Historia da escravitude
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Documentos e evidencias sobre a escravitude pódense atopar en case tódalas culturas e continentes, porén as súas orixes son descoñecidas. O escravismo pode ser rastrexado non máis antigos textos, como o Código de Hammurabi, en Mesopotamia, datado no segundo milenio a.C., que xa se refire ao escravismo como unha institución arraigada. O traballo forzado de mulleres nalgunhas culturas antigas e modernas pode ser identificado con escravitude. Neste caso soe incluír servizos sexuais.
A historia da escravitude no mundo antigo está estreitamente ligada á guerra. As fontes documentares de Mesopotamia, de Exipto, do Israel antigo, Grecia, Roma, Persia, da China, das civilizacións maia e azteca e da India, están repletas de referencias á escravitude en relación coa guerra. Os prisoneiros de guerra eran frecuentemente reducidos á escravitude polos seus vencedores ou captores, a miúdo obrigados a traballar en labores militares, de enxeñaría civil ou agrícolas, ou ben como serventes domésticos. Moitas propiedades da Antigüidade mantíñanse do labor de un ou máis escravos. Independentemente das testemuñas escritas directas, a escravitude doméstica e a escravitude de concubinato, foi observada entre pobos nómades de Arabia, entre nativos de América, cazadores e recolectores de África, Nova Guiné e Nova Zelandia, e entre os pobos xermanos, os viquingos, e outros pobos.
Ademais da guerra como fonte de aprovisionamento de escravos, o castigo penal de criminais convertía a estes en escravos, de ordinario como forma de compensar as vítimas. A escravitude por débedas existíu en moitas sociedades primitivas. Así entre grupos africanos, mulleres e nenos eran dados como reféns por débedas ou outras obrigas, se tales obrigas non eran resarcidas, os reféns pasaban a ser escravos.
Moitas sociedades antigas posuían máis poboación escravizada que poboación libre, que era a que controlaba a aqueles. Estaba permitida a crueldade e os abusos con os escravos, mais con frecuencia recibían un tratamento semihumanitario como propiedade valiosa.
Índice |
[editar] Escravismo antigo
[editar] Antigo Exipto
Os exipcios utilizaron escravos capturados en guerras ou comprados a estranxeiros. Porén, ao contrario da crenza popular, as grandes pirámides foron construídas por persoas libres, non por escravos. Non usaron escravos en grande número. Todos os escravos provenientes de captivos de guerra eran considerados propiedade do faraón e non eran vendidos a propietarios particulares, aínda que o soberano podía doar ou regalar escravos a xenerais ou sacerdotes. Os escravos foron tamén conseguidos nos diversos períodos faraónicos mediante expedicións a Nubia, no Sur, e ao Punt, o "país dos negros".
O escravismo exipcio é tamén lembrado en pasaxes bíblicas. Así Xosé, o fillo de Xacob, é vendido como escravo en Exipto, aínda que acaba ascendendo ata ocupar un elevado rango na corte faraónica. Posteriormente no libro do Éxodo coñecemos como todos os hebreos residentes en Exipto sonnreducidos á escravitude. Sábese doutros casos de escravos exipcios, que como Xosé, ascenderan socialmente, logo de casar con nativas. Porén, existen numerosos exemplos de escravos que traballaban ata morrer nas minas de cobre exipcias da península do Sinaí. Como en outras sociedades, houbo unha ampla variedade de escravos: desde escravos domnésticos e tutores que atinxían un alto prezo, a artesáns hábiles, a traballadores rurais (así aparecen pintados escravos canaanitas en labores de prensado de uvas).
[editar] Escravismo na Grecia antiga
A escravitude aparece como normal e natural, segundo mesmo defenden os filósofos clásicos con Aristóteles á cabeza. A man de obra escrava resulta indispensábel en todo tipo de tarefas (construcción, agricultura, artesanato, etc). A escravitude é imprescindíbel para o funcionamento da democracia ateniense, a fin de deixar tempo para a política aos homes libres. Estímase que na época clásica 3/4 da poboación ateniense eran escravos.
En Atenas, a pole da que estamos mellor informados, había varias categorías de escravos:
- Escravos domésticos, que viven na casa dos seus amos, traballando na mesma morada, no campo ou nunha tenda.
- Escravos "dependentes" (choris oikountes), que non viven con os seus amos, mais traballan nos negocios deles (facendas rurais, tendas, talleres,...), dirixíndoos incluso, e que pagaban unha taxa monetaria a eses mesmos amos (mesmo houbo unha sociedade que alugaba este tipo de escravos).
- Escravos públicos, que traballaban como policías, porteiros, secretarios, varrendeiros, etc.
- Captivos de guerra (andrapoda), que servían nomeadamente en tarefas non-especializadas e rudas, nas que podían ser encadeados, p.ex. remeiros en barcos ou mineiros.
Os escravos en Grecia tiñan algunhas oportunidade para emanciparse, aínda que fose custosa para os seus amos. A lei daba algunha protección aos escravos, e pese a que a lei permitía que fosen golpeados, certas limitacións morais e culturais impedían un excesivo uso da violencia por parte dos donos.
Situación diferente era a dos hilotas de Laconia, clarotas de Creta, penestas de Tesalia ou gimnetas de Argos; a súa condición é máis parecida a dos servos da gleba medievais: suxeitos a terra, herdando a condición de pais a fillos, non poden ser vendidos.
[editar] Roma Antiga
Consonte Roma se expandeu cara o exterior, poboacións enteiras foron escravizadas. As persoas suxeitas ao ecravismo romano procedían de toda Europa e os países mediterráneos. Tal opresión por un grupo minoritario provocou levantamentos eventuais (ver Guerras Servís romanas); a Terceira Guerra Servil foi orixinada pola rebelión de escravos conducida por Espartaco foi o máis famoso e cruel dos levantamentos escravistas. Individuos gregos, africanos, xermanos, tracios, galos, xudeos, árabes e doutras moitas procedencias foron escravizados, non só como forza de traballo, senón incluso como diversión (p.ex., gladiadores). O escravo que se levantaba contra o poder romano era condenado a crucifixión (como todos os que se sublevaban), pero tamén o escravo que simplemente tentaba fuxir podía ser crucificado.
A escravitude chegou a ser un piar económico vital para Roma. Durante a República e o Alto Imperio calcúlase que entre o 15% e o 20% da poboación eran escravos, e ata o século II - cando foron promulgadas leis protectoras dos escravos - un amo podía legalmente matar un escravo. Porén isto parece que foi sempre raro, por complexas razóns sociais. En todo caso a Lei Cornelia, do 82 a.C., prohibía ao amos matar seus escravos; a Lei Petronia, do 32 a.C., vedaba que os escravos fosen obrigados a combater no circo. Suetonio escrebeu (Claudius, 25), que sob o emperador Claudio, se un amo descoidaba a saúde dun seu escravo, ata o punto de morrer este, o amo podía ser acusado de asasinato; aínda máis se se recobraba nun templo de Esculapio, podía ser libre. Dión Crisóstomos, un estoico greco que vivíu en tempos do emperador Traxano, dedicou dous Discursos (14 e 15), que foron debatidos dous días no Foro, a combater a escravitude. Séneca (en De Clementia, 1:18), no século I d.C., relata que amos que foron crueis con os seus escravos foron insultados publicamente. O emperador Hadriano, no século II, renovou as leis Cornelia e Petronia. O lexislador Ulpiano, un estoico do século III d.C., proclamou ilegal que os pais vendesen seus fillos como escravos. Eo emperador Diocleciano (séculos III-IV) elevou a ilegal que un acredor reducise á escravitude a un debedor e que calquer persoa se poidese vender ela mesma como escravo para pagar unha débeda.
O número de escravos liberados (manumissio) chegou a ser importante, de xeito que houbo que ditar leis que impedían a práctica masiva, para non pór en perigo os dereitos dos herdeiros. Eses escravos libres eran denominados libertos, e o gorro frixio foi o símbolo da súa liberdade. Quedaban vinculados ao amo, para quen realizaban negocios, chegando a constituír un estrato social importantísimo e, en casos, poderoso economicamente (un liberto, novo rico, é o protagonista da novela Satiricón de Petronio). Máis dun emperador contaba con libertos entre seus ascendentes.
[editar] O escravismo na Idade Media
.
À fin da Roma antiga corresponde, en Occidente, o paso progresivo da escravitude a unha forma "dulcificada", a servidume, xeralizado a psrtir do século VIII.
Porén, a institución da escravitude subsistíu durante a Idade Media. Desaparecida, máis ou menos, ao Norte dos Alpes, o número de escravos aumentou en Cataluña e, nomedamente, en Italia entre o século XIII e o XV. As grandes repúblicas marístimas de Xénova e de Venecia son os maiores mercados de escravos da época. Son reducidos á escravitude sobretodo os individuos capturados ao Norte do Mar Negro, onde a colonia xenovesa de Caffa representa o centro do tráfico de escravos. Os homes son, na súa maioría, exportados ao Exipto dos mamelucos, onde son un recurso indispensábel na recruta de soldados, en tanto as mulleres son trasladadas, maiormente, a Italia e as grandes illas mediterráneas (Chipre, Creta, Sicilia, Mallorca), onde son explotadas no servizo doméstico.
[editar] No Islam
Como o cristianismo, o Islam esténdese nun mundo onde o escravismo, e unha compoñente, e como el, adáptase sen revolución social. En principio, o Corán prohibe somente a escravitude dos musulmanos, diferenciando entre países de "infieis" e países islámicos. De aí, que se explique, polo menos parcialmente, que ata inicios do século XXI, países musulmanos como Arabia Saudita, Sudán ou Mauritania acepten a escravatura de negros cristiáns e animistas.
A pesar das prohibicións atinxentes aos musulmanos, califas e sultáns non dubidan en reducir ao escravismo os rebeldes e os « maos musulmanos », nomeadamente no Al-Andalus ibérico.
[editar] Entre os viquingos
Durante a Era viquinga, desde ca. 793 d.C., as razias normandas levaron a capturar e escravizar os seus opoñentes. En Noruega e Islandia os escravos foron denominados thralls (Old Norse: Þræll). Os thralls procedían, na maior parte, da Europa occidental, entre os que se contaban francos, escoceses. irlandeses, anglo-saxóns e xermanos, así como eslavos. A escravatura entre os normandos desapareceu con a difusión do cristianismo e a adopción de leis nacionais nos países escandinavos.
[editar] A escravitude na Idade Moderna
[editar] No Imperio Otomano
No Imperio Otomano a vitoria nas batallas conlevaba o capado dos vencidos. Estes capados, eunucos, eran admitidos polos estratos sociais elevados para gardar o harem. Asimesmo mulleres escravizadas eran compradas como concubinas, que realzaban a natureza patriarcal do poder (o poder era só herdado por liña masculina).
Os escravos do Estado otomano, en xeral, eran traídos da Europa oriental e do Sur de Rusia. Tanto os mamelucos como os xenízaros constituían tropas especiais, cuxos guerreiros procedían de escravos, nacidos cristiáns, dos Balcáns na súa maioría. Durante a fase final do Imperio otomano, cando ao longo do século XIX, declinou o poder da Sublime Porta na Europa oriental, os otomanos comezaron a importar escravos subsaharianos a través de Exipto. Escravos negros eran correntes entre as elites otomanas como domésticos, serventes ou criadas.
A escravatura sería abolida en Turquía en 1847.
[editar] Na Europa cristiá
Os países da Europa do Sur, no advenimento da nova era, estaban máis preparados, pola perduración da escravatura ao longo da Idade Media, ben que non fose sistemática.
En 1444, en Lagos, no extremo meridional portugués, creouse a Casa da Guiné, depósito dos escravos traídos a raíz dos decubrimentos. En 1481 pasou para Lisboa, acabando por ter a denominación de Casa dos Escravos. Por volta de 1541, afirmábase que entraban en Portugal entre 10.000 e 12.000 escravos por ano, procedentes da África negra, o Sahara ou a India (Damiâo de Góis). A mediados do século XVI calculábase que había en Lisboa case 10.000 escravos (sg. Rodigues de Oliveira, 1551). Trinta anos despois a cifra era avaliada en perto de 70.000, constituíndo un terzo da poboación total lisboana.
Nos reinos hispanos eran corrente a escravización de mouros. Durante a Guerra de Granada, a fins do século XV, boa parte dos habitantes islámicos da conquistada cidade de Málaga foron vendidos en masa. O costume contra os vencidos levouse a outras terras. Indíxenas das illas Canarias, os guanches, que resistiron o empeño da conquista castelá, ao longo do mesmo século, foron vendidos como escravos. Na España moderna, Domínguez Ortiz calculou que a fins do século XVI había uns 100.000 escravos. A cantidade decrecería a partir da independencia portuguesa, logo de 1640, e as dificultades conseguintes para abastecérense por parte dos negreiros porugueses, que dominaban a trata; por outra banda, a prioridade marcaba o subministro dos escravos para os dominios de América. As rexións onde era maior o emprego da forza de traballo escravizada foron Valencia, e, sobretodo, e con moita diferencia, Andalucía. Para Sevilla, arredor de 1620, calculouse unha cifra duns 6.000 escravos sobre un total de 120.000 habitantes (un 5%). Para o arcebispado sevillano, en 1565, era un 3% da poboación total, pero os expertos sosteñen que seguramente era máis alta. A procedencia dos escravos era variada, e en moitos casos, eran musulmanos, incluso vindos de lonxe (en 1680 foron vendidos en Cádiz 2.000 turcos e gregos, logo de vitorias militares sobre os otomanos en Europa central).
[editar] Colonialismo europeo en América
A causa da implantación de sociedades baseadas no traballo escravista en diversas rexións americanas non foi a ineptitude física dos amerindios para realizar os traballos requeridos. Radica no feito de que, por unha banda, certos pobos amerindios carecían do aprendizado preciso nese tipo de labores, e, por outra, afundíranse demograficamente por mor das epidemias difundidas involuntariamente polos occidentais, contra as cales os indíxenas americanos carecían dos antíxenos necesarios debido ao seu aillamento milenario do resto dos continentes. A proba en contra radica que onde as nacións indíxenas estaban educados en labores de todo tipo (Perú incaico, México) estabelecéranse métodos de traballo forzado (p.ex. a mita), xa instituídos nas sociedades precolombinas, que aproveitaban a forza de traballo nativa, e onde o traballo escravo foi menor. Máis nas sociedades nas que a caída demográfica ou o nivel de desenvolvemento das sociedades era menor, foi onde precisamente se implantaran sistemas escravistas xeralizados: países do Mar das Antillas, Sur de Norteamérica, Brasil. Débese contar aínda entre os factores do espallamento do escravismo, que vai aliado á unha agricultura de plantación, vinculada a cultivos tropicais que son os que demandan as sociedades europeas, escasas neses bens e que, ademais, son os que naquela altura suportan os gastos de transporte requeridos: azúcar, café, cacao, tabaco ou algodón.
[editar] Comercio triangular e cifras da trata
Os negros de África, costituíron unha alternativa. Eran adquiridos en mercados musulmanos do Magreb, ou ben capturados directamente. Algúns países europeos, como Portugal, por volta das descubertas iniciais, comezaron a trata de guineanos desde comezos do século XV, empregándoos tanto no territorio continental como nas illas atlánticas (Madeira, Azores). No século XVI comezou a introducción de africanos negros na Antillas españolas (a monarquía española concedía o permiso de comercio de escravos denominado Asento de negros). O contexto máis amplo estaría vencellado ao desenrolo do denominado comercio triangular que, en torno ao século XVII, rotaba entre os tres continentes encarados ao Océano Atlántico, sobre a base de maiores e modernos navíos (galeóns). Unha vez comprados ou capturados en África, os escravos atravesaban o océano cara o continente americano onde desenrolarían traballos forzados en plantacións e facendas. Desde Europa eran exportados diversos produtos (téxtiles, armas, quincalla) con que se pagaba a compra dos escravos africanos a tribus africanas que intermediaban con escravos que as mesmas capturaban entre tribus do interior continental. Os mesmos barcos, deixadas as "pezas" (os individuos a escravizar) nas Américas, retornaban na Europa con os produtos ultramariños americanos. Os gaños para os transportistas eran enormes.
No que toca ás cifras da trata non hai unanimidade; debe terse sempre presente que estamos nunha época pre-estatística. Os cálculos extremos varían entre cerca de 12 millóns e 30 millóns de africanos transladados para América entre os inicios do século XVI e o século XIX.
As principais colonias de destino dos escravos procedentes de África na trata atlántica, serían segundo estimacións de Hugh Thomas, 2006:
- Brasil : 4 millóns de africanos.
- Colonias españolas : 2,5 millóns.
- Antillas británicas : 2 millóns.
- Antillas francesas e Guaiana : 1,6 millóns.
- Norteamérica : 0,5 millóns.
- Colonias holandesas : 0,5 millóns.
- Antillas danesas : 28 000 desembarcados[1]
- Europa (Portugal, Illas Canarias, Madeira, Azores, etc.) : 200 000 desembarcados[2]
[editar] Sistemas escravistas e resistencias
A escravitude implantouse nos países americanos aludidos ata o punto de formarse sociedades con sistemas escravistas completos a maneira da antiga sociedade greco-romana. Os escravos eran separados por sexos, vivindo en construccións comúns: barracón (Cuba, Porto Rico), senzala (Brasil) ou barrack (E.U.A.), impedíndose así a formación de familias, para evitaren os gastos xerados pola crianza na nenez. De aí a necesidade de subministro contínuo de novos escravos, nomeadamente adultos, por medio da trata negreira. Cando a comezos do século XIX, nos Estados Unidos a trata foi impedida por lei (1807), sería alentada a formación de familias escravas que agora pasan a vivir nunha choza ou cabana: a cabin (de aí o título da novela de Harriet Beecher Stowe, Uncle Tom's Cabin), puidendo reproducirse, é a resposta do sistema para poder renovar os escravos, pois os fillos mantén a condición, eludindo a ameaza de consunción por falta de man de obra servil. A resposta é similar á adoptada polos romanos con a institución dos "servi casati" (ver Servidume). Tanto franceses como británicos xeraron nas súas colonias normas legais para codificaren as relacións productivas escravistas (cfr. Code Noir).
A inhumanidade inherente ao sistema xerou respostas diversas. Desde a fuxida individual: o cimarrón nas colonias españolas, marron nas francesas, maroon nas británicas, calhambola no Brasil; ata rebelións abertas e mesmo a formación de repúblicas de escravos escapados, coñecidas no Brasil como quilombos e nos dominios españois como palenques , dos cales o máis famoso foi o Quilombo de Palmares, organizado por Ganga Zumba e ao final por Zumbi. En certa altura as poboacións de escravos foron máis numerosas do que os caucásicos, nomeadamente nas Antillas, onde a fins do século XVIII Toussaint Louverture xefiou a revolución en Haití, convertendo o país no segundo de América que atinxiría a independencia, só precedido polos Estados Unidos.
[editar] Abolición da escravitude
A abolición do escravismo fíxose de maneira escalonada. En casos foi precedida pola derrogación da trata, talvez para non danar os "intereses" dos amos, e aínda que a trata continuase de xeito clandestino. Na maior parte dos casos paralelamente á abolición da servidume en Europa. Eis algunhas datas:
- O 12 de febreiro de 1761 Portugal abole a escravitude no seu territorio europeo, illas atlánticas de Azores e Madeira e máis os Terriorios portuguese da India (Goa, Damâo, Diu)
- En 1792 Dinamarca tería prohibido a escravitude no seu territorio
- O 29 de agosto de 1793 polo representante da Convención nacional francesa Léger-Félicité Sonthonax en Haití (entón denominada Saint-Domingue).
- O 4 de febreiro de 1794, en todos os territorios franceses por votación da Convención nacional.
- En 1807 británicos e norteamericanos declaran abolida a trata de escravos.
- En 1815 par Napoleón I, cando os Cen Días, 13 anos logo de que el mesmo restabelecese a escravitude en 1802.
- En 1821 é abolida a escravatura en Colombia.
- O 11 de outubro de 1823 Chile abole totalmente a escravitude no seu territorio.
- O 2 de marzo de 1833 para as colonias británicas.
- O 26 de decembro de 1847 no Imperio otomano.
- O 27 de abril de 1848 (terceira abolición) para as colonias francesas.
- En 1848 por Dinamarca para a súa colonia da illa de Santa Cruz, nas (Antillas)
- O 18 de decembro de 1865 nos Estados Unidos, aínda que certos estados adoptaron leis segregacionistas.
- O 20 de marzo de 1873, España declara a abolición da escravitude en Porto Rico.
- 1886 é abolida a escravitude por España na súa colonia da illa de Cuba.
- O 13 de maio de 1888 no Brasil.
- En 1980 en Mauritania, derradeiro país que oficialmente abolíu a escravitude.
[editar] Escravismo no século XX
Ora por supervivencia do escravismo tradicional, ora por medio de novas formas "modernas", a escravitude pervivíu como unha realidade no século XX.
Nas colonias, os colonizadores decantáronse por constrenxer as poboación locais a traballos forzados. Na realidade, o traballo forzado revestía exactamente as mesmas condicións para os africanos que as rexistradas nas plantacións escravistas: sobrexplotación, castigos corporaiss, un estatuto de inferioridade, represión violenta, mesmo masacre. Sob Leopoldo II, rei de Bélxica, considerado responsábel da situación, unha importante campaña de información e de reprobación foi lanzada no Reino Unido contra a actitude explotadora dos colonos no Congo belga. Un situación semellante perdurou ata a década do 1970 nas colonias portuguesas de África.
Na URSS, China e outros países communistas, usouse a deportación brutal para campos de traballos forzados (Gulag ou Laogai), nos que o individuo ficaba suxeito, arbitrariamente, a traballos gratuítos de por vida e en condicións que o quebrantaban psíquica e fisicamente. Con frecuencia, toda a súa familia corría a mesma sorte.
Durante a Segunda Guerra Mundial, os invasores (alemáns e xaponeses) impuxeron e organizaron a escravitude en masa nos países conquistados e, incluso sobre a súa propia poboación. Esta escravitude foi exercida no seo de campos de traballos ou de campos de concentraión, e aínda con o reparto das persoas escravizadas entre as empresas que os solicitasen. Os casos de prostitución forzoso foron tamén frecuentes, en particular no caso xaponés.
Por último, varios países, nomeadamente árabes, manteron a escravitude ata a metade do século XX: Arabia Saudita ou Omán poe exemplo, mais mesmo aconteceu entres os mouros de certas colonias francesas, en Mauritania e no Sudán francés, apesar da supresión oficial do fenómeno. Mauritania abolíu o escravismo dos Harratins aínda en 1980. Na actualidade, a escravitude traditional persiste en numerosos países de África e de Asia.