Viquingo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O termo viquingo polo común sinala os exploradores, navegantes, comerciantes e guerreiros normandos (literalmente "homes do Norte"), que orixinarios de Escandinavia, atacarían as costas das Illas Británicas, Franza, a Península Ibérica e outras partes de Europa, chegando tan lonxe como ata o río Volga, en Rusia, entre o século VIII e o século XI. O período da historia europea, datada polo xeral entre 793 e 1066, é con frecuencia denominada a Era dos viquingos. O termo é usado, tamén, para designar as poboacións de Escandinavia na Era dos viquingos, e aínda os seus asentamentos noutras partes.
Famosos polas súas habilidades mariñeiras e polos seus barcos oblongos, os viquingos fundaron en tres séculos asentamentos nas costas e ríos no continente europeo e fóra: Irlanda, Normandía, as illas Shetland, as Orkney, e as Faroe, Islandia, Groenlandia, Terranova e outras ata perto de mil. A súa influencia atinxiu ao Sur ata África do Norte; e ao Leste ata Rusia e Constantinopla, onde practicaran a pillaxe, pero onde chegarán tamén como mercadores e mercenarios. Viquingos sob o mando de Leif Ericcson, herdeiro de Erik o Vermello, foron os primeiros exploradores de América do Norte, con hipotéticas expedicións ata o actual Canadá, no século X. As viaxes viquingas foran menos frecuentes a partir da introdución do Cristianismo en Escandinavia nos séculos X e XI. Considerase que a Era dos viquingos acabou na Batalla de Stamford Bridge en 1066.
A palabra viking (viquingo) foi introducida na língua inglesa con connotacións románticas no século XVIII. Mais os etimoloxistas datan os usos máis antigos da palabra nos escritores anglo-francos, que denominaban "víkingr" a quen vivía do saqueo e a pillaxe. Nas línguas escandinavas o termo viquingo aplícase a xente que marcha nas expedicións viquingas ben para atacar ou para comerciar.
Índice |
[editar] Causas das expedicións
Os viquingos coñeceron, verosimilmente, unha expansión demográfica a partir do século VIII, que se saldou con custosas guerras de sucesión (en especial en Dinamarca). O aumento de poboación e unha agricultura de rendementos insuficientes para atendelo, con terreos lamacentos ou moi quebrados, empurrou a noruegueses e suecos a buscar terras e vías comerciais novas.
As guerras sucesorias impulsaron os daneses a lanzar expedicións de conquista a fin de adquirir riquezas e prestixio. A guerra contra os pobos da Xermania, emparentados etnicamente cos escandinavos, pode tamén explicar en parte os primeiros rápidos golpes de man (strandhögg) viquingos, que tiñan por albo os edificios cristiáns, nomeadamente igrexas e mosteiros.
Ademais dos factores antes citados, algúns dos primeiros "strandhögg" puideron ter orixe nunha resistencia á cristianización forzada, e principalmente ás persecucións de Carlomagno contra os pobos paganos, que debían aceptar a conversión ou a masacre (cfr. Capitular De partibus Saxoniae), o que igualmente explica a preferencia por edificios cristiáns, á parte de que estes atesouraban certas riquezas (mobiliario litúrxico).
[editar] Orixes xeográficas e áreas de expansión
O territorio orixinario dos viquingos influenciou fortemente o reparto das súas zonas de expansión. Os viquingos orixinarios da actual Suecia, deseguido coñecidos como varegos, expandiran os seus dominios ao Leste do Mar Báltico. Vivindo do comercio, da piratería e da pillaxe, e ofrecendose como mercenarios, percorren a rede fluvial (nomeadamente do río Volga) do que será máis tarde Rusia e Ucraína. Atinxen logo o Mar Caspio, Constantinopla e aínda Bagdad. Polo ano 1040, unha expedición varega, dirixida por Ingvar chega mesmo ata Afganistán. Convidados a pacificar a zona polas tribus eslavas e finesas, os varegos ((« Varyags », en ruso), chamados « Russ » (« remeiros ») polos eslavos, chegan aproximadamente a mediados do século IX desde o Báltico, conducidos por Rurik e os seus compañeiros. Despois de instalarse nos arredores da cidade de Novgorod (quizais fundada por varegos), unha verdadeira colonización sueca (Aldeigjuborg) enraiza en torno ao lago Ladoga. Estes vikingos suecos montan, a partir dun conxunto de fortes e postos de intercambio, o primeiro Estado ruso.
Os daneses lanzaronse de primeiras contra Jutlandia, ocupada polos francos, nunha expedición terrestre desde a súa fronteira fortificada, o Danevirke, construída polo rei Gulfridr. Os francos opuxeron unha sólida defensa militar que obrigou aos vikingos a tentar as vías de incursión polo mar. A morte de Carlomagno, en 814, marcou o inicio dun longo período de febleza do Imperio franco do que eles souberon sacar partido. Orientaron as súas conquistas e pillaxes ao longo das costas do mar do Norte e o canal da Mancha. Alcanzaron o litoral de Inglaterra e remontaron os seus cursos fluviais (Humbert e Támese). No Norte da Alemaña, os Países Baixos e Flandres, fundando un efímero estado na Frisia medieval. No que é a actual Franza, efectuaron unha serie de expedicións remontando o Sena, o Loira, o Garona, e outros río menores, e gañaron o nome de normandos, antes de se estabelecer na rexión que hoxe denominamos Normandía. As súas numerosas expedicións guerreiras coincidiron con guerras de sucesión en Dinamarca: é, polo tanto, moi probábel que os viquingos daneses partisen en razias para conseguir con que financiar as súas guerras internas e para obter o prestixio que aureola un conquistador.
No que toca aos viquingos orixinarios das costas occidentais da actual Escandinavia, a Noruega de hoxe en día, as súas expedicións e conquistas abranxeron principalmente Escocia, Irlanda, as Illas Faroe, Islandia e Groenlandia. Conduciron as súas razias de exploración ata Vinlandia - posibelmente a actual Península de Labrador -, onde foi creado un posto avanzado, desde o cal practicaron a cabotaxe das costas americanas.
As consecuencias das súas expedicións fixeranse sentir máis aló da Europa continental, sobre as rutas comerciais que a unen con Oriente: unha moeda escandinava foi encontrada nunha tumba da India. Por contra, descubriuse un buda de xade nunha sepultura norueguesa.
[editar] Expedicións a Galicia
Dende o ano 846 ó 1038 as costas galegas sufriron o ataque e empuxe das ordas viquingas, (ata catro invasións) enfrontándose, entre outros, a Ramiro I, sendo a ría de Arousa e as Torres de Catoira un dos escenarios principais dos enfrontamentos.
[editar] Esmorecemento das expedicións
Co paulatino asentamento dos viquingos e dedicación a actividades comerciais, chegaron influencias culturais do resto de Europa. A Cristiandade tivera unha ceda e crecente presenza en Escandinavia, que aumentaría. Co crecemento da autoridade central e o reforzamento das defensas costeiras nas que acostumaban depredar os viquingos, as expedicións destes fixéranse máis arriscadas e menos proveitosas. Coa aparación de monarcas, alta nobreza e un sistema cas-feudal en Escandinavia, cesaron por enteiro. No século XI os escandinavos aparecen en crónicas combatendo contra "viquingos" do Mar Báltico, o que levou, en ocasións, a daneses e suecos a participar nas Cruzadas bálticas (circa 1180-1410), ademais de desenvolver a formación da Liga hanseática no século XIV.
[editar] Celebridades
Un dos viquingos más famosos e noruegués Erik o Roxo, que colonizou Grenlandia. O seu fillo Leif Erikson tamén está na lista de viquingos célebres por supostamente chegar a América antes ca Cristovo Colón.