Reino de Galiza
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Historia de Galiza |
---|
Prehistoria |
O Megalitismo |
Idade de Bronce |
Idade Antiga |
Cultura Castrexa |
Gallaecia |
Reino Suevo |
Idade Media |
Reino da Galiza |
A Época altomedieval |
A Galicia feudal |
Idade Moderna |
Idade Contemporánea |
O Século XIX |
A Restauración |
Século XX |
A Segunda República |
A época franquista |
Presente |
Índice |
[editar] Alta Idade Media
O Reino da Galiza foi unha entidade política da Alta Idade Media. Xurdiu trala pronta retirada dos musulmáns da zona que pouco antes ocupara o reino dos suevos, coñecido nas crónicas coetáneas como Galliciense Regnum.
Tivo por vez primeira carácter de reino independente de 910 a 914 baixo Ordoño II e a princesa galega Elvira Menéndez. Experiencia que se repetiu co primoxénito deste: Sancho Ordóñez (924)e a súa dona a raíña galega Goto. En moitos momentos da súa historia viuse unido ó Reino de Asturias e/ou ó Reino de León, facendo que nalgúns casos sexa dificil diferencialos.
A nobreza galega oscilou entre o dominio do reino ou o levantamento para a consecución dun espazo propio (traditores). Arbitro nesa inestabilidade foi San Rosendo que mediou entre Ordoño IV e Sancho I, ámbolos dous coroados en Santiago de Compostela. Resultado dunha desas rebelións será a coroación na Galiza de Bermudo II (982). Este derrotará a Ramiro III de León e unificará novamente os dous territorios.
Coa expansión navarra de Sancho III O Maior, os territorios da Coroa de León quedaron reducidos practicamente á Galiza actual, ata que o seu fillo Fernando, o futuro rei de Castela, derrotou ao rei galaico-leonés Bermudo III. Tras dominar o territorio galego, e buscando a lexitimidade no matrimonio coa irmá deste, Sancha, viviuse unha primeira experiencia de unidade de Galicia e León con Castela
[editar] Séculos centrais
Á morte de Fernando I de Castela e León, en 1065, Galiza pasou ao seu fillo menor, García de Galiza, xunto coas conquistas portuguesas ata Coimbra. Tributarias do reino serían as taifas musulmanas de Sevilla e Badaxoz.
García restaurou as sés de Tui e Braga e venceu varios conatos de anexión, pero finalmente foi deposto polos seus irmáns Sancho II de Castela e Afonso VI de León en 1071. Estes asinarían xa ese ano co título de reis de Galicia na documentación galega do momento. García morrería en prisión e sempre se lle recoñeceu a dignidade real. Galiza pasou a ser gobernada por Raimundo de Borgoña, casado coa filla de Alfonso VI de León, dona Urraca (totius Gallecia imperatrix).
A nova situación non se acadou sen resistencias. O conde Rodrigo Ovéquiz encabezou unha rebelión que tardou varios anos en sofocarse. O bispo de Santiago Diego Páez foi deposto no Concilio de Husillos (1088) por tentar restaurar a independencia do reino de Galiza. Foi acusado de concertar un acordo con Guillerme o Conquistador para acadar este obxectivo.
Trala morte de Don García en prisión, en 1096 Afonso VI dividiu o territorio en dous condados, un correspondente ás terras galegas e o outro ás portuguesas que doou a Enrique de Borgoña, pai do primeiro rei de Portugal Afonso Henriques.
En 1111 Diego Xelmírez coroou en Santiago de Compostela ao fillo de Urraca e Raimundo, Afonso Raimúndez, o futuro Afonso VII de León e Castela. Sostiña ao novo rei galego a forza militar do bispo de do conde Pedro Froilaz de Traba. O sentido da coroación foi preservar o dereitos do fillo de don Raimundo de Borgoña sobre o Reino de Galiza, nun momento en que Urraca, xa viuva, entregaba de facto Castela e León ao seu novo home Afonso o Batallador de Navarra e Aragón.
En 1128 o líder da nobreza galega Fernando Pérez de Traba e Tareixa de Portugal que despregaban un poder autónomo no espacio galaico-portugués son vencidos polo fillo da última Afonso Henriques. Este sería o xermolo do futuro reino portugués separado de Galicia e León.
Afonso VII dividiu os seus reinos (1156), cedendo Galiza e León a Fernando II. Este rei outorgou numerosos foros ás vilas e cidades galegas e deu un pulo fundamental á catedral de Santiago. O seu fillo Afonso IX mantivo a mesma política e deu en herdanza os reinos de Galicia e León ás fillas que tivera con Tareixa de Portugal: Dona Sancha e Dona Doce. Fernando III o Santo de Castela non repectou este testamento e uniu para sempre o reino de Galicia ao de Castela no ano 1230.
A figura do Adiantado Maior do Reino de Galicia foi o representante do rei de Castela e era designado entre os membros da máis alta nobreza galega. Un dos máis célebres adiantados maiores foi o almirante e trovador Pai Gómez Chariño.
[editar] A Crise baixomedieval
A nobreza galega mantivo unha longa resistencia fronte a nova dinastía dos Trastamara. En Galicia foi recoñecido como rei o monarca portugués nun primeiro conato de restauración da lexítima dinastía petrista; máis tarde sería proclamado pola nobreza galega D. Xoán de Gante, duque de Lancaster. Ningunha tentativa acabaría callando.
Durante as revoltas dos irmandiños estes gobernaron o Reino de Galiza mediante Xuntas que decretaron o derrubamento dos castelos e fortalezas, exerceron xustiza e reclutaron exércitos. O poder irmandiño durou dous anos ata que nobreza galega recuperou o poder (1469) axudada pola coroa.
Os Reis Católicos propuxéronse disciplinar o reino e consolidar o seu dominio de xeito definitivo. Tras o descabezamento da nobreza máis levantisca (Pardo de Cela decapitado no norte, Pedro Madruga asasinado no sur, e o conde de Lemos coutado no leste), o reino de Galiza quedou baixo o mando dun Gobernador que presidia a Real Audiencia do Reino e era designado polos reis de Castela e Aragón de entre a nobreza foránea.
[editar] O Reino de Galicia no Antigo Réxime
O Reino de Galiza non tiña voto nas cortes de Castela e era representado por Zamora. Isto ocasionou importantes conflictos e reivindicacións, como a da Asemblea de Melide do 4 de decembro de 1520, dirixida polo arcebispo de Santiago Alonso III de Fonseca.
A influencia de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, foi decisiva para que, finalmente, Felipe IV fixera merecede de tal dereito por Real Carta de 13 de outubro de 1623.
A representación do país ante a monarquía exercíaa a Xunta do Reino de Galicia composta por representantes das cidades de Santiago, Lugo, Betanzos, Coruña, Mondoñedo, Ourense e Tui. Esta institución non foi quen de exercer un poder nidiamente autónomo agás durante a invasión napoleónica. No transcurso da guerra da independencia asumiu a soberanía interior e exterior, entrementres o Rei de España Fernando non consolidase a súa posición.
Oficialmente, Galiza, mantívose como reino ata 1833 ano no que foi divido en catro provincias durante a rexencia de María Cristina, desaparecendo así dos mapas.
Para máis información ver Historia de Galiza