Celta (cultura)
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Indoeuropeo |
---|
Linguas indoeuropeas |
Albanés | Anatolias | Armenio Bálticas | Celtas | Dacio | Xermanas Grego | Indoiranianas | Itálicas | Frixio Eslavas | Tracio | Tocario |
Indoeuropeos |
Albaneses | Anatolios | Armenios Bálticos | Celtas | Xermanos Gregos | Indoarianos | Indoiranianos | Iranís Latinos | Eslavos | Tracios | Tocarios |
Protoindoeuropeos |
Linguas | Sociedade | Relixión |
Hipótese de Urheimat |
Hipótese de Kurgan | Hipótese anatoliana Hipótese armenia | Modelo Indio | Contunuídade paleolítica |
Estudos indoeuropeos |
Os celtas foron unha das culturas que xurdiron do tronco común indo-europeo. No terceiro milenio A.C. estes grupos expandíronse polo Cáucaso e Sul de Rusia, pero no II milenio A.C., quizais polo aumento da poboación, deslocáronse cara o Oeste, asentándose nas rexións entre o río Rhin e o Danubio, no territorio da actual Alemaña. Estas poboacions coñécense como protoceltas refírindose a elas como Cultura dos Campos de Furnas.
[editar] Hallstatt
A primeira Idade de Ferro céltica data de arredor dos séculos VIII e V A.C. e recibe o nome da necrópole austriaca de Hallstatt, asentamento asociado ás minas de sal. Nela aparecen por vez primeira a diferenciación social e unha clase dirixente. Esta clase dirixente controlaba os medios de produción, as vías de comunicación e a terra, ou sexa o resto da sociedade. Esta situación de privilexio é posíbel que se transmitise de pais a fillos ou por grupos de guerreiros que se foron impoñendo progresivamente aos demais. Coñécense polo nome dos "principes", mais que nada pola riqueza atopada nos seus enterramentos, con xoias de ouro, cerámicas gregas, bronces etruscos, fíbulas e torques. As fíbulas eran a modo de pasadores para suxeitar as roupas de vestir. Os torques como un tipo de colar de metal, ouro ou bronce e nos extremos con tapóns esféricos. Tamén os soterraban coas suas armas, as frechas, puñais, espadas, anzois, úteis de barbear e peitear, etc.
Os lugares onde habitaban eran residencias fortificadas, arredoadas de foxo e murallas, en cuxo interior se distribuían as casas. Non existían avenidas nen edificios senlleiros, só espazos abertos que servían de lugar de reunión. Nestas residencias vivian os "principes" e a sua familia, os guerreiros e servintes. O pobo habitaba nas aldeas, pero cando aparecía un problema, acollíanse xunto o gando tras as murallas. Como controlaban o comercio, estas residencias construíanse en lugares estratéxicos para protexer as rotas comerciais.
[editar] La Tène
Este tipo de organización desaparece no século V A.C. co desenvolvemento do estilo de La Tène, que abarca entre este século e a dominación romana. Desaparecen os "príncipes". Só unha caste de guerreiros son os dominantes e aparece o xefe, elexido entre eles e coidador da tribo e clans.
A cultura de La Tène coincide no tempo coas invasións celtas. Así, no ano 390 A.C. Roma é saqueada. No 280 A.C. invaden Macedonia, aséntanse na Tracia e polo Norte chegan a Inglaterra e Irlanda. Aparecen os grandes asentamentos, coñecidos como oppida.
Os oppida eran asentamentos fortificados, comunmente sobor dun outeiro, arredoados de grandes foxos e murallas, con pesadas portas: atopábanse perto das grandes vías de comunicación, ou xacementos de materias primas como minas de ferro, ouro, sal, etc,... Tiñan dimensións variábeis, pero algúns eran enormes, como o de Manching, de 380 hectáreas. Cumprían diversas funcións: campamento militar, centro relixioso, control de puntos económicos, estratéxicos e territorial. De cando en vez celebrábase o mercado. A aparición dos oppida conleva grandes cambios ecónomicos e sociais. Os guerreiros van perdendo poder a mans dunha oligarquía non guerreira. Esta organización mantense deica o final do celtismo e a romanización dos pobos celtas.
[editar] Cultura
Os celtas eran xente de tez clara e longos cabelos, que acostumaban levar soltos ou anudados en xeito de trenzas. Segundo os Comentarios da Guerra das Galias de Xulio César, eran valentes no combate, traballadores, superticiosos e moi relixiosos. Tiñan un grande senso da hospitalidade e xamais perguntaban aos seus invitados polo seu nome e de onde procedían até rematar o xantar.
Non practicaban a escrita, e na poesía e na música, os bardos ensinaban a historia dos seus ancestros e a mitoloxía celta. Vestian saio, pantalóns bombachos e blusas con manga longa dunha la tecida dun xeito moi especial. No armamento usaban espada longa, escudo oblongo dunhas grandes dimensións, longas picas e unha especie de xavelina que chamaban "mandari".
Nos tempos finais a sua organización básica eran os clans, agrupándose arredor dun nobre. Diferentes clans formaban unha tribo. Cara a supremacía, os clans facían a guerra entre si e do mesmo xeito, unhas tribos contra outras.
Entre os celtas existian tres clases sociais: o pobo, os nobres e os druídas.
O pobo non tiña direito a ser consultado nin a formar parte das asembleas. Os nobres toman parte na guerra e segundo a súa fortuna e nacemento tiñan en torno de seu un maior ou menor número de clientes.
Os druídas eran a clase social sagrada para os celtas. Requeríase anos de estudo intenso pra formar parte dela. Encarregábase da educación dos fillos dos nobres, considerábanse os máis sabios e xustos dos homes ao estar en contacto cos deuses e confiábanselle os xuízos. Adicábanse aos oficios divinos, facían os sacrificios e practicaban os ciencias da natureza e consagraban a parte moral da sua filosofía. Eran venerados por todas as tribos, non ian á guerra e mesmo podían deter unha batalla paseando polo medio dos centendentes onde se celebrase. Representaban o vínculo que mantiña unidos os celtas: a relixión.
O seu máximo dogma era a inmortalidade da alma e do universo. Tiñan como árbore sagrada o carballo e todo o que medraba a carón del tiña alento divino. O visgo era a planta sagrada. Elexían carballeiras para facer os seus ritos. Cando atopaban visgo nun carballo, recollíase con grande solemnidade o sexto día da lúa. Organizábase un grande xantar baixo as ponlas do carballo, o druída vestíase cun saio branco e cortaba o visgo con un fouciño de ouro.
Os druídas de todas as tribos xuntábanse para elexir entre eles o druída supremo dos Celtas. Suponse que na Galia o bosque sagrado de carballos onde facian a xuntanza estaba no mesmo lugar onde hoxe se ergue a catedral de Chartes; o seu altar marca o lugar exacto onde os antigos druídas facían os seus sacrificios.
Cando a conquista romana, os druídas foron os primeiros en ser perseguidos, xa que eran o vínculo da ligazón entre os celtas, ademais promulgaban a revolta contra os romanos até conquerir botalos da Galia.
Pouco a pouco a cultura druída xunto coa civilización celta foise romanizando coa conquista da Galia. En Galiza, tamén Xulio César conquistou os derradeiros redutos celtas, así como a invasión da Britannia, deixando os derradeiros redutos celtas na Irlanda, illa que mantivo por máis tempo a lembranza deste pobo.