Noam Chomsky
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Avram Noam Chomsky (Philadelphia, Pennsylvania, 7 de decembro de 1928) é un lingüísta e profesor no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT, en Boston, Massachusetts), coñecido por ter formulado a teoría lingüística da gramática xenerativa e por polemizar sobre a política exterior dos Estados Unidos.
Índice |
[editar] Biografía
Chomsky é o fillo do erudito hebreo William Chomsky, orixinario dunha vila da Ucraína, e dunha nai tamén xudía e procedente da actual Bielorusia. Medrou nun ambiente que el califica de "ghetto xudeu", medio yiddish, medio hebreo, e de feito deu clases de hebreu. Temeu a expansión do fascismo desde moi novo, influenciado pola experiencia do seu pai e pola Guerra civil española e adoptou ideas anarquistas.
En 1945 iniciou estudos de Filosofía e Lingüística na Universidade de Pensylvania, na que foi alumno de Zellig Harris, e doutorouse nela, aínda que boa parte do seu traballo de investigación realizouno na Universidade de Harvard. Os alicerces das súas ideas lingüísticas aparecen na súa tese, que vería a luz ampliada en 1957 co título Estruturas Sintácticas (Syntactic Structures).
Nesa altura era docente no MIT e fíxose notorio pola súa oposición á Guerra do Vietnam, nomeadamente coa publicación do seu ensaio "A responsabilidade dos intelectuais" ("The Responsibility of Intellectuals", 1967). Desde entón é unha figura de referencia na crítica á lexitimidade das actuacións estadounidenses no estranxeiro, que inclúen os feitos relacionados co ataque do 11 de setembro de 2001. Por outra parte, Chomsky é, posibelmente, o pensador vivo máis citado na actualidade na área das humanidades.
Chomsky tamén ten recibido crédito de grupos culturais. O grupo musical Rage Against the Machine leva os seus libros nas súas xiras. A banda de grunge Pearl Jam tocou pedazos de discursos de Chomsky mesturadas coas súas músicas. O grupo de rock n' roll REM convidou ó lingüísta para conferenciar antes do seus concertos, ó que Chomsky recusou. Discursos de Chomsky teñen aparecido nos lados B dos álbumes da banda Chumbawamba e outros grupos.
[editar] Contribucións á lingüística
N'A Estrutura lóxica da teoría lingüística (Logical Structure of Linguistic Theory, 1955), Chomsky introduce as gramáticas transformacionais, se ben a obra de referencia continúa a ser Estruturas sintácticas. As frases, unidades de fala ou enunciacións (utterances, en inglés) corresponden a estruturas de superficie (surface structures) que derivan de estruturas profundas (deep structures) máis abstractas. As regras transformacionais, xunto coas regras da estrutura da frase e outros principios estruturais gobernan tanto a creación como a interpretación das frases. Os seres humanos somos capaces de producir un numero infinito de oracións, incluídas oracións que ninguén dixera antes, a partir dun conxunto reducido de regras gramaticais e un conxunto finito de vocábulos. A capacidade para estruturar a nosa produción desta maneira é innata, parte do patrimonio xenético dos seres humanos e chámase gramática universal. A partir desta gramática universal, o neno que aprende unha lingua concreta accede a esta precisando adquirir só unhas poucas particularidades.
As ideas de Chomsky sobre a a adquisición da linguaxe deron orixe á corrente coñecida como de "código cognitivo", que desbaratou as presuposicións do behaviourismo ou condutismo e tiveron unha grande influencia na psicoloxía cognitiva. En Lingüística cartesiana (Cartesian Linguistics, 1966), Chomsky asegura que a mente é "cognitiva", isto é, que posúe estados mentais, crenzas, dúbidas, etc. e non a relación simple estímulo-resposta de Pavlovski ou Skinner. Ademais, unha parte considerábel do que pode facer unha mente adulta é "innato". Por exemplo, se ben ningún neno nace sabendo falar, todos nacen coa capacidade de aprender a falar, que lles permite adquirir unha lingua ou máis en poucos anos. Por último, a mente componse de subsistemas especializados que interactúan limitadamente, isto é, a mente é "modular".
[editar] Visión política
Chomsky é unha figura coñecida da esquerda estadounidense. Auto-defínese como un crítico antixerárquico e alíñase coas posicións do anarco-sindicalismo, se ben non se opón á política electoral. Un dos seus temas preferidos, e o que lle deu notoriedade pública nun principio, foi o papel dos Estados Unidos no mundo. Acusa á superpotencia de tentar organizar o mundo arredor de si mesma por medios militares e económicos. Foi por esta razón pola que interviu militarmente no Vietnam e Indochina así como en Centroamérica e Sudamérica: para evitar que se afastasen do seu sistema económico. Tamén por iso apoia a Israel, Arabia Saudí ou Turquía. Afirma que a política exterior está guiada pola "ameaza do bon exemplo", tamén coñecida como teoría do dominó: que un país poida desenvolverse independentemente da esfera de influencia norteamericana e se convirta en modelo para outros.
É tamén un crítico do poder dos medios de comunicación de masas, aos que acusa de ser como "a porra dos sistemas totalitarios".
[editar] Publicacións
[editar] Lingüística
- Estruturas sintácticas (Syntactic Structures, 1957)
- Aspectos da teoría da sintaxe (Aspects of the Theory of Syntax,1965)
- Lingüística cartesiana (Cartesian Linguistics, 1966)
- O programa minimalista (The Minimalist Program, 1995)
[editar] Política
- O poder dos Estados Unidos e os novos mandaríns (American Power and the New Mandarins, 1969)
- Prioridade radicais (Radical Priorities, 1981)
- Piratas e emperadores: O terrorismo internacional e o mundo real (Pirates and Emperors: International Terrorism and the Real World, 1986)
- Ilusións necesarias (Necessary Illusions, 1969)
- O Que o Tío Sam realmente quere (What Uncle Sam Really Wants, 1992)
[editar] Ligazóns exteras