Karl Marx
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Karl Heinrich Marx (1818-1883), economista e pensador alemán, que viviu boa parte da súa vida en Inglaterra e que deu orixe ao marxismo, teoría filosófico-económica que tivo unha ampla vixencia no século XX. A súa obra máis destacada, O Capital, é, despois da Biblia, a obra escrita con máis difusión no mundo. Destacan tamén o Manifesto do Partido Comunista (1848), A guerra civil en Francia, e outras moitas obras escritas na súa meirande parte co seu colaborador e tamén economista Friedrich Engels. Karl Marx foi un dos pensadores máis influentes da Historia e figura clave na análise da historia, a sociedade, a política e a economía. O seu pensamento prolóngase cara moitas décadas máis tarde a partires da súa morte, sendo chave para entender os procesos sociais e políticos que percorren o século XX e converténdose no padre ideolóxico do comunismo.
[editar] Biografía
Marx naceu en Tréveris (Prusia, agora Alemaña), no seo dunha familia de ascendencia xudía, seu pai era un avogado convertido ao protestantismo dous anos antes do nacemento de Karl. Cursou estudos de dereito na Universidade de Bonn. Alí, comezaron cedo as súas inquedanzas sociais, e facendo as súas primeiras colaboracións, na Rheinische Zeitung (Gaceta Renana), publicación da que chegará a ser redactor xefe pero a revista foi suspendida polas autoridades e Marx emigrou a Francia, en París coñece a Friedrich Engels, con quen nacería unha grande amizade, e que sería até os seus últimos días o seu eterno colaborador. Os seus artigos publicados en Francia provocan a súa expulsión deste país en 1845, polo que se ve obrigado ao exilio, establecéndose en Bruxelas, renunciou á súa nacionalidade para non ser perseguido polo goberno prusiano, aínda que tampouco adoptou outra nacionalidade, intensificou o contacto cos obreiros alemáns emigrados e ingresou na Liga dos Comunistas quen lle encargou a realización dun programa con ocasión dun congreso celebrado en Londres en 1847, ese programa é o Manifesto Comunista publicado en 1848. Tralo período revolucionario de 1848, trasládase a Colonia (Alemaña), onde organiza un novo diario, Neue Rheinische Zeitung (Nova Gaceta Renana). Esta nova publicación, que ven á luz nun marco de forte actividade obreira organizada, acada un éxito rotundo. E é precisamente por esta capacidade axitadora polo que é prohibida polo goberno renano. En 1849 Marx pasou a vivir a Londres e alí residiu o resto da súa vida cos escasos recursos económicos que lle reportaban os artigos para periódicos e a axuda dos amigos, neste período é precisamente cando Marx dedica o seu tempo á escritura da que sería a súa obra máis influínte, O Capital, que elabora nas salas de lectura do Museo Británico. O primeiro volume de "O Capital" non verá a luz ate 1867, tras dezaoito anos de traballo. Ademais, mentres traballa nesta obra, Marx colaborou na organización da Primeira Internacional, participando activamente nas discusións e na confrontación no seo da mesma entre comunistas e anarquistas. Trala experiencia da Comuna de París de 1871, Marx se retira da política activa e se dedica á escritura de ideoloxía, destacando como análise da praxe revolucionaria a súa obra A guerra civil en Francia. Finou o 14 de marzo de 1883 en Londres.
[editar] Pensamento
Marx é testemuña da primeira gran crise do capitalismo (década dos anos 30 do século XIX) e do período revolucionario de 1848. Estas dúas vivencias serven como pretexto para a análise teórica inserta na súa obra, na que desenrola unha teoría económica quen de aportar explicacións ás mesmas, pero á vez de interpelar as clases populares a participar nela activamente para producir un cambio revolucionario. Unha teoría revolucionaria que, se ben parte da análise da situación do seu tempo, non se circunscribe a este, senón que, mediante as súas teorías do materialismo histórico e dialéctico serve para analizar, interpretar e incidir nas condicións socioeconómicas de cada momento histórico.
Para Marx, a determinación da magnitude do valor dunha mercadoría é a cantidade de traballo requirido socialmente para producila. Esta é a coñecida teoría do valor traballo. Así, criticando a teoría de David Ricardo do valor-traballo, deduce que o salario é o valor da mercadoría "forza de traballo", e como todo valor, determínase polo tempo de traballo necesario para a produción e reprodución da mesma, neste caso para a produción e reprodución da mercadoría "forza de traballo". Isto é, o valor dos medios de vida necesarios para asegurar a subsistencia do traballador. Por outra parte, o capitalista comprador da "forza de traballo" consome dita mercadoría no proceso de produción onde o traballador rende durante un tempo (xornada laboral) que excede a cantidade de tempo necesaria para a súa reprodución como obreiro (salario): é dicir, o valor da "forza de traballo" e a súa valorización no proceso de traballo son factores distintos, cuxa diferenza determina a magnitude da plusvalía (exemplo de Marx no Capital 1: "para alimentar e manter en pé a forza de traballo durante vintecatro horas faga falta media xornada de traballo, non quere dicir, nin moito menos, que o obreiro non poda traballar durante unha xornada enteira").
Esta plusvalía é apropiada polo capitalista e dela procede a ganancia. Esta apropiación constitúe a base fundamental do modo de produción capitalista e a súa vez estas condicións materiais determinan a superestrutura, é dicir, as formas e contidos da conciencia expresadas na arte, a política, a relixión e tamén o dereito. Esta contradición fundamental (produción colectiva contra apropiación individual) baixo o réxime de produción capitalista, reviste a forma da lei xeral da acumulación capitalista, que consiste en que canto maior é a riqueza social, é dicir, o capital en funcionamento, tanto maior é a magnitude absoluta do proletariado e a capacidade produtiva do mesmo, e polo tanto, tanto maior é o exército de reserva, polo tanto a medida que crece a acumulación de capital crece a acumulación de miseria, e algúns dos seus fenómenos son a diminución da taxa de beneficios á vez que a concentración do capital en moi poucas mans. Así, a contradición principal do capitalismo segundo Marx é o antagonismo de clases entre a clase capitalista e a clase proletaria.
A necesidade da revolución implícita en tales contradicións está determinada polas tensións que se derivan do feito de que as forzas produtivas sorpasan e se ven limitadas polas relacións de produción. Para o capitalismo tal revolución consiste na "expropiación dos expropiadores" e movemento final da dialéctica da propiedade privada e a súa abolición, que no pensamento de Marx se concreta nun horizonte político concreto: o socialismo, antesala a súa vez do comunismo. O materialismo dialéctico, é dicir, a dialéctica do modo en que o home produce os seus medios de vida, da que se deriva a súa alienación, constitúe para Marx a historia humana (para Marx "a historia humana é a historia da súa alienación e da abolición de dita alienación"), historia que a cada momento só pode ser entendida segundo os seus diferentes modos de produción, e a loita de clases inherente, por exemplo, escravista, feudal, capitalista e comunista. A teoría do materialismo dialéctico, básica para unha análise marxista das determinadas condicións ao estudo, pon en evidencia a característica antidogmática do marxismo. O método dialéctico, polo que o marxismo pode estar en constante actualización, formula a necesariedade dunha síntese en calquera relación dialéctica entre unha tese e unha antítese. Esta lei é aplicábel á historia mediante o materialismo histórico. Así, da confrontación dialéctica entre burguesía e a antiga poderosa nobreza, xurdiu unha síntese: a sociedade capitalista. Polo tanto, mediante a relación dialéctica entre burguesía e proletariado faise necesaria como síntese a sociedade comunista.
[editar] Influencia do seu pensamento
As obras de Marx influíron a un bo número de teóricos e políticos, e serviu de base teórica para grandes movementos sociais, sindicais e en xeral de masas. É salientábel a interpretación que realizaron países do chamado "socialismo real": URSS, Albania, China, Cuba... Por outra, a que realizou historicamente a socialdemocracia, nos seus orixes contraria á táctica revolucionaria e partidaria de avanzar cara o socialismo a través de progresivas reformas parlamentarias, derivando aos poucos ate aceptar a economía de mercado). Así mesmo, o marxismo, como tese antidoutrinal e antidogmática por excelencia, en constante movemento e que emprega métodos de análise como método formador de teorías, serve para o estudo de determinadas ciencias (historia, arte, antropoloxía, etc.).