Sofía de Grecia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Sofía de Grecia (Sofía Margarida Vitoria Federica de Schleswig-Holstein-Sönderborg-Glücksburg), princesa de Grecia e Dinamarca naceu en Atenas o 2 de novembro de 1938; é a Raíña Consorte de España dende 1975. É a filla primoxénita de Paulo I, rei dos Helenos, e da súa esposa Federica de Hannover. O rei Paulo era o fillo de Constantino I de Grecia e da súa muller Sofia, nada princesa de Prusia. Dona Federica era a filla de Ernesto Augusto de Hannover e da súa muller, Luísa Vitoria de Prusia, sobriña da propia raíña de Grecia, polo que o rei Paulo era curmán da nai da súa propia muller.
Durante a súa infancia, en 1941, tivo que abandonar Grecia xunto a toda a súa familia por mor da invasión alemá durante a Segunda Guerra Mundial, permanecendo no Cairo, Exipto e Sudáfrica ata a súa volta en 1946, aos poucos meses o rei Xurxo II morreu e ocupou o trono seu pai. Cursou estudos de pediatría, música e arqueoloxía. Traballou de enfermeira nunha maternidade de Atenas. Formou parte como suplente da selección grega de vela durante os Xogos Olímpicos de 1960, celebrados en Roma. O 8 de xuño de 1961 asistiu en Londres á voda dos duques de Kent, onde coincidiu co entón príncipe Don Xoan Carlos de Borbón e das Dúas Sicilias. Un ano máis tarde, o 14 de maio de 1962, contraeron matrimonio en Atenas polos ritos católico e ortodoxo.
Tiveron tres fillos:
- S.A.R. a Infanta Dona Elena n. 20 de decembro de 1963.
- S.A.R. a Infanta Dona Cristina n. 13 de xuño de 1965.
- S.A.R. Don Felipe, príncipe de Asturias, n. 30 de xaneiro de 1968.
O 19 de xullo de 1969, Francisco Franco designou ao Príncipe Don Xoán Carlos como sucesor a título de Rei, polo cal, e ata o momento da súa ascensión, tanto Don Xoan Carlos como a súa esposa ostentarían a dignidade de Príncipes de España, evitando a tradicional de Príncipes de Asturias, o que equivalería a recoñecer a Don Xoán de Borbón, como Rei. Trala morte de Franco, Xoán Carlos de Borbón foi proclamado Rei de España, o 22 de novembro de 1975 e Dona Sofía raíña consorte.
A Raíña é Académica de Honor da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e da Real Academia da Historia. Recibiu o Doctorado Honoris Causa polas Universidades de Rosario (Bogotá), Valladolid, Cambridge, Oxford, Georgetown, Évora e Nova York. Algunhas institucións culturais e musicais españolas levan o seu nome, como a Escola Superior de Música Reina Sofía, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou o Palacio das Artes Reina Sofía de Valencia. Ostenta o título de Raíña Consorte. Do mesmo xeito que o de toda a familia real helena, a súa orixe familiar é fundamentalmente danesa, con importantes alianzas alemás e rusas.