Alexandre de Fisterra
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alexandre de Fisterra, (nado en Fisterra en 1919 e falecido en Zamora o 9 de febreiro de 2007) foi un editor, escritor, inventor, republicano e testamenteiro de León Felipe.
Índice |
[editar] Biografía
[editar] Mocidade
Un dos dez fillos do radiotelegrafista de Fisterra, Alexandre viviu nesa vila da Costa da Morte ata os cinco anos, para se trasladar despois á Coruña. Ós quince anos marchou estuda-lo bacharelato a Madrid.
Unha vez alí, a zapataría do seu pai quedou arruinada, polo que ó non poder paga-lo colexio privado no que estudaba, o director púxoo a corrixi-los deberes dos párvulos pagando así a matrícula. Tamén traballou na construción coma peón de albanel, como bailarín de claqué e despois nunha imprenta. Ademais foi nesta cidade onde coñeceu a León Felipe (do que sería testamenteiro), que xunto con Rafael Sánchez Ortega, editaron o xornal Paso a la juventud para vendelo pola rúa.
[editar] A guerra e o exilio
En novembro de 1936 quedou sepultado nun dos bombardeos de Madrid durante a Guerra civil española. Primeiro levárono a Valencia pero como as súas feridas eran graves finalmente trasladárono a un hospital de Monserrat. Alí coñeceu moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ó fútbol, e foi daquela cando pensou no futbolín inspirándose no tenis de mesa. Alexandre confioulle ó seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Non obstante, non puido vende-lo invento a nivel industrial xa que tódalas fábricas de xoguetes, a maioría en Valencia, estaban a fabricar armas de verdade por mor da guerra. Patentou a invención en Barcelona en xaneiro de 1937, ó igual có primeiro pasafollas de partituras movido co pé que fixo para unha rapaza pianista da que estaba namorado. Non obstante, por mor do triúnfo franquista na guerra, tivo que se exiliar a Francia cruzando a pé os Pirineos e debido a que estivo a chover durante dez días, perdeu a patente que levaba no macuto.
Estando xa en París, no ano 1948, e grazas á patente do pasafollas conseguiu gañar uns cartos cos que puido marchar a Quito (Ecuador) onde fundou a revista Ecuador 0°, 0', 0" coa que adicaba cada número a poetas dun país. Máis tarde, en 1952, foi a Guatemala, concretamente a Cabo de Santa María, e alí despois de mellora-lo futbolín comezou a fabricalos, facendo un bo negocio. Alí foi ademais onde xogou partidas contra o Che Guevara. Isto acontecería mentres había democracia no país, xa que tralo golpe de estado do coronel Carlos Castillo Armas, por mor da súa ideoloxía de esquerdas, foi roubado e secuestrado, quedando sen nada.
Axentes especiais españois embarcárono pois nun avión en dirección a España, pero el puido escapar, refuxiouse nos lavabos do avión e construíu unha bomba ficticia envolvendo xabrón con papel de aluminio. Con esa "bomba" ameazou a tripulación e gañou o favor dos viaxeiros logo de dicirlles que era "un refuxiado español". O avión desviouse a Panamá, no que foi un dos primeiros secuestros de avión.
Máis tarde marchou a México onde atopou amigos poetas e escritores polo que permaneceu alí adicándose ás artes gráficas e a editar. Así fundou e presidiu a editorial chamada Editorial Finisterre Impresora dende a cal editou a revista do centro galego de México e libros de variados poetas, entre os que se atopan León Felipe e Juan Larrea. Ademais foi redactor de El Nacional e editou un facsímile da revista Galeuska e o primeiro libro de poemas de Ernesto Cardenal.
[editar] O regreso
Cando voltou a España logo de morrer Franco sorprendeuse ó ver que o futbolín se estendera amplamente, malia que gran parte desta divulgación se debera ó feito de que os fabricantes valenciáns asumiran o xogo coma nacional. Convenceu a editorial Alianza para reimprimir as obras completas de León Felipe e traballou intensamente na divulgación da obra deste poeta, de quen xestionaría a herdanza coma testamenteiro.
Residiu en Aranda de Duero (Burgos), e despois trasladaríase a Zamora. onde faleceu, na súa casa do barrio de Pinilla á idade de 87 anos. As súas cinzas foron espalladas no Río Douro ó seu paso pola cidade de Zamora e no Atlántico en Fisterra.
Era membro non numerario da Real Academia Galega.
[editar] Curiosidades
- O grupo coruñés Os Diplomáticos de Monte Alto compuxo unha canción dedicada ao futbolín que comeza mencionando ao inventor: Ano 37, guerra civil / Alexandre de Fisterra inventa o futbolín. A canción fíxose famosa ao ser parte do videoclip do contentor infantil da Televisión de Galicia Xabarín Club.
- Estaba casado coa cantante lírica María Herrero.
- Malia toda a gran cantidade de facetas, Alexandre dicía que a súa vocación frustrada era «ser arquitecto».