebra, unha fermosa doncela, de quen se enamora Lanzarote e a quen ela corresponde. Mordred, fillo de Artur e Morgana, irmá de Artur (segundo as versións máis antigas, Mordred era fillo de Morgause, unha das tías de Morgana e Artur), acaba sabendo do idilio e denúnciao ante Artur, que se ve obrigado a mandar a súa esposa para a fogueira, segundo as leis da época. Lanzarote salva a raíña e foxe con ela a Francia.
Artur sae en persecución dos amantes e deixalle encargado o reino ao seu fillo Mordred, quen se apodera do trono. Ao regreso de Artur, el e os seus cabaleiros deben loitar para recuperar o trono, na Batalla de Camlann. Arturo enfróntase ao seu fillo, a quen atravesa coa súa lanza. Mais Mordred, antes de morrer, fere fatalmente ao seu pai Artur, e morren ambos.
A historia conta que a súa irmá Morgana levou o corpo de Artur nunha barca ata as marxes de Ávalon. Porén, outras versións sosteñen que foi enterrado xunto a unha pequena ermida nun bosque, polo que se descoñece o seu paradeiro; e outras que o enterraron en Glastonbury. Posteriormente, cando Xenebra morre, Lanzarote sepúltaa xunto á tumba do Rei Artur.
[editar] O rei Artur e os seus cabaleiros na literatura galega
- O ciclo bretón na literatura galega medieval
- Ramón Cabanillas: O cabaleiro do Sant Grial
- Xosé Luís Méndez Ferrín: Amor de Artur
- Darío Xohán Cabana: Galván en Saor
- Carlos G. Reigosa: Irmán rei Artur
[editar] Ligazóns externas
- Texto en pdf sobre Irmán rei Artur, de Carlos G. Reigosa
- Noticia da BBC: Pista sobre o Rei Arturo, en inglés
- Referencia á Arthnou Stone, na revista British Archaeology
- Ilustracións e textos sobre o rei Artur, en francés
- Versión en banda deseñada do rei segundo Marvel Comics, en inglés