Coello
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Coello | ||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
Nome científico | ||||||||||||
Oryctolagus cuniculus | ||||||||||||
Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos |
O coello (Oryctolagus cuniculus) é un mamífero lagomorfo, da familia dos Leporídeos, que existe no estado selvaxe, habendo tamén moitas subspecies domesticadas en case todo o planeta. Útil ás persoas pola súa carne, usada como alimento, e pola pel, usada para confeccionar vestuario. Hai unha crenza popular que di que o pé de coello é un amuleto de boa sorte. Hoxe en día é tamén frecuente as persoas criaren coellos como animais de compañía.
Os coellos distínguense das lebres por seren altriciais.
O tamaño dos coellos é variábel. Como todos os lagomorfos, posúen catro incisivos na mandíbula superior e dous na inferior que medran continuamente durante a súa vida. Nisto diferéncianse dos roedores, que posúen dous tanto na superior como na inferior. Os coellos teñen orellas longas, patas posteriores grandes e colas pequenas e suaves. Desprázanse saltando, para o que utilizan as súas poderosas patas posteriores. Para facilitar o movemento rápido estas se achan revestidas dunha coberta grosa de pel que amortece o impacto dos pulos rápidos. Os catro dedos posteriores son longos e están unidos por unha membrana que evita que se separen nos saltos. Posúen cinco dedos nas patas posteriores. Dependendo da especie poden atinxir unha velocidade de 15-20 m/s. Os coellos novos (cazapos, cazapellos ou láparos) parecen "camiñar" en vez de saltar.
Os coellos escavan redes de túneis, ou tobos ou coelleiras, nas que permanecen a maior parte do tempo.
[editar] O Coello na cultura
O coello é un animal presente na cultura popular como símbolo de fertilidade e asociado tamén á Pascua. Polo seu carácter de animal de presa parece que se presta como símbolo da inocencia e do ser que non desexa mal para outros. Ademais, utilízase con frecuencia como símbolo de sexualidade con xogos, baseada precisamente na imaxe de inocencia xunto coa súa reputación como enxendrador (como o logotipo da revista Playboy).
Tamén é un arquetipo popular to trampulleiro, que utiliza o seu enxeño para vencer os seus inimigos, como aparece nas fábulas centroeuropeas e na personaxe de Bugs Bunny. Ademais deste último, teñen aparecido moitos outros coellos antropomórficos na literatura, como o Coello Branco das Aventuras de Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll e nas novelas de Beatrix Potter.
Un dos doce animais do Zodíaco chinés é un coello.
Disque as patas de coellos traen sorte, polo que se levan como amuleto.
Na tradición xaponesa, os coellos viven na Lúa, onde fan mochi, un petisco a base de arroz. Esta idea parte da interpretación visual dos mares da lúa como un coello de pé nas puntas dos pés mirando cara a esquerda e traballando cunha manteigueira.