Louis Pasteur
Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Louis Pasteur (1822 - 1895) foi un químico francés cuxos descubrimentos tiveron enorme importancia en diversos campos das ciencias naturais, sobre todo na química e microbioloxía. A el débese a técnica coñecida como pasteurización.
Índice |
[editar] Primeiros días
Naceu o 7 de decembro de 1822 en Doe, departamento de Xura, Francia. O seu pai fora soldado de Napoleón. Non foi un alumno especialmente aplicado ou brillante na escola nin na Universidade. Tras se licenciar e asistir ás leccións do gran químico francés Jean B. Dumas, comezou a se interesar pola química.
Foi profesor de química en Estrasburgo (1847-1853) e decano en Lille (1854). Ademais, en 1857 desempeñou o cargo de director de estudos científicos da Escola Normal de París, cuxo laboratorio dirixiu a partir de 1867.Fixo grandes descubrimentos.
[editar] Contribucións na química orgánica
Descubriu o dimorfismo do ácido tartárico, ó observar ó microscopio que o ácido racémico presentaba dous tipos de cristal, con simetría especular. Foi polo tanto o descubridor das formas dextróxiras e levóxiras. E comprobou que desviaban o plano de polarización da luz co mesmo ángulo pero en sentido contrario.
Este achado valeulle ó xove químico a concesión da Lexión de Honra Francesa, con só 26 anos.
En 1854 foi nomeado decano da Facultade de Ciencias na Universidade de Lille.
[editar] Investigacións na microbioloxía
A petición de viticultores e cervexeiros da rexión, comezou a investiga-la razón pola cal se acedan o viño e a cervexa. De novo grazas ó microscopio consegue identifica-la levadura responsable. Propuxo elimina-lo problema quentando a bebida lentamente ata atinxir 48 graos centígrados para mata-las levaduras, e despois encerra-lo líquido en cubas ben seladas. Este proceso deu lugar á actual técnica de pasteurización dos alimentos.
Demostrou que todo proceso de fermentación e descomposición orgánica se debe á acción de organismos vivos e que o crecemento dos microorganismos en caldos nutritivos non era debido á xeración espontánea. Para demostralo expuxo caldos fervidos en matraces provistos dun filtro que evitaba o paso de partículas de po ata o caldo de cultivo, simultaneamente expuxo outros matraces que carecían dese filtro pero que posuían un colo moi alongado e tortuoso que dificultaba o paso do aire, e polo mesmo das partículas de po, ata o caldo de cultivo. Ó cabo dun tempo observou que nada crecía nos caldos demostrando así que os organismos vivos que aparecían nos matraces sen filtro ou sen colos longos proviñan do exterior, probablemente do po ou en forma de esporas. Desta maneira Pasteur amosou que os microorganismos non se formaban espontaneamente no interior do caldo, refutando así a teoría da xeración espontánea e demostrando que todo ser vivo procede doutro ser vivo anterior, un principio científico que foi a base da teoría xerminal.
En Inglaterra, o cirurxián Joseph Lister pensou que podía aplica-los coñecementos de Pasteur e elimina-los organimos vivos das feridas e incisións cirúrxicas (1865).
O propio Pasteur, en 1871 obrigou ós médicos dos hospitais militares a ferve-lo instrumental e as vendaxes. Describiu un forno, chamado "forno Pasteur", útil para esterilizar instrumental cirúrxico e material de laboratorio.
Utilizou un novo método para eliminar microorganismos poden degradar ó viño, a cervexa ou leite, elevando a súa temperatura ata os 55 graos durante un tempo curto. Este procedemento denominouse "pasteurización" e tivo unha aplicación universal na industria alimentaria.
Desenvolveu a metodoloxía para atenuar a virulencia de microorganismos patóxenos que puideron ser entón utilizados para a fabricación de vacinas. O mesmo obtivo vacinas eficaces contra o cólera dos polos, o ántrax e a erisipela do porco. Posteriormente obtivo a vacina contra o virus a rabia que foi probada con éxito por primeira vez para tratar ó xove Joseph Meister.
[editar] Días finais e legado
Expuxo a "teoría xerminal das enfermidades infecciosas", segundo a cal toda enfermidade infecciosa ten a súa causa (etioloxía) nun xerme con capacidade para se propagar entre as persoas. Esta sinxela idea representa o inicio a medicina científica, ó demostrar que a enfermidade é o efecto visible (signos e síntomas) dunha causa que pode ser buscada e eliminada mediante un tratamento específico. No caso das enfermidades infecciosas débese procurar o xerme causante de cada enfermidade para achar un modo de combatelo.
Polos seus traballos é considerado o pioneiro da microbioloxía moderna que inicia así a chamada "Idade de Ouro da Microbioloxía".
"Anímote a que te intereses por eses dominios sagrados chamados expresivamente laboratorios. Ten en conta que son os templos do futuro, a saúde e o benestar. En eles a humanidade crecerá, fortalecerase e mellorará. Alí, a humanidade aprenderá a progresar entendendo a harmonía da natureza, evitando así a súa tendencia cara a barbarie, o fanatismo e a destrución". Louis Pasteur
Morreu o 28 de setembro de 1895. A el se lle debe a técnica coñecida como pasteurización.
