Idade do Ferro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Idade do Ferro é o período en que se desenvolveu a metalurxia do ferro e constitúe a última das tres idades en que se divide tradicionalmente a prehistoria. O ferro é superior ao bronce en relación á dureza e abundancia de xacementos.
O uso axeitado deste mineral comeza no II milenio, sendo os hititas o primeiro reino organizado que controlou a súa produción. A expansión do ecoñecemento sobre o uso do ferro produciuse probabelmente desde Irán a través do Cáucaso. Esta idade trouxo cambios importantes, pois os imperios orientais debilitáronse, mentres que os centros de poder se desprazan cara occidente. En Europa a industra do ferro estableceuse no Exeo e na Europa central durante a Idade Oscura de Grecia, período durante o cal se produciron os primeiros asentamentos en Roma (meados do século IX a.C.) e se desenvolveron as cidades-estado etruscas e a cultura de Hallstatt.
Así pois, a Idade do Ferro vén caracterizada pola utilización do ferro como metal, utilización importada de Oriente a través da emigración de tribos indoeuropeas (celtas), que a partir do 1.200 a.C. comezan a chegar a Europa Occidental e o seu período abrangue até a época romana e na Escandinavia até a época viquinga (sobre o ano 1000 d.C.).
Estes emigrantes indoeuropeos, chamados con frecuencia Celtas, a pesar de que o pobo deste nome era só un máis dos que formaban parte dos desprazados, viñeron nun longo período en emigracións parciais de grupos moi distintos entre si, aínda que conservaban certos elementos homoxéneos como unha serie de linguas indoeuropeas, e uns hábitos culturais similares.
A mediados do século VIII a.C. o ferro chegou ás Illas Británicas. Coetaneamente, as colonias gregas poboaban o Mediterráneo occidental e a costa oriental do Mar Negro.
[editar] Períodos
O período da Idade do Ferro divídese en dous:
- Período da Cultura de Hallstatt (Primeira Idade do Ferro)
- Período da Cultura de La Tène (Segunda Idade do Ferro)
Na Europa Central, a Idade do Ferro divídese en catro períodos:
- A Cultura dos Túmulos.
- A Cultura dos Campos de Urnas (1200-725 a.C.)
- A Cultura de Hallstatt (800-450 a.C.) e
- A Cultura de La Tène (de 450 a.C até a conquista romana).
Na Alemaña, os historiadores diferencian unha Idade de Ferro Prerromana e outra Romana (Cultura de Xastorf).
Na Peninsula Ibérica a Idade do Ferro está esencialmente dominada pola ocupación do territorio polo Imperio Romano.
[editar] Véxase tamén
- Idade da Pedra
- Idade do Bronce