Arthur Schopenhauer
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Arthur Schopenhauer (22 de febreiro de 1788 – 21 de setembro de 1860). Filósofo polaco-alemán.
Índice |
[editar] Vida
Arthur Schopenhauer naceu en Stutthof (Sztutowo), cerca da cidade báltica de Danzig (Polonia) en 1788. Fillo de Heinrich Floris Schopenhauer e Johanna Schopenhauer, unha familia mercantil de clase media de orixe holandesa, parecía destinado á carreira comercial do seu pai, con quen fará longas viaxes por Francia e Inglaterra. En 1793, cando a cidade é anexionada por Prusia, a familia múdase a Hamburgo. Morto o pai en 1805 abandonará os estudos de comercio e comezará a estudar medicina en Göttingen, que abandona finalmente pola filosofía aconsellado por Gottlob Schulze, que lle recomenda ler a Platón, Aristóteles e Kant. En 1811 trasladouse a Berlín, onde amosou certo interese polas disertacións de Schleiermacher e de Fichte. En 1813, tras unha breve estadía na casa familiar de Weimar, na que coñece a Goethe -amigo de súa nai, tamén escritora- e ó orientalista Friedrich Majer, encérrase en Rudolstadt, onde acaba de redactar a súa tese doutoral, A cuádruple raíz do principio da razón suficiente (1813), que presentaría para o título de doutor na universidade de Jena. Trala tese, durante os catro anos que residiu en Dresde, compoñerá a súa obra principal (O mundo como vontade e representación), que non tivo o éxito que lle prevía, pero que coñecerá dúas novas edicións en vida do autor (a 2ª en 1844, con 50 novos capítulos, e a 3ª en 1859) . En 1820 consegue ser profesor da universidade de Berlín, onde leccionará criticamente sobre Hegel, sen éxito, durante seis meses. Viaxa por toda Italia visitando Florencia, Roma, Nápoles e Sicilia ata que, de volta en Berlín, decide retirarse a Frankfurt do Meno en 1831, onde levaría unha existencia burguesa, célibe e apracible, durante case trinta anos. En 1836, publica Sobre a vontade da natureza e en 1851 unha colección de ensaios e aforismos, Parerga e Paralipómena, que por fin lle dan sona en vida. De carácter intransixente e pouco favorable ó contacto humano, gañou unha merecida fama de irreductible misántropo. Morreu de pleurite en Frankfurt en 1860.
[editar] Ideas filosóficas
Na súa obra máis famosa O mundo como vontade e representación, Schopenhauer afirmaba a vontade como chave da razón. A súa idea de que sen vontade non hai nada é xeralmente vista como unha expresión clásica do pesimismo filosófico. É criticado por adoptar e defender unha especie de pesimismo de corte romántico que entende a vida como sufrimento. Non obstante, conforme á filosofía oriental, en particular o budismo, a súa obra predica a salvación, a entrega, e a anulación do sufrimento na contemplación estética, na simpatía polos demais, e na vida ascética. Neste sentido recoñecía a superioridade do budismo e do misticismo hindú sobre a teoloxía cristiá dominante na Europa da súa época. A súa admiración por Kant corría en paralelo co desprezo polos idealistas da época. Para el, a representación é a dimensión aparencial da realidade, mais por baixo aparecerá a vontade se se trata de descubrir o que agocha, froito de intuír a vontade propia, irracional na súa propia natureza. A propia vontade non é máis ca un caso da Vontade que invade o mundo (algo así como a entropía da física) e que se manifesta dende os seres inorgánicos ata no ser humano, onde conflúen vontade e representación. A cuestión é que a vontade que busca a súa propia conservación é egoísta, por iso é necesaria a existencia do Dereito para coutala. O coñecemento da realidade posibilita superar o egoísmo e simpatizar co resto da Natureza, nunha sorte de identificación nirvánica.
[editar] Influencia da súa obra
As súas ideas románticas e irracionais influenciaron os eidos da filosofía (e.g. Nietzsche, Bergson e Wittgenstein), da psicoloxía (Freud e Jung, por exemplo), da literatura (Thomas Mann, Hermann Hesse, Marcel Proust, Michel Houellebecq e un longo etcétera) e a música (Wagner).
[editar] Listaxe de obras
- Sobre a raiz cuádrupla do principio da razón suficiente (Über die vierfache Wurzel des Satzes vom zureichenden Grunde), 1813.
- Sobre a vida e as cores (Über das Sehn und die Farben), 1816
- O mundo como vontade e representación (Die Welt als Wille und Vorstellung)(1818-1819).
- A arte de ter sempre razón, 1830-1831.
- Sobre a vontade na natureza Über den Willen in der Natur, 1836.
- Ensaio sobre o libre arbitrio (Über die Freiheit des menschlichen Willens), 1839
- Sobre os alicerces da moral (Über die Grundlage der Moral), 1840
- Os dous problemas fundamentais da Ética (1841).
- Parerga e Paralipómena (Parerga und Paralipomena), 1851.
- Nachlassband von Julius Frauenstedt, 1864
- Aforismos sobre a sabedoría na vida (Aphorismen zur Lebensweisheit), 1886
[editar] Ligazóns externas
- Biografía e resumo da súa filosofía
- Breve biografía
- Diccionario de filosofía contemporánea, s. v. 'Schopenhauer'
- Visión da súa vida e obra en profundidade
- Vida, obra, citas, textos e ligazóns
- A filosofía de Arthur Schopenhauer
- Sobre o impacto da súa filosofía sobre Freud
- Schopenhauer e Freud
- Artigo sobre os préstamos de Schopenhauer a Freud
- Schopenhauer e a apreciación estética
- Ensaio sobre o lugar de Schopenhauer na historia da filosofía europea incluídas as súas fontes
- Sobre la Voluntad en la naturaleza
- Schopenhauer-Archiv
- Schopenhauer-Gesellschaft e.V.