Hipatia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Hipatia (ou Hypatia) naceu en Alexandría (Exipto), no 370 e feneceu na mesma vila no 415. Foi unha muller científica, filósofa neoplatónica e mestra, que contribuíu o desenvolvemento das Matemáticas e a Astronomía da época.
Índice |
[editar] Alexandría no S. IV
No século IV Exipto era unha provincia romana (foino ata a chegada do Islam no século VII. No 312, o emperador Constantino convertérase ó cristianismo. Ó ano seguinte, promulga o Edicto de Milán polo que se estableceu unha especie de paz relixiosa e a liberdade de culto. No 330, Constantino traslada a capital imperial a Bizancio, que pasou a chamarse Constantinopla. Nos anos finais do século IV Roma divídese en dous territorios: o Imperio Romano de Occidente e o Imperio Romano de Oriente. Exipto é incorporado ó Imperio de Occidente, vivindo o ocaso da súa historia antiga. O cristianismo tamén tiña chegado ó territorio, téndose na época grandes disputas entre distintas faccións de cristianos (algúns autores reseñan ata pelexas na rúa). A igrexa cristiá defendía a súa independencia fronte ó poder imperial, mentres os emperadores do século IV considerábanse autócratas moi por riba da lei. En Alexandría predicaba o bispo Teófilo (385-412), inimigo de Xoán Crisóstomo, predicador da igrexia de Antioquía (hoxe en Turquía). Hai que ter conta tamén da rivalidade entre Alexandría e Constantinopla, pois afectou moito ás comunidades do resto da cristiandade. A igrexa exipcia rematou separándose da igrexa de oriente. Naceu entón a alfabeto copto, mestura do exipcio demótico e mailo grego.
Nestas circunstancias de esquecemento do estudo e da importancia da ciencia, que nalgúns momentos foi perseguida, naceu Hipatia.
[editar] Unha muller na Ciencia
Hipatia naceu en Alexandría a mediados do século IV, algunhas referencias din no 370 e outras no 355. O seu pai Teón de Alexandría era un célebre matemático e astrónomo, moi apreciado, que de seguro traballaba e daba clases na biblioteca, (a que substituiu á lexendaria Biblioteca de Alexandría que desapareceu no incendio do 48 a.C. Teón foi un sabio que non gardou os coñecementos para si e os seus discípulos, integrando á súa propia filla (insólito no século IV). Hipatia era unha muller aberta ó saber a quen se lle ransmitiu a pasión da investigación, educándose ademáis nun ambiente académico culto. Hai historiadores que din que a filla sobrepasou ó pai, de xeito que escritos atribuídos a Teón sóno en realidade de Hipatia.
Aprendeu tamén a historia das diferentes relixións que se coñecían naquel entón, oratoria, o pensamento dos filósofos e os principios do ensino. Viaxou a Atenas e a Roma co afán de aprender e ensinar. A casa de Hipatia foi un lugar de ensino onde ían estudantes de todas partes do mundo coñecido, atraídos pola súa fama. Un dos seus alumnos foi Sinesio de Cirene, bispo de Ptolemaida (en Fenicia), rico e poderoso, que deixou escrita información sobre Hipatia, a súa mestra. Por medio del poden chegar a coñecerse os libros que escribiu para o seu ensino, aínda que non chegaron ós nosos días. Otro alumno foi Hesiquio o Hebreu, quen escribiu obras nas que se descreben as actividades de Hipatia a a súa fama, como que os maxistrados ían a ela para consultala sobre asuntos da administración. Nas obras, que se conservan, di tamén que foi unha persoa influínte en política. Asemade, Hipatia interesouse pola mecánica e a tecnoloxía. Sábese que inventou un aparello para destilar auga, un pinómetro graduado para medir a densidade dos líquidos e un nivelímetro para medir o nivel da auga.
Hipatia era pagana e a súa situación correu perigo nunha cidade cada vez máis cristiana, véndose perseguida como outros neoplatónicos. Algúns convertíronse ó cristianismo, pero Hipatia non, a pesares do medo e os consellos dos seus amigos, como Orestes, prefecto romano e seu alumno. Hipatia foi considerada polos seus inimigos como meiga perigrosa.
[editar] Morte de Hipatia
No 412 o bispo Cirilo de Alexandría foi nomeado patriarca en substitución do seu tío Teófilo, un título de dignidade eclesiástica que só era usado en Alexandría, Constantinopla e Xerusalén. Dito título era equivalente en certo modo ó Papa de Roma. Cirilo, que foi nomeado santo séculos máis tarde, era non consentía ningunha clase de paganismo nin herexía, loitando toda a súa vida pola ortodoxia da igrexa católica e contra o nestorianismo. Os historiadores creen que Cirilo foi o principal responsable da morte de Hipatia, pero non existe documentación que o acredite de xeito directo.
Dise que Cirilo era inimigo seu, teméndoa e admirándoa ó tempo. Pero en consonancia coa época, nin comprendía nin consentía que unha muller se dedicase á ciencia. Creou un ambiente de odio e fanatismo contra ela asignándolle o papel de meiga. En marzo de 415, Hipatia foi asasinada por un grupo de monxes da igrexa de San Cirilo de Xerusalén. Os feitos foron recollidos por un bispo de Exipto do século VII, Xoán de Nikio, xustificando asemade a masacre daquel ano contra los xudeus de Alexandría. Conta como un grupo de cristiáns atolondrados, impetuosos e violentos, seguidores dun lector chamado Pedro foron na súa busca, golpeárona, desnudárona e arrastrárona pola cidade ata o templo Cesareo, onde a cortaron con buguinas afiadas ata a súa morte. Despois, descuartizárona e queimárona nun lugar chamado Cinaron. Deste xeito estaban a dar morte a algo que consideraban como idolatría e herexía.
Orestes, o prefecto romano amigo e alumno de Hipatia informou e pediu a Roma unha investigación. Por "falta de testemuñas" retrasouse ata que chegou un momento no que o propio Cirilo asegurou que Hipatia estaba viva e que habitaba en Atenas. Orestes tivo que fuxir, abandoando o seu cargo. Coa morte de Hipatia tamén rematou o ensino das ideas de Platón no Imperio, o interese pola ciencia foi debilitándose e a historia entrou nos séculos escuros. Puido sobrevivir en Bizancio e logo comezar a florecer no mundo árabe musulmán.
[editar] Ver
- Biblioteca de Alexandría
- Platón
- A ciencia ten nome de muller