Josip Broz Tito
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Josip Broz "Tito" (7 de maio de 1892 como Josip Broz en Kumrovec, Austria-Hungría, hoxe Croacia - 4 de maio de 1980 en Ljubljana, Iugoslavia, hoxe Eslovenia) político iugoslavo. Foi presidente do país durante 27 anos.
Tomou o alcume Tito en 1934, cando se fixo membro do Politburo do Partido Comunista de Iugoslavia e pasou á clandestinidade.
Dirixiu os partisanos comunistas durante a Segunda Guerra Mundial na súa loita contra os ocupantes alemáns e italianos. Despois da guerra foi primeiro ministro e despois presidente da República Iugoslava, cargo que ocupou ata a morte en 1980. Aínda que comunista seguiu unha política independente da da Unión Soviética e desde os anos 50 foi un dos líderes do movemento de países non aliñados.
Índice |
[editar] Xuventude e Primeira Guerra Mundial
Josip Broz procedía dunha familia labrega croata da área de Zagorie. Croacia era entón parte do Imperio austro-húngaro. Seu pai, Franjo, era un croata de familia procedente do actual Trentino italiano. Foi o sétimo fillo da parella. A mai, María, era eslovena. Pasou parte da súa infancia co avó materno en Podsreda. Entrou na escola primaria, que deixou en 1905, en Kumrovec. No ano 1907 comezou a traballar como aprendiz de mecánico en Sisak. En 1910 entrou na unión de traballadores da metalurxia e no Partido Socialdemócrata de Croacia e Bosnia. Entre 1911 e 1913 traballou como metalúrxico en Kamnik Eslovenia, Cenkovo Bohemia, Múnic e Mannheim (Alemaña). Traballou para a empresa automobilística Daimler en Viena como condutor de probas.
En 1913 foi chamado a filas polo exercito austro-húngaro. Cando empezou a Primeira Guerra Mundial foi enviado á fronte contra Serbia como suboficial. Foi arrestado por facer propaganda antibélica e recluído na fortaleza de Petrovaradin. En xaneiro de 1915 foi enviado á fronte de Galitsia. Despois de ser proposto para unha condecoración, foi ferido en Bukovina en marzo de 1915 e feito prisioneiro polos rusos.
[editar] Rusia
Ferido de gravidade, Josip Broz, pasou trece meses no hospital e despois foi enviado a un campo de traballo nos montes Urais. En febreiro de 1917 foi liberado por un grupo de traballadores revolucionarios e volto a arrestar. Escapou definitivamente e, en xullo de 1917, participou nas manifestacións prerrevolucionarías en Petrogrado. Foi detido cando se dirixía a Polonia, recluído en Petropavlovsk e enviado despois a Kungur. Escapou do tren durante a viaxe e agachouse cunha familiar rusa. Coñeceu a Pelegeia Belousova coa que casou. Entrou na Garda Vermella en Omsk e, en 1918, pediu ser admitido no Partido Comunista Ruso. Traballou de mecánico e participou na Guerra Civil rusa do lado bolxevique. Finalmente, en 1920 volveu coa súa muller ó recentemente fundado estado iugoslavo.
[editar] Regreso a Iugoslavia
Broz chegou ó novo país en setembro e uniuse inmediatamente o Partido Comunista de Iugoslavia, de influencia cada vez máis importante en Iugoslavia. Nas eleccións de 1920 os comunistas foron a terceira forza no parlamento e foi declarado ilegal polo rei. Broz seguiu traballando para o partido na clandestinidade. Traballou na metalurxia en Veliko Trojstvo e despois nun estaleiro en Kralievica. Foi despedido por dirixir unha folga un ano despois e marchou a Belgrado onde traballou nunha fábrica de vagóns de tren. Dela foi tamén despedido ó descubrirse a súa militancia comunista, o que provocou a súa mudanza a Zagreb, onde foi escollido secretario da unión de traballadores do metal de Croacia.
Nos anos vinte, Broz utilizou a súa experiencia como traballador metalúrxico para fabricar copias de chaves e ganzúas, foi condenado por roubos en casas e perdoado pola amnistía de 1928. As actas da policía iugoslava implícano nun roubo no que morreu un xendarme en 1935. Foi acusado tamén de ser o xefe dunha banda de falsificadores de moeda.
A ilegalización do partido Comunista, provocou que fora encarcerado en diversas ocasións entre 1928 e 1934. Despois de ser liberado en 1934 dun deses arrestos marchou a París, pero regresou no mesmo ano ó ser escollido membro do comité central do Partido Comunista Iugoslavo, que daquela se reunía en Viena. Foi entón cando adoptou o alcume "Tito".
[editar] Os anos do Komintern
En 1935 Tito viaxou a Unión Soviética, onde traballou durante un ano na sección balcánica do Komintern. Foi membro do PCUS. En 1936, o Komintern enviouno a Iugoslavia, para dirixir as purgas no Partido Comunista Iugoslavo.
Entre os anos 1936 e 1938 estivo implicado na Guerra Civil Española como organizador dunha brigada de 11.000 iugoslavos qua apoiaban ás forzas republicanas. Só uns 1.000 soldados iugoslavos puideron regresar ó seu país . Tito tomou parte co comunista francés André Marty en Albacete, España, no adestramento dos comunistas das Brigadas Internacionais. En 1937 foi escollido secretario xeral do Partido Comunista Iugoslavo.
En 1937 foi escollido secretario xeral do Partido Comunista Iugoslavo (o secretario xeral do Partido Comunista Iugoslavo fora asasinado en Moscova). Nesa época Tito seguía as políticas do Komintern e apoiaba a Stalin.