Telón de Aceiro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O telón de aceiro ou cortina de ferro foi un termo acuñado polo ex Primeiro Ministro británico Winston Churchill para se referir á fronteira, non só física senón tamén ideolóxica, que dividiu Europa en dous despois da Segunda Guerra Mundial. Churchill popularizou o termo nunha conferencia nos Estados Unidos no 1946, na que dixo:
Dende Stettin, no Báltico, a Trieste, no Adriático, caeu sobre o continente [=Europa] un telón de aceiro".
— Wiston Churchill
A fronteira da que falaba Churchill dividía aos estados capitalistas aliñados política, económica e militarmente cos Estados Unidos e os estados socialistas que facían o seu coa Unión Soviética. En realidade, o termo fora cuñado polo ministro de Propaganda da Alemaña nazi Joseph Goebbels, que vaticinaba o 25 de febreiro do 1945, nun artigo intitulado "O ano 2000", no semanario Das Reich:
Se os alemáns baixan as súas armas, os soviéticos, de acordo co arranxo ao que chegaron Roosevelt, Churchill e máis Stalin, ocuparán todo o leste e o surleste da Europa, así como a meirande parte do Reich. Unha cortina de aceiro (ein eiserner Vorhang) caerá sobre este enorme territorio controlado pola Unión Soviética, detrás da cal as nacións serán destruídas. A prensa xudía en Londres e Nova York seguirá aplaudindo probablemente.
— Joseph Gobbels
A división tamén se fixo patente en dous sistemas militares contrapostos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (1949) e o Pacto de Varsovia (1955), así como nas alianzas económicas; dunha banda o Plan Marshall e o Consello de Axuda Mutua Económica doutra. Esta división en dous bloques enfrontados nas súas concepcións políticas, militares e económicas, deu lugar á situación coñecida co nome de Guerra fría.
Unicamente Iugoslavia, dirixida polo Mariscal Tito, adoptou na disputa unha posición neutra aínda sendo socialista e atopándose ao leste do Telón. Ao oeste do Telón, Finlandia e Austria mantiñan tamén unha política de relativa neutralidade respecto aos bloques, procurando manter relacións cordiais coa Unión Soviética. Nos medios de comunicación dalgúns países occidentais, empregouse o termo de finlandización para describir, en sentido negativo, unha política que, segundo ditos medios, servía aos intereses soviéticos.