Linux
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Linux é unha versión libre e aberta do sistema operativo UNIX creada inicialmente por Linus Torvalds e posteriormente por programadores de todo o mundo através de internet usando ferramentas desenvolvidas previamente por Richard Stallman e o Proxecto GNU, polo que ás veces tamén se coñece como GNU/Linux.
Estritamente, Linux refírese ao kernel ou núcleo Linux, que Linus desenvolveu a partir de Minix e puxo a disposición do público en 1991. De maneira xenérica, Linux, ou GNU/Linux, é este núcleo máis as utilidades e as librarías do Proxecto GNU.
O termo Linux aplícase tamén ás distribucións, que son escollas de grandes cantidades de programas que se poden descargar libremente desde unha chea de sitios na rede ou adquirir aos seus creadores.
Índice |
[editar] Historia
O UNIX, que fora creado por Bell Labs en 1972, foi distribuído gratuitamente nun principio mais deixou de selo durante os anos 80, cando era o sistema operativo preferido nas universidades. Estas optaron por usar Minix, unha versión barata e limitada creada para ensinar. Linus Torvalds, que na altura estudaba na Universidade de Helsinki, usaba Minix na casa pero non gostaba das súas limitacións e comezou a escreber o seu propio sistema operativo como entretemento. O 25 de agosto de 1991, Linux anunciou o seu proxecto en usenet e atraíu a atención de numerosos hackers de todo o mundo.
Linus puxo o kernel que creara a disposición de quenqueira que lle interesase. O kernel, ou núcleo, é o sofware que permite que corran todos os demáis programas: organiza a multitarefa, xestiona os dispositivos de hardware e permite que se executen as aplicacións. Todos os programas cos que interacciona o usuario corren por riba do kernel. Algúns son esenciais, como o intérprete da liña de comandos ou consola, que se usa tanto interactivamente como para escreber guións. Linus non escrebeu estes programas el mesmo, senón que usou versións libres xa existentes, o que reduciu enormemente a cantidade de traballo precisa para lograr un contorno que funcionase. A maioría deste software, incluído o compilador de C, proviña do Proxecto GNU da Fundación polo Software Libre. Creada en 1984 por Richard Stallmann, o seu obxectivo é o desenvolvemente dun sistema operativo completo tipo Unix totalmente libre. É por esa razón que se usa a denominación GNU/Linux. O Proxecto GNU ten o seu kernel propio, chamado Hurd.
Durante os dous anos seguintes, o kernel de Linux reuníu todas as características necesarias como para substituir a Unix, incluído TCP/IP e un sistema de xanelas (o X Window). Aparte de numerosos programadores individuais, apareceron empresas que comezaron a contribuir e distribuir Linux. Naceron grupos de usuarios locais e a comezos de 1994 iniciouse a publicación da revista Linux Journal.
A versión 1.0 do núcleo de Linux fíxose pública en marzo de 1994. Desde entón, o kernel continuou a desenvolverse velozmente baixo a “ditadura benévola” de Linus Torvalds, que ten a última palabra sobre o que se modifica ou engade ao núcleo. A publicación do navegador web Netscape como “software libre” en 1997 supuxo un empurrón importante para todo o traballo que se viña facendo baixo este conceito. Na actualidade, Linux está substituindo a Unix no sector no que este predominaba, o dos servidores, e está abarcando máis e máis ámbitos de uso en detrimento doutros sistemas operativos comerciais.
[editar] Desenvolvemento
O traballo en Linux, como no software libre en xeral, é “distribuído”. Isto quer dicer que só uns poucos programadores traballan directamente nas funcionalidades básicas do núcleo. A maior parte do código constitúenna os controladores de dispositivos, dos que hai miles, cada un coas súas particularidades. Como non interactúan entre eles, senón só co núcleo, o desenvolvemento de código para que funcionen déixase a colaboradores voluntarios que vexan a necesidade de utilizar eses dispositivos. Isto permite que Linux se probe efectivamente en moitísimos sistemas moi variados pero trae o inconveniente de que, en xeral, hai que esperar semanas ou meses a que un dispositivo recén saído ao mercado poda ser usado – en parte tamén porque moitas empresas non queren desvendar o funcionamento interno dos seus produtos, ainda que isto sucede cada vez menos.
O factor principal no proceso de desenvolvemento de Linux é que o código fonte está disponíbel publicamente baixo unha licenza que permite a súa modificación e distribución. Por esta razón, ao poder ser visto por moita xente, se se atopa un problema resulta máis doado solucionalo e se falta unha funcionalidade pódese engadir – que é algo que os programadores en xeral gostan de facer voluntariamente.
[editar] Que é Linux
Linux é un sistema operativo multiusuario de 32 e 64 bits, multitarefa e tipo Unix deseñado para moitas plataformas e licenciado baixo unha licenza de código aberto.
“Tipo Unix” significa que emula as interfaces do Unix, de maneira que os programas escritos para Unix funcionan tamén en Linux con só re-compilalos. Usa tamén as mesmas abstraccións, como a maneira de crear e controlar os procesos. Linux escolleu Unix pola estética do seu deseño e porque lle era moi familiar.
A estrutura do kernel é monolítica, se ben moi adaptábel e configurábel. Partes del son módulos que se cargan en memoria baixo demanda e descárganse cando non se necesitan.
Linux, o mesmo que Unix, foi deseñado desde o principio para poder correr varios procesos independentemente os uns dos outros. Isto require especialmente controlar a xestión da memoria, para evitar que un proceso poda corromper o espazo usado por outro. Linux deseñouse nun principio para o procesador Intel 386, pero aos tres anos xa se “portara” a Alpha e logo seguiron outras plataformas, practicamente todas hoxe en día, incluídos os telefones móbiles.
[editar] O uso
Linux foi predominantemente un sistema operativo para programadores e para aplicacións de uso típico en Unix, como software científico, bases de datos e servizos de rede. As interfaces baseábanse fundamentalmente en texto, o que non lles importaba a ese tipo de usuarios. Co tempo, e o paso á empresa e ao usuario individual, desenvolvéronse contornos gráficos máis atractivos que rivalizan en facilidade de uso con outros sistemas comerciais populares.
Aínda que maioritariamente está implementado en ordenadores PC utilizouse tamén en ordenadores de 16 bits como o Atari Falcon030. Pódese implementar tamén en videoconsolas como a PlayStation 2 co paquete Linux for PlayStation 2 e en Xbox, neste caso sen o apoio oficial do fabricante, e podería ser ilegal nalgúns países.
[editar] Distribucións
Para instalar Linux habitualmente escóllese unha “distribución”. Unha distribución é o núcleo Linux, un programa de instalación e unha escolla de aplicacións. Todas as distribucións utilizan as mesmas aplicacións pero seleccionan unhas de preferencia a outras tendo en conta diversos factores. Poden, por exemplo, escoller versións máis estábeis ou máis innovativas, preferir as que se orientan cara KDE ou cara GNOME, dirixirse cara un público xeral ou un específico (servidor web, firewall, oficina, etc.). Pero unha vez instalada unha distribución é posíbel utilizar outros programas, xa que están disponíbeis en internet. Certas distribucións permiten que sexan usadas desde un CD sen necesidar de descargar a distribución no ordenador.
Algunhas distribucións prodúcenas empresas e outras organizacións voluntarias e a dificuldade de instalación e xestión dos centos de distribucións existentes varía.
[editar] Institucións e grupos relacionados
- AGNIX
- Amigus
- AUSLAE
- GALPON
- GLUG
- GPUL
- GULO
- Linux-Galicia
- Proxecto Trasno
- LinuxFerrol