Hammurabi
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Hammurabi (nome acadio procedente do amorrita ˤAmmurāpi, "o pai é un curador", de ˤAmmu, "parente paterno" e Rāpi, "sanador, curador"; ca. 1810 a.C.?–1750 a.C.) tamén ás veces transliterado como Ammurapi, Hammurapi, ou Khammurabi) foi o sexto rei de Babilonia. Crese que Hammurabi rematou a conquista de Sumeria e Acadia, e terminou co gobernante amorrita de Isin. Foi o primeiro monarca do Imperio babilonio, outorgándolle a Babilonia a hexemonía sobre Mesopotamia.
Índice |
[editar] Biografía
Hammurabi sucedeu a seu pai Sin-Muballit, nunha monarquía bicéfala - o outro monarca era Rim-Sin -, herdando un modesto reino que se extendía polas beiras do río Éufrates. Unha vez que ascendeu ao trono emprendeu campañas destinadas a eliminar a Rim-Sin, tomxndolle as cidades de Uruk e Isin. Seguiu un período relativamente pacífico, logo de asinar un acordo con Rim-Sin. No trixésimo ano de goberno, Hammurabi esmagou un exército invasor, formado por elamitas e outras forzas aliadas do antigo rival Rim-Sin, nunha batalla decisiva, expulsandoos de Babilonia. Os dous anos seguintes estivo ocupado en anexionar Larsa, Mari e Yamutbal aos seus dominios, e moldeando Babilonia como unha monarquía única centrada na cidade homónima. Un grande renacemento literario seguiu á obtención da independencia de Babilonia, sendo o seu goberno obedecido tan distantemente como ata as praias mediterráneas. Foron descubertas un elevado número de contratos en tabelas de arxila, datadas no reinado de Hammurabi e os seus sucesores, así como as súas cartas autógrafas. Entre elas hai unha ordeando o despacho de 240 soldados desde Asiria e Situllum, evidencia de que Asiria era dependente de Babilonia na época.
Hammurabi expandiu o dominio de Babilonia primeiro conquistando cidades cara o Sur, antes de que a conquista se extendese ata cubrir a maior parte de Mesopotamia. As súas conquistas foron tardías nesta zona, e quizais ocasionadas pola caída do imperio de Shamshi-Adad I. Cóidase que Hammurabi está relacionado co aumento e mellora da irrigación en Babilonia. Converteu ademais a capital nun verdadeiro centro do mundo antigo.
Cos sucesores de Hamurabi, aparte de sufrir o efecto de crises económicas que o debilitarían, o Imperio babilónico sería derrubado debido á presión militar dos hetitas, dirixidos polo seu rei Mursilis I. Porén foron os casitas, conducidos polo seu rei Agumkakrine, quen gobernarían Babilonia. Aínda que houbo cidades que se mostraron rebeldes, os casitas gobernaron durante 400 anos e respeitaron o Código de Hammurabi.
[editar] O Lexislador
Logo das guerras, veñen os tempos de unificación. Sabe que para manter o imperio soldado, é precisa unha cultura común, así que fai adoptar unha soa lingua, o acadio, unha soa relixión e, sobre todo, unha única lei: o Código de Hammurabi.
A fama de Hammurabi alicerza en boa medida no seu Código. As leis foran gravadas en estelas de pedra, que eran colocadas en prazas públicas para que puidesen ser lidas. Fronte á antiga lei consuetudinaria, suxeita ao arbitrio da memoria, a lei quedaba fixada "eternamente". Cumpríase por outra banda un dos principios modernos legais: a publicidade da lei. Aínda a lei tiña un carácter sagrado, pois Hammurabi mesmo era non só rei, senón tamén un deus, independentemente de que o seu deus celeste persoal fose Marduk, aínda que o Código foi decretado sob a protección do deus Shamash. Aínda que as penas son crueis, a fin seguramente de salvagardar a orde estabelecida, pretendíase fixar un principio de proporción consonte o delito.
[editar] Ver tamén
[editar] Bibliografía
- Federico Lara Peinado (traducción, estudo), Código de Hammurabi. Madrid. 1992 - ISBN 84 309 1352 1
- Eduardo Ripoll Perelló, Prehistoria e historia del Próximo Oriente. Barcelona. 1975 (5ª ed.) - ISBN 84 335 9390 0