Ordoño II
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ordoño II (¿871?-León 924) foi rei de Galiza e de León.
Índice |
[editar] Infancia
Aos oito anos partiu para Zaragoza, onde foi educado por unha importante familia mozárabe do emirato. Con esta medida Afonso III o Magno pretendía afianzar a amizade coa taifa musulmá enfrontada a Córdoba. A súa permanencia alí debeu durar ata o momento en que rematou o bo entendemento entre o monarca cristián e os Beni Casi.
[editar] O Reino de Galicia
Contraeu matrimonio con Elvira Menéndez, filla de Hermenexildo Guterrez o que o vencellaba á máis poderosa aristocracia galega. Aquela que repoboara o Bierzo e Astorga, e chegara en ímpeto reconquistador ata Coimbra, consolidando o territorio portucalense.
A crónica Post Abeldense dá razón de como Afonso III o asociou ao trono concedéndolle o goberno de Galicia. Galvanizando ao seu redor á nobreza galega, dirixiuna a campañas ata o sur da Península, chegando a saquear Regel, preto de Sevilla, recadando gran número de cativos e un importante botín.
Non aparece directamente implicado na rebelión do seu irmán García. Este faise coroar en León, e o seu irmán menor Froila en Oviedo, pero Galicia proclamará a súa lealdade a Ordoño. O día 7 de xuño do 910, os grandes magnates galegos, nunha convención presidida por Recaredo, bispo de Lugo, proclaman a súa fidelidade ao nostro domino donno Ordonio.
Xa finado o seu pai, dirixe unha exitosa expedición pola Lusitania ata Évora, da que se fai eco a Crónica de al-Nasir. Nela chégase a dicir que o exército galego se compoñía de 30.000 homes que arrasaron a cidade musulmá e fixeron 4.000 prisioneiros. E continúa: Non hai memoria no al-Andalus dun desastre do Islam, por parte de inimigo máis afrontoso e terrible ca este.
En canto á política interior, axiña testemuña o seu recoñecemento ao santuario apostólico de Santiago de Compostela mediante importantes doazóns que fai o matrimonio Nos Hordonius rex et Gelvira regina ante a presenza de tódolos bispos do Reino de Galicia: Nausto, Recaredo, Savarico, Froarengo e Ansurio.
Dá un importante pulo ao monacato, apoiando ao nacente mosteiro de San Martiño Pinario, completando así os piares sobre os que se ía asentar a organización do territorio: nobreza, bispados e monacato.
[editar] Coroa de León
García reinou en León tres anos e un mes. Trala súa morte prematura, os magnates de León e Astorga chamaron ao rei de Galicia e ofrecéronlle a coroa leonesa (tal como nos conta o historiador cordobés Ibn Hayyan). Ordoño tardou en acudir ao chamamento, debido a unha enfermidade infecciosa que fixo que temese unha próxima morte, tal como claramente o expresa nun documento outorgado en Mondoñedo a prol desta diocese. Foi unxido, o 12 de decembro do 914, rei en León, que dende aquela data deixou de ser o antigo acuartelamento dunha lexión romana para se converter definitivamente en urbs regia.
Inquedo e activo reuniu un exército galaico-leonés de 60.000 homes (segundo as crónicas) e tomou Medellín, Castro Alange e entrou en Mérida nunha espectacular campaña de saqueo. A reacción cordobesa non se fixo agardar, recrutouse un poderoso exército musulmán que avanzou cara o río Douro, pero que foi derrotado por Ordoño II en Castromuros, na mellor coñecida como fazaña bélica de San Esteban de Gormaz (ano 917).
Xa no 918, en alianza con Sancho Garcés de Navarra, marchou contra Náxera e Tudela, pero foron freados en Mutonia. O propio califa decretou a mobilización xeral e derrotou aos monarcas navarro e galaico-leonés en Valdejunquera, aínda que ao ano seguinte, Ordoño II xa se recuperara e atacara de novo a zona de Sigüenza.
Da desfeita de Valdejunquera culpouse aos nobres casteláns Nuño Fernández, Abolmondar e o seu fillo Diego e Hernando Ansúrez, que evitaran combater e foron condenados a morte pola súa covardía.
Fixo doazóns para engrandecer a catedral de León.
[editar] Vencellos matrimoniais
Casou tres veces, e a súa segunda esposa foi a galega Aragonta, pronto repudiada. A súa terceira muller era a filla do rei navarro, Sancha, e selaba así a amizade coa corte de Pamplona. Porén serán os tres fillos da primeira muller: a galega Elvira Menéndez os que acabarán reinando: Sancho Ordóñez no reino de Galicia, Afonso IV e Ramiro II; este reunificaría todos os territorios do seu pai. Antes disto, aínda reinaría, inmediatamente despois do seu pasamento, seu irmán Froila II, rei ata ese momento, só de Asturias, pero a descendencia deste será derrotada polos Ordóñez.
Reino de Galiza | ||
---|---|---|
Segue a: Afonso III de Asturias |
Ordoño II (914-924) |
Precede a: Froila II |
Astur-Leonesa |
Reino de León | ||
---|---|---|
Segue a: García I de León |
Ordoño II (910-924) |
Precede a: Froila II |
Astur-Leonesa |