Dragon Ball
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Dragon Ball | |
ドラゴンボール (Doragon Bōru) |
|
Xénero | Acción, Aventura, Shōnen
|
Manga | |
Creado por | Akira Toriyama |
Editor | Shūeisha |
Publicado en | Shōnen Jump |
Primeira edición | 1984 |
Última edición | 1995 |
Núm. de volumes | 42 |
Anime Dragon Ball | |
Dirixido por | Daisuke Nishio |
Estudio | Bird Studio Toei Animation |
Canle televisiva | Fuji Tv |
Primeira emisión | 26 de febreiro de 1986 |
Última emisión | 12 de maio de 1989 |
Núm. de capítulos | 153 |
Anime Dragon Ball Z | |
Dirixido por | Daisuke Nishio |
Estudio | Bird Studio Toei Animation |
Canle televisiva | Fuji Tv |
Primeira emisión | 19 de maio de 1989 |
Última emisión | 31 de xaneiro de 1996 |
Núm. de capítulos | 291 |
Anime Dragon Ball GT | |
Dirixido por | Daisuke Nishio Osamu Kasai |
Estudio | Bird Studio Toei Animation |
Canle televisiva | Fuji Tv |
Primeira emisión | 7 de febreiro de 1996 |
Última emisión | 19 de novembro de 1997 |
Núm. de capítulos | 64 |
Películas | |
|
|
Especiais de TV | |
|
|
OVAS | |
|
Dragon Ball (ドラゴンボール - Doragon Bōru) é o nome dun manga xaponés e dunha serie de anime creados por Akira Toriyama. O manga publicouse inicialmente na revista semanal Shōnen Jump entre 1984 e 1995 e orixinalmente editouse en 42 tomos individuais chamados Tankōbon. No 2004 volveuse publicar o manga nunha colección de 34 volumes, chamados Kanzenban, que incluía un final lixeiramente modificado. O manga deu orixe a tres series de anime: Dragon Ball, Dragon Ball Z e aínda Dragon Ball GT, unha terceira serie cunha historia non baseada no manga.
Esta serie incrementou espectacularmente o interese polo manga en todo o mundo. Nembargante, a violencia de moitos dos seus episodios provocou que, en Occidente, se pedira moitas veces a retirada deste anime e incluso a súa prohibición. Malia isto, ou talvez por esas polémicas, tivo un enorme éxito que a levou a ter máis de 500 capítulos en total e unha vintena de películas, ademais dunha extensa oferta comercial que á parte dos cómics e das películas, inclúe ducias de videoxogos e xoguetes, entre outros.
Índice |
[editar] Introdución
Aviso: Esta sección pode conter detalles da trama.
Esta páxina contén texto en xaponés. Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños. |
A historia de Dragon Ball conta a vida de Son Goku, un cativo con rabo de mono baseado na lenda chinesa Viaxe ó oeste (西遊記); e a súa vida e aventuras dende a súa infancia ata que chega a ser avó. Durante a súa vida, Son Goku loitará en moitas batallas ata chegar a se converter no loitador de artes marciais máis forte do Universo. Ademais el non está só, xa ten a axuda dun gran número de aliados que combaterán cos viláns, proporcionando o conflito que conduce a historia.
As Dragon Balls (Bólas do Dragón ou Bólas Máxicas) do título son un dos compoñentes da serie, mais non son cruciais. Son sete esferas máxicas que están espalladas polo planeta. Cando se reúnen todas, pódense usar para invocar o dragón Shenron, que concede un desexo. Despois de se cumprir o desexo, as bólas vólvense espallar polo planeta e fican inertes durante un ano. No pasado, facían falla xeracións para atopar as 7 bólas. Nembargante, ao principio da historia, unha rapaza de 16 anos chamada Bulma, que se atopará con Son Goku, crea un radar pra detectar as bólas e así facer o proceso moito máis doado. No decorrer da serie, as bólas deixan de ser o tema principal para ser só un elemento secundario.
O inicio da viaxe fantástica de Son Goku comeza co aparecemento da moza Bulma. Son Goku mora nas montañas soíño, pois o seu avó está morto. O obxecto que el garda coma unha lembranza do seu avó é unha das bólas que Bulma busca, as Bólas do Dragón. Ela fálalle sobre os poderes das bólas, daquela pede a Son Goku que lle dea a súa, e como descubrira nun pergamiño esta historia. Así Son Goku vai con Bulma atrás das bólas e será no camiño onde coñecerá moitas persoas coma Oolong, Yamcha, Puar, o Mestre Mutenroi, Krilin, Lunch, etc; e se enfrontará a moitos perigos e inimigos, coma Pilaf, a Red Ribbon, etc.
[editar] Evolución
A historia de Dragon Ball desenvolveuse gradualmente durante os case 11 anos de publicación. Durante eses anos, o ton e o estilo das historias foi mudando pra reflectir os gustos dos lectores e dos editores da Shonen Jump.
Os primeiros volumes do manga (volumes 1-12) son fundamentalmente historias de fantasía con humor, con algúns elementos de ficción científica menores. Os elementos de fantasía importantes non só inclúen o rapaz mono Son Goku e as propias bólas, senón tamén moitos animais falantes, técnicas de artes marciais improbábeis e personaxes identificados coma deuses e demos. Malia os elementos fantásticos, o mundo ten unha tecnoloxía avanzada que inclúe cápsulas que caben no peto nas que se poden expandir e transformar en case todo tipo de obxectos: coches, avións, casas, revistas porno e cousas do xénero. O humor é lixeiro con moi poucas mortes e dándolle énfase á aventura e ao humor.
Unha mudanza sutil pero significativa deuse depois de que mataran o mellor amigo de Son Goku, Krilin. Isto comezou na Saga de Picoro Daimao (volumes 13-16), na cal o manga incorpora un ton máis serio comparado co dos volumes anteriores.
Dragon Ball transfórmase completamente nun manga shonen de acción no inicio da Saga dos Saiyans (volumes 18-20). A partir da introdución do fillo de Son Goku, a historia comeza a tomar un rumbo máis serio e de maior importancia na ficción científica. Moitos dos personaxes que anteriormente tiñan orixes fantásticas (Son Goku, Picoro, etc.) son agora recoñecidos coma extraterrestres doutros planetas. Viaxes no espazo, ameazas espaciais e poderosos androides son agora comúns.
Depois da derrota de Nappa e Vexeta e da conclusión da Saga Saiyan, os sobreviventes do ataque Saiyan diríxense para o Planeta Namek pra tentar resucitar os amigos que morreran polos Saiyans. Isto comeza na Saga de Freezer (volumes 21-28), que é recoñecida, ademais de polo poderosos que se volven os personaxes, polo xurdimento da transformación Super Saiyan.
A Saga de Célula (volumes 29-35) introduce os Androides, un misterioso Saiyan chamado Toranks e o enigmático Célula.
A Saga de Majin Boo (volumes 36-42) é o último marco do manga onde aparecen máis dos elementos de fantasía que estaban presentes nos primeiros volumes do manga.
[editar] Relación co anime
Tanto Dragon Ball coma Dragon Ball Z están baseados no mesmo manga orixinal: Dragon Ball. DB segue as aventuras de Son Goku dende a súa infancia ata o seu casamento ós 18 anos, estas son as sagas con máis elementos de fantasía e humor. DBZ comeza co nacemento do primeiro fillo de Son Goku. Dragon Ball GT é unha continuación de DBZ aínda que non está baseada no manga (ó contrario de Dragon Ball e Dragon Ball Z, Akira Toriyama non estivo directamente relacionado na produción de Dragon Ball GT, aínda que creou algúns deseños e deu unhas poucas ideas).
Hai varios rumores sobre o significado do "Z" en Dragon Ball Z. O significado oficial é o de que é a última letra do alfabeto, revelando o desexo de Toriyama de que fose a fin da serie. Outras teorías sobre o "Z" inclúen o nome dado ó grupo dos personaxes principais, "Guerreiros Z" en títulos de episodios e en material promocional (aínda que non no anime) ou de que está baseado na música dos créditos finais, "Detekoi Tobikiri ZENKAI Power". Outra interpretación é que Toriyama escribiu a man o título coma Dragon Ball 2 e alguén entendeu o 2 coma un Z.
Durante a escrita da meirande parte do manga, o anime era escrito e producido detrás do punto onde o manga era publicado. Isto levou a alcanzar rapidamente o manga polo que para impedir isto prolongáronse algúns episodios e creáronse algunhas novas historias. Por mor disto hai moitos casos nos que o anime contradi directamente á historia escrita máis adiante no manga.
[editar] As sagas
Dragon Ball é un manganime moi longo, cunha historia que acontece en dúas grandes partes: a de Son Goku neno (tomos do 1 ó 17), e a de Son Goku adulto (tomos do 17 ó 42); 519 capítulos de manga e 153+291+64 capítulos de anime en total.
- Para máis información sobre o manga ver o artigo Lista de mangas de Dragon Ball
No anime esta división da pé a dúas series: Dragon Ball (con 153 capítulos) e Dragon Ball Z con 291 episodios; máis tarde, realizouse Dragon Ball GT con 64 episodios máis, exclusivos do anime.
- Para máis información sobre os episodios ver o artigo Lista de episodios de Dragon Ball
Durante toda a historia, Son Goku e os seus amigos loitarán con determinados inimigos ou estarán en certas localizacións que darán nome ás sagas de Dragon Ball. As Sagas son as seguintes:
[editar] Etapa Son Goku neno - Dragon ball
Saga | Tomos Tankōbon | Tomos Kanzenban | Episodios do Anime |
---|---|---|---|
A Saga de Pilaf | do 1 ó 2 | do 1 ó 2 | do 1 ó 13 |
A Saga do 21º Torneo das Artes Marciais | do 3 ó 5 | do 2 ó 4 | do 14 ó 28 |
A Saga do Exército do Xeneral Red (Red Ribbon) | do 5 ó 10 | do 4 ó 7 | do 29 ó 83 |
A Saga do 22º Torneo das Artes Marciais | do 10 ó 12 | do 8 ó 9 | do 84 ó 101 |
A Saga de Piccoro Daimao | do 12 ó 17 | do 10 ó 13 | do 102 ó 153 |
[editar] Etapa Son Goku adulto - Dragon Ball Z
Saga | Tomos Tankōbon | Tomos Kanzenban | Episodios do Anime |
---|---|---|---|
A Saga dos Saiyans | do 17 ó 20 | do 14 ó 16 | do 1 ó 35 |
A Saga de Namek | do 21 ó 28 | do 17 ó 22 | do 36 ó 107 |
A Saga de Garlic Jr. | Non existe no manga | do 108 ó 117 | |
A Saga dos Androides | do 29 ó 35 | 23 ó 28 | do 118 ó 194 |
A Saga de Bu | do 36 ó 42 | do 29 ó 34 | do 195 ó 291 |
[editar] Etapa Dragon Ball GT
Saga | Episodios do Anime |
---|---|
A Saga de Baby | do 1 ó 40 |
A Saga de Súper 17 | do 41 ó 47 |
A Saga dos Dragóns Escuros | do 48 ó 64 |
[editar] Os Tomos
- Para ver tódolos tomos, 42 na primeira edición e 34 na segunda, que se publicaron no Xapón; cos capítulos, a data de edición xaponesa e o título de cada un deles; ve-lo artigo Lista de mangas de Dragon Ball.
[editar] 1ª Edición xaponesa, Tankōbon (1985-1995)
O primeiro tomo xaponés de Dragon Ball publicouse o 10 de setembro de 1985 pola revista Shōnen Jump cos capítulos do 1 ó 7, anteriomente publicados cada semana na revista do mesmo nome no periodo do 11/1984 ata o 2/1985. A edición do tomo sempre compartía un esquema similar: primeiro a portada, que era o formato antigo de SJ; despois a primeira páxina cun debuxo diferente da portada; deseguido a páxina índice de capítulos cun debuxo enriba; máis tarde os capítulos correspondentes e as páxinas finais, que eran as portadas de cada capítulo exclusivas na edición dos tomos. Todo isto sempre nunhas 178-181 páxinas, agás os tomos 41 e 42 que contiñan máis de 200 páxinas. En 1995, despois de 10 anos publicando os tomos, saíu á venda o 42 o 4 de agosto.
Os capítulos antes de ter dabondos para editar un novo tomo, publicábanse na revista semanal Shōnen Jump, o primeiro capítulo publicouse no número 51 de 1984 e o derradeiro, o capítulo 519, editouse no número 17 de 1995.
[editar] 2ª Edición xaponesa, Kanzenban (2002-2004)
Esta nova edición chámase Kanzenban, que significa edición perfecta ou completa. Diferénciase da primeira edición en que:
- Son só 34 tomos (en vez dos 42) e polo tanto máis extensos, tendo uns 15 capítulos en cada un.
- Os tomos son máis grandes.
- As portadas foron redebuxadas por Akira Toriyama.
- O papel das páxinas e de maior calidade.
- Algunhas páxinas son a cor.
- Engadíronse algunhas páxinas ó final da serie.
- Cada tomo inclúe unha lámina cun debuxo de Dragon Ball feito por un debuxante de manga famoso na actualidade do Xapón.
Nesta reedición fíxose un pequeno cambio na historia, que consistiu en que a data do Cell Game fose o 26 de maio e non o 17 de "M". Isto fíxose para eliminar unha contradición na serie, especificamente cando os androides chegaron o 12 de maio e como polo menos pasaron 10 días entre isto e o comezo do Cell Game, a data do 17 de maio para o último evento era imposible (as teorías alternativas, que dicían que no universo de Dragon Ball o mes seguinte a maio comezaría pola letra "M", xa non teñen sentido).
Ademais xunto a esta edición tamén se sacou un libro de Dragon Ball e outro de Dragon Ball Z.
[editar] Libros de arte
[editar] Akira Toriyama, The World
Publicado en xaneiro de 1990, en homenaxe a Toriyama, e editado por Shueisha en tapa branda. Posúe 100 páxinas nas que se pode atopar, ademais de ilustracións de Dragon Ball, outras realizadas anteriormente. Ademais inclúe unha entrevista a Toriyama, unha bibliografía, esbozos de Dragon Ball... Por outro lado, tamén se centra no manga Dr. Slump, onde destaca unha historia a cor.
[editar] Akira Toriyama, The World Special
Publicado en setembro de 1990 e editado en tapa dura. Posúe 134 páxinas e é unha versión mellorada do anterior, centrándose máis en Dragon Ball. Ten ilustracións da maioría das sagas da serie e unha entrevista a Toriyama entre outras cousas. Destacan sobre todo uns esbozos iniciais dos personaxes de Dragon Ball.
[editar] Akira Toriyama, The World II Illustration
Publicado en marzo de 1993 e editado en branco e negro.
[editar] Akira Toriyama, Exhibition
Este tomo limitado presentouse nunha exposición conmemorativa de toda a obra de Akira Toriyama que se celebrou ó longo de 1995 en diversas cidades xaponesas, comezando por Tokio. Foi publicado para unha distribución exclusiva nestas exposicións a modo de catálogo e con vistas ó mercado estranxeiro. É quizais o máis completo de tódolos libros de arte publicados ata esa data e está editado en sentido de lectura occidental e cos textos en xaponés e inglés.
O libro abrangue un pouco de todo, dende Dragon Ball, Dr. Slump e outras historias curtas ata deseños para videoxoegos, películas, etc.
[editar] Os Daizenshuu
O compoñente final que a maioría dos seguidores considera que é información canónica son os varios Daizenshuu que foron lanzados soamente no Xapón (agás algunha excepción). Estes libros de "arquivo perfecto" son guías de referencia á serie e a miúdo conteñen os nomes dos caracteres e ataques, e outras informacións que non están presentes no manga nin no anime, e ademais cada un trata sobre un aspecto determinado da serie. Non hai plans actuais para sacar estes libros en ningures e están fóra de impresión incluso no Xapón.
Os libros non foron escritos realmente por Akira Toriyama. Os niveis de enerxía dados neles son desatendidos a miúdo por algúns seguidores que atopan doadamente inconsistencias neles. Un exemplo é o nivel de enerxía de Mutenroi, que está indicado coma o mesmo ó longo de toda a serie, cando no manga cóntase como antes do 22º Torneo das Artes Marciais estivo adestrando e polo tanto aumentando o seu poder.
Nun principio ían ser só sete tomos, en homenaxe ás 7 bólas aínda que finalmente ampliaríanse ata 10 tomos:
- Daizenshu nº1: Complete Ilustrations: Son tódalas ilustracións debuxadas por Toriyama sobre Dragon Ball onde se inclúen as portadas e laterais dos tomos e da revista Shōnen Jump. Ademais contén unha entrevista a Toriyama, as caricaturas que el se facía a si mesmo, as fotos privadas de Mutenroi e outros.
- Daizenshu nº2: Story Guide: Fálase sobre toda a historia de Dragon Ball, dos personaxes e da súa evolución, dos momentos máis dramáticos...
- Daizenshu nº3: TV Animation Part 1: Abrangue dende o inicio da serie na televisión ata a chegada ó planeta Namek, incluíndo toda clase de ilustracións e curiosidades.
- Daizenshu nº4: World Guide: É unha guía completa sobre o mundo de Dragon Ball. Abrangue un pouco de todo, dende os mapas e planetas, aparellos, esbozos, curiosidades...
- Daizenshu nº5: Tv Animation Part 2: Abrangue dende a batalla en Namek ata a fusión de Son Goku e Vexeta na pelexa contra Bu. Á parte, ó igual có libro anterior Tv Animation 1, inclúe todo tipo de ilustracións e curiosidades.
- Daizenshu nº6: Movies & Tv Specials: Fálase sobre as películas e os especiais de televisión, incluíndo tamén ilustracións e curiosidades.
- Daizenshu nº7: Enciclopedy: É unha especie de dicionario sobre nomes de personaxes, técnicas, niveis de poder, unha detalla cronoloxía, árbores xenealóxicas...
- Daizenshu nº 8 e 9: Collection Card 1 e 2: Recolle as imaxes das coleccións de cards xaponeses de Dragon Ball e Dragon Ball Z.
- Daizenshu nº10: Tv Animation Part 3: Abrangue dende a fusión de Son Goku e Vexeta ata o final da serie, pasando pola película creada para o décimo aniversario. Á parte inclúe tamén bastantes ilustracións.
[editar] Películas, especiais e outros
Baseadas na serie de anime crearonse unha serie de películas, especiais de televisión e un OVA:
[editar] Películas de Dragon Ball
Hai catro películas baseadas na primeira serie, que na súa maioría a partir dunha trama principal totalmente diferente á orixinal, resumen moitas das escenas que se dan na serie de anime:
Nome | Xaponés | Estrea |
---|---|---|
A lenda de Shenron, o Dragón Sagrado | ドラゴンボール 神龍の伝説 | 20 de decembro de 1986 |
A Bela dormente do Castelo do Demo | ドラゴンボール 魔神城のねむり姫 | 18 de xullo de 1987 |
Aventura Mística | ドラゴンボール 摩訶不思議大冒険 | 9 de xullo de 1988 |
O camiño cara ó máis forte | ドラゴンボール 最強への道 | 3 de marzo de 1996 - Dragon Ball, 10º Aniversario |
[editar] Películas de Dragon Ball Z
Estas películas teñen tramas completamente distintas ás da serie, e practicamente ningunha delas se realiza na liña temporal na que se desenvolve a serie orixinal:
Nome | Xaponés | Estrea |
---|---|---|
Garlic Junior Inmortal | ドラゴンボールZ オラの悟飯をかえせッ!! | 15 de xullo de 1989 |
O máis forte do mundo | ドラゴンボールZ この世で一番強いヤツ | 3 de outubro de 1990 |
Superbatalla na Terra | ドラゴンボールZ 地球まるごと超決戦 | 7 de xullo de 1990 |
Son Goku superguerreiro | ドラゴンボールZ 超サイヤ人だ孫悟空 | 19 de marzo de 1991 |
Os adversarios máis fortes | ドラゴンボールZ とびっきりの最強対最強 | 20 de xullo de 1991 |
Combate contra cen millóns de poderosos guerreiros | ドラゴンボールZ 激突!!100倍パワーの戦士たち | 7 de marzo de 1992 |
Os 3 grandes Súper Saiyans | ドラゴンボールZ 極限バトル!三大超サイヤ人 | 7 de novembro de 1992 |
Estala o duelo | ドラゴンボールZ 燃え尽きろ!!熱戦・烈戦・超激戦 | 6 de marzo de 1993 |
O superheroe da galaxia | ドラゴンボールZ 銀河ギリギリ!!ぶっちぎりの凄い奴 | 7 de outubro de 1993 |
O regreso de Broly | ドラゴンボールZ 危険なふたり!超戦士はねむれない | 12 de marzo de 1994 |
O combate definitivo | ドラゴンボールZ 超戦士撃破!!勝のはオレだ | 7 de xaneiro de 1994 |
Fusión! | ドラゴンボールZ 復活のフュージョン!!悟空とベジータ | 3 de maio de 1995 |
O ataque do Dragón | ドラゴンボールZ 龍拳爆発!!悟空がやらねば誰がやる | 15 de xuño de 1995 |
[editar] Especiais de TV
Son longametraxes realizadas inicialmente para a televisión. As dúas primeiras, ó contrario das películas, si entran na historia orixinal. O primeiro especial cóntanos a historia do pai de Son Goku, Barduck; o segundo, a historia do Toranks do futuro, antes de viaxar ó pasado; e o terceiro ambiéntase 100 anos máis tarde do remate de Dragon Ball GT, e está protagonizado por Son Goku Jr.. Disque hai un cuarto especial adicado a Vexeta, pero permanece inédito.
- O pai de Son Goku (17 de outubro de 1990)
- Un futuro diferente: Son Gohan e Toranks (24 de febreiro de 1993)
- Dragon Ball GT: 100 anos despois
[editar] OVA
Fíxose un único OVA baseado no videoxogo da consola Playdia, Dragon Ball Zetsu Metsu: Dragon Ball Z Gaiden: Saiyajin Zetsu Metsu (Agosto de 1993). Non saíu do Xapón, xa que a súa produtora é distinta da do resto das películas da saga.
Na película en cuestión, titulada "O plan para destruír ós saiyans", atopámonos co malvado Dr. Raichi que se quere vingar. En teoría trata do derradeiro tsufur, raza que habitaba o planeta Vexeta antes da chegada dos saiyans, e practicamente extinguida a mans destes últimos. O certo é que despois atoparemos a un novo tsufur, o Dr. Myu, en Dragon Ball GT.
[editar] Curtamentraxes educativas
Estes vídeos especiais son producións moi raras deseñados para ser curtametraxes educativas. Ámbolos dous foron completados en xuño de 1988.
- Goku's Traffic Safety
- Goku's Fire Fighting Regiment
Película chinesa non oficial de actores reais: Unha versión de actores reais (live-action) da popular serie de animación xapanesa, cun argumento parecido á película 1 de Dragon Ball.
Feita en Taiwan e estreada en 1989, co nome orixinal de Xin Qi long zhu Shen long de chuan shuo ou New Dragon Ball: The Legend of Shenlong, tamén coñecida coma Dragon Ball: The Magic Begins (Comeza a maxia). Aínda que esta película non segue exactamente o concepto de Toriyama, está moito máis preto a el ca calquera outra lenda tradicional chinesa.
[editar] Dragon Ball fóra do Xapón
[editar] España
[editar] Anime
O anime chegou a España no ano 1989 comezando a se emitir en galego na Televisión de Galicia, a canle autonómica galega, baixo o título d'As Bólas Máxicas con bastante éxito. A adquisición dos dereitos fíxose conxuntamente entre tódalas canles autonómicas e axiña se estendeu a súa fama. Así foi como comezou a se emitir noutras emisoras autonómicas coma en Canal Sur en Andalucía ou Telemadrid en Madrid co título de Bola de Dragón en lingua castelá; na Televisió de Catalunya, en Cataluña en catalán, co título de Bola de Drac en 1990 e no Canal 9 na Comunidade Valenciana (co mesmo título pero diferente dobraxe); e en Euskal Telebista en éuscaro, no País Vasco, co título Dragoi Bola.
Anos despois finalizada case a serie nas canles autonómicas, emitiuse no resto de España (coma Bola de Dragón) a través de Antena 3, cunha dobraxe non moi querida polos seus seguidores e moitas escenas censuradas mediante tesourada. España foi o primeiro país de fala hispana onde apareceu o anime. Recentemente saíu á venda unha edición en DVD do anime e foi reposta pola canle Cuatro e varias autonómicas, entre as que se acha a TVG. En Cartoon Network emiten pola noite Dragon Ball GT e logo Dragon Ball Z.
[editar] Manga
Tralo éxito que tivo incialmente a serie en Cataluña, talvez o sitio onde tivo máis repercusión, Planeta DeAgostini editou o manga tanto en castelán (con varias redicións) como en catalán.
A primeira edición dos tomos (tankōbon) foi lanzada no ano 1995. O primeiro tomo foi publicado o 15 de maio e os demais fóronse publicando mensualmente ata o 15 de outubro de 1998, cando se publicou o tomo 42. A edición española contén bastantes diferenzas respeito á xaponesa:
- Elimínanse os índices, obviando as ilustracións exclusivas que había enriba, polo que son inéditas en España.
- Suprímense os capítulos; todo é un tixolo de páxinas sen numerar e sen marcar onde remata un capítulo e comeza outro.
- Non teñen os debuxos do lombo da edición xaponesa, na cal ó xuntalos todos formábase unha ilustración exclusiva dos tomos.
- Non se inclúen tódalas portadas de capítulo en cada tomo, e nalgúns casos, coma no tomo 38, obviáronse totalmente.
- Polo regular non se respeita o nome orixinal xaponés e traduciuse ó castelán axeitándoo. Como exemplo, Kamisama é Deus e a técnica Mafuba é La ola para encerrar al diablo. Este erro correxiuse na 2ª edición, respeitando tódolos nomes orixinais xaponeses.
Todo isto fixo que os leitores perderan as ilustracións exclusivas que na 2ª edición, a de 2000, tampouco se incluíron.
Máis tarde, tralo lanzamento da edición de luxo (kanzenban) no Xapón, Planeta de Agostini comeza a publica-los kanzenban en España baixo o nome Ultimate Edition a partir do 9 de abril de 2006 a nivel quincenal, respeitando o sentido de leitura xaponés, e incluíndo as novidades da edición xaponesa.
[editar] Portugal
En Portugal, Dragon Ball, Dragon Ball Z e Dragon Ball GT foron transmitidos entre 1995 e 1999 e foron emitidos pola SIC. A serie foi depois repetida na SIC Gold (máis tarde SIC Sempre Gold) e depois na SIC Radical, onde continuou a ser un suceso. Infelizmente, para grande tristura dos seguidores, a serie desapareceu da programación da SIC Radical no inicio de 2006, mais no dia 16 de xuño, aínda en 2006, voltou a ser emitida. Ademais lanzáronse en vídeo varias películas mentres que Dragon Ball foi lanzada en DVD.
O manga foi publicado pola editora Planeta deAgostini.
[editar] Brasil
No Brasil, Dragon Ball foi inicialmente emitida polo SBT en 1996 dentro do programa Bom Dia & Cia e continuou con reemisións esporádicas ata o 2000, mais só chegou ata a loita de Son Goku contra Tou Pai Pai (episodio 60).
Dragon Ball Z foi emitida por primeira vez a partir de mediados de 1999, pola canle de TV paga Cartoon Network, no horario das 18:30 e con retransmisión na medianoite. Aínda no final do mesmo ano, a Rede Bandeirantes tamén pasou a emiti-la serie dentro do extinto programa Band Kids que chegou a récords de audiencia. En outubro de 2001, o Cartoon Network emitiu o último episodio, mentres que na TV aberta (Rede Bandeirantes) a serie foi emitida ata a saga de Célula, en 2002. A saga de Boo foi emitida pola Rede Globo en 2001.
En 2002, a Globo comprou e emitiu os 153 episodios de Dragon Ball, e en 2003 transmitiu Dragon Ball GT. A Cartoon Network tamén transmitiría en 2003 Dragon Ball Z e Dragon Ball GT. O Cartoon Network chegou a reemiti-la serie en 2004, aínda que só a saga de Boo. Máis tarde, comprou a serie Dragon Ball (e as 4 películas da serie), que estreou no 30 de maio de 2006 no bloque Toonami, de luns a xoves con dous episodios por día no horario das 00:00. Mentres que o día 13 de decembro de 2006 comezou a emitir novamente Dragon Ball Z (agora emitindo tamén as 13 películas e os 2 especiais da serie), tamén con dous episodios por día e de luns a xoves.
En agosto de 2006 a Rede Globo comprou os direitos de transmisión de tódalas sagas de Dragon Ball Z agás a de Boo (as que antes eran emitidas pola Rede Bandeirantes en 1999) e comezou a emitilas dentro da TV Xuxa a partir do 14 de agosto de 2006 ata rematar sobre abril de 2007. Porén, nalgunhas rexións do Brasil o anime parou de ser emitido despois das eleicións. Na Globo, por razón de pouquísimo tempo adicado á emisión de Dragon Ball Z, o anime está a sofrer cortes, sendo que na maioría dos días foron emitidos preto de 15 minutos dun episodio e algunhas veces tan só 10 minutos.
O manga foi publicado no Brasil pola editora Conrad, xunto con Cavaleiros do Zodíaco e outros títulos.
[editar] México
[editar] Anime
En México comezou a se emitir en 1994 no Canal 5 da empresa Televisa, acadando en pouco tempo un enorme éxito, máis grande aínda que o de Os Cabaleiros do Zodíaco (Saint Seiya) e paralelo ó doutras series xaponesas máis modernas, e que chegaron case simultaneamente á televisión hertziana, coma Sailor Moon. O nome da serie non mudou entre a versión inglesa e mexicana, aínda que moita, senón é que toda, a musicalización e a banda sonora da serie foi traducida no país pola empresa Intertrack.
Debido ó seu grande éxito, é o único anime que se transmitiu case ininterrompidamente dende o seu estreo.
Actualmente transmítese cun horario de 13:00 a 13:30 polo Canal 5 de Televisa e a medianoite por Cartoon Network (viacom). Ademais en Cartoon Network, pasan tódalas películas segundo a orde da serie.
[editar] Manga
A edición mexicana (2000-2003) foi lanzada por Grupo Editorial Vide en formato de comic americano en agosto de 2000, con só dous capítulos por número. Pero despois de 30 entregas, a editorial decidiu muda-lo formato americano polo xaponés, de menor tamaño, 5 capítulos por número e con leitura ó estilo xaponés, isto é, lendo de dereita a esquerda, o que ó principio causou algo de confusión entre os leitores. Editouse a obra completa en 85 pequenos tomos que incluían tódalas portadas orixinais, separación de capítulos e afinal de cada tomo incluíanse lendas populares e reportaxes sobre o estilo de vida no Xapón. Esta edición tamén se vendeu en varios países de Centro e Sudamérica.
[editar] Arxentina
A serie comezou a se emitir na Arxentina en televisión por ar na canle estatal ATC, actual Canal 7, onda Saint Seiya e outros animes e cartoons no seu segemento infantil Top Kids pero ó ter un índice de audiencia moi baixo a dirección de ATC decidiu levantar do ar o segmento en pouco tempo, cómpre esclarecer que ATC é a única canle pública e unha das canles con menos índice de audiencia da Arxentina e nese momento a súa programación non estaba orientada ó público infantil, ademais o custo dos dereitos de Dragon Ball era un problema para a súa produción. Máis tarde a serie voltou ás pantallas arxentinas pero esta vez en televisión por cabo, o 1 de abril de 1996, pola canle Magic Kids. Emitiuse coa dobraxe mexicana e colleitou un tremendo éxito que durou aproximadamente tres anos. Foron notábeis as múltiplas repeticións que se fixeron de cada bloque de capítulos, motivo polo cal Dragon Ball Z estreouse recentemente en maio de 1998 e Dragon Ball GT en 2000. Case paralelamente emitiuse a serie en bloques de 4 episodios polo programa El club del animé, da mesma canle. O éxito era tan rotundo, que se emitía 4 veces ó dia, no horario de: 0:30, 7:30, 12:30 e 19:30.
O furor expandiuse tamén ó manga e ata ó cine, onde se proxectaron 3 películas: Superbatalla na Terra en maio de 1998 coma Dragon Ball Z: la película, Estala o duelo en xaneiro de 1999 coma Dragon Ball Z 2: El poder invencible e un combinado de Os guerreiros de prata e Fusión! en decembro de 1999 coma Dragon Ball Z 3: Guerra en los dos mundos (emitíronse unidas unha atrás da outra, cunha voz en off que comentaba unha relación inventada entre ambas). Estas e o resto das películas e especiais de televisión foron comercializadas en vídeo pola editorial Vértice, que tamén publicaba unha revista mensual. Tiveron tamén ampla circulación dous álbuns de figuras de Dragon Ball e cinco de Dragon Ball Z, produto da empresa peruana Corporación Gráfica Navarrete. Ó cesa-la transmisión da serie en Magic Kids en 2002 aproximadamente, a versión latinoamericana da canle Cartoon Network comezou a emitila regularmente, para despois axustala ó bloque de anime do sinal, Toonami, o cal se emite nas noites ás 0:00 ata a 1.
[editar] Chile
A Chile chegou sen previo aviso en 1997 pola canle privada Megavisión (agora Mega). A partir da exhibición de Dragon Ball, numerosos televidentes fixéronse seguidores da serie e o aparente descoñecemento desta virou en 180º para se transformar en todo un fenómeno de masas nos anos seguintes (concretamente en 1998 e 1999) coas emisións das seguintes sagas. Tamén foi un dos animes para que a canle de cabo etc...tv tivera unha grande audiencia pasando totalmente sen censura tódalas sagas ata a actualidade 2007. A sona que alcanzou o anime deu paso a que foran transmitidas varias das súas películas en horario estelar (22:00), máis unha película amosada nos cines nacionais. Emitida a todo o país, a serie mantívose no ar arredor de cinco anos, ata que a última serie de anime, Dragon Ball GT, foi transmitida no verán do 2001. A súa dobraxe foi a mexicana, cun excelente desempeño, case non houbo ningún corte ou censura como si ocorreu noutros países. Déronse tódalas series completas (Dragon Ball, Dragon Ball Z e Dragon Ball GT). A serie foi reemitida en varias ocasións por Mega, aínda que actualmente transmítese pola canle de cabo Cartoon Network] que dan 2 capítulos ás 00:00 de luns a xoves e en etc...TV, que emite as primeiras sagas (aínda que tamén emitiu DB GT) de luns a domingo.
[editar] Colombia
Esta serie viu a luz nas pantallas colombianas da man de Canal 1 que a renomeou "El Dragón Mágico" no ano 1996, durou no ar varios capítulos ata que foi suspendida por aparente falla de índice de audiencia. En 1998, cando RCN e Caracol TV fundaron as súas canles privadas Caracol volveu retoma-la emisión, pero dende Dragon Ball Z (co seu nome orixinal)e emitiuse completa ata Dragon Ball GT de luns a venres logo de Pais e Fillos, entre as 2:00 e 4:00 p.m.
A empresa peruana Navarrete publicou varios álbuns da serie entre os cais habia dous de Dragon Ball, seis de Dragon Ball Z e un de Dragon Ball GT, estes álbuns tiveron gran acollida entre afeizoados da serie e curiosos confirmando o grande éxito de Dragon Ball entre os colombianos. Isto tamén se viu entre a mercadoría, coma xoguetes, camisolas, estampados, etc.
Cara ó ano 2002 Caracol TV decidiu volvela emitir na faixa infantil das fins de semana onde se emitiu completa pasando varias grupos de capítulos por día, e foi de novo suspendida despois da semana santa do 2002, por disposición da Comisión Nacional de Televisión de Colombia que seica prohibiu toda clase de series anime por supostamente promove-la homosexualidade e a violencia.
Paga a pena salientar que a maioría de seguidores colombianos viron Dragon Ball grazas a Canal 5 de México na TV por subscrición, onde se emitiu por primeira vez completa en latinoamérica.
A comezos de 2007, a canle nacional City TV de Bogotá, comezou a se transmitir Dragon Ball, de luns a venres de 5:00 a 6:30 p.m. Tamén se pode ver pola canle Cartoon Network ás 22:00 de luns a xoves.
[editar] Perú
No Perú a serie colleitou un grande éxito dende a súa primeira emisión no Canal 5 (Panamericana Televisión) en 1996. Posteriormente foi transmitido polo Canal 4 (América Televisión) onde se emitiu a parte final de Dragon Ball en 1997, Dragon Ball Z en 1998 e Dragon Ball GT no 2000, cando tamén se estreou unha película nas salas de cine. Actualmente (2007) é transmitido dende a saga de Dragon Ball Z polo Canal 4 os sábados no horario das 17.30. É ata agora o anime con maior éxito no país xunto con Sailor Moon, Pokemon, Cabaleiros do Zodíaco e Capitán Tsubasa. Realizáronse 14 álbuns da serie (2 de Dragon Ball e as súas 2 reactualizacións, 7 de Dragon Ball Z, 1 de Dragon Ball GT e 1 das 3 sagas) e un álbum das 20 películas da serie, produción da empresa peruana Navarrete. Ademais, dende mediados do 2006 comezouse a transmitir por Cartoon Network Dragon Ball e Dragon Ball Z de 22:00 a 22:45.
[editar] Venezuela
En Venezuela a serie tivo un grande éxito dende que se comezou a transmitir en 1997, pola canle de sinal aberto Televen, canda outras series moi populares coma Sailor Moon e Os Cabaleiros do Zodíaco. Despois de Dragon Ball, transmitíronse seguidamente Dragon Ball Z, sendo esta a que alcanzou maior popularidade, e finalmente Dragon Ball GT. As series transmitíronse completamente, sen cortes nin censura, e coa dobraxe mexicana. Na actualidade pódense ver estas series no bloque Toonami, por Cartoon Network, xa que Televen deixou de transmitilas aproximadamente no ano 2003.
[editar] República Dominicana
Na República Dominicana a serie comezou a se emitir no verán de 1998 en Telesistema Canal 11, emitindo Dragon Ball en 1998, Dragon Ball Z en novembro de 1999 e Dragon Ball GT en 2002. En pouco tempo, esta serie foi unha das máis exitosas neste país, ata se chamou «A hora dos Saiyans» ás 16:00 cando se transmitían.
Ata a data séguese a transmitir Dragon Ball Z e Dragon Ball GT respectivamente.
[editar] Illas Malvinas
Nas Illas Malvinas transmítense episodios en inglés pola cadea UK Malvinas, de luns a venres ás 14:00.
[editar] Polémicas
Dende a súa saída do Xapón, esta serie viuse rodeada de polémica por mor de diferentes aspectos:
[editar] Censura en Europa
A serie foi comprada nun principio por unha televisión francesa, que a distribuíu a toda Europa. Con todo, esta televisión censurou moitas escenas por mor do carácter presuntamente violento ou erótico dalgunhas delas. Estes son algúns dos exemplos:
- Mutenroi pede a Bulma que lle ensine as bragas, e esta levántase o vestido sen saber que non as levaba postas. Veselle o traseiro. Con todo, esta escena non foi censurada en ningunha das dúas películas nas que se relata esta escena: A lenda de Shenron, o Dragón Sagrado e O camiño cara ó máis forte.
- Mutenroi pede a Oolong (que se fai pasar por Bulma) que lle deixe ver o peito, e este ofrécese a algo máis. Na tradución só lle pede «un bico». Tampouco se censurou n'A lenda de Shenron, o Dragón Sagrado.
- Bacteria e Krilin tíranse senllas flatulencias.
A censura continuou en Dragon Ball Z. En España, a única cadea que censurou os capítulos máis do que estaban foi Antena 3, chegando a casos nos que un capítulo pasaba a durar 13 minutos (polos case 20 que duran normalmente). Pola súa banda, Canal Sur (canle autonómica de Andalucía) decidiu retirar a serie a metade de emisión.
[editar] Traducións e dobraxe na Galiza
Houbo bastantes erros nas traducións da serie, en boa medida causada polas incongruencias da tradución francesa, segundo o capítulo do que se trataba:
- Kame Hame Ha: traducida como Onda Cameame, Kame Ame Ka, Onda Vital, etcétera.
- Onda Vital: baixo esta tradución agrúpanse ataques tan diversos coma Kame Hame Ha, Kaioh Ken, Masenko, Big Bang Attack, Makankosappo, etcétera.
- Son Gohan: traducido coma Son Gohan e Songoanda.
- Saiyan e Super Saiyan: trocándose ámbolos dous conceptos, chamados segundo o momento, guerreiros do espacio, súper guerreiros do espacio, super guerreiros, o-inimigo, etcétera.
- Kakarotto: o verdadeiro nome de Son Goku era traducido como Kákalot, Kákarot, ou simplemente Son Goku. Nalgunhas ocasións substituíase por pallaso.
- Kaioh Sama: Kaio, Kaito ou Kaido son algúns dos seus nomes.
[editar] Violencia e outras polémicas
Aínda que durante a súa emisión nas cadeas autonómicas españolas xa levantara certa polémica, foi trala súa chegada a Antena 3 cando levantou moitas protestas por parte de diversas asociacións de espectadores, que consideraban que esta serie exalta a violencia, a competitividade e o sexismo, polo que pediron reiteradamente a súa retirada.
En outubro de 2002, preto de Tarapoto (Perú), 2 adolescentes chamados Edil Castillo e Christian Vílchez foron posuídos polos espíritos de Son Goku e Vexeta tras invocalos mediante unha ouija, ou iso dixo o seu pastor evanxélico e ex-chamán Herber Vélez de Villa. Este relixioso atribuise o feito de expulsar os malignos espíritos do corpo dos adolescentes. Aínda que algunha xente pensa que o pastor deu alucinóxenos ós mozos para que dixesen estes testemuños, ata unha minoría pensa que o pastor debería ser encarcerado por fraude.
En 2005, un estudo da Universidade de Valladolid comparou esta serie con David o Gnomo. Segundo a investigación, "mentres os participantes non tiveron ningunha dificultade para sinalar as motivacións das personaxes de David o gnomo, e onde e en que momento da historia se atopaban, eran incapaces de situar correctamente os seus homólogos de Dragon Ball e de explicar as súas accións e intencións; e segundo dixo un dos responsábeis do estudo, Jesús Bermejo, isto pode contribuír a que o neno entenda a vida coma un collage. O estudo foi realizado con 500 nenos, descoñécese de que idades. Os seguidores da serie replican que Dragon Ball é unha serie xuvenil que non se pode comparar con series infantís coma David o Gnomo.
[editar] Comercialización
Dragon Ball, como a serie famosa que é, tivo moita comercialización de todo tipo, dende 1985 ata a actualidade. Pero, non só no Xapón, senón por todo o mundo, cousa inusual naquela época.
[editar] Publicacións
Son varios os especiais que lle foron adicando as diversas revistas españolas ó longo da historia. Ademais o primeiro Daizenshu foi traducido ó castelán pola editorial Planeta.
Destaca-lo libro La Biblia de Dragon Ball, realizado por Vicente Ramírez no 2004 e publicado pola editorial Dolmen.
[editar] Videoxogos
Artigo principal: Lista de videoxogos de Dragon Ball
[editar] Ver tamén
- Dragon Ball (anime)
- Dragon Ball Z
- Dragon Ball GT
- Dragon Fall
- Neko Majin Z
- Lugares de Dragon Ball
- Obxectos de Dragon Ball
- Personaxes de Dragon Ball
- Razas de Dragon Ball
- Técnicas de Dragon Ball
[editar] Ligazóns externas
[editar] Castelán
- Beltran's Dragon Ball
- Ciudad Satán
- Mundo Dragon Ball
- Bola de Dragon
- Dragon Ball Z We Gotta Power!!!
- Ultimate Power
[editar] Portugés
[editar] Inglés
- Daizenshuu EX
- Unrivaled Dragonball Site
- Dragonball Unlimited
- My Favorite Games - Dragon Ball Z GT
- Z-Rage