Xenocidio armenio
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Xenocidio armenio (tamén coñecido coma Holocausto armenio ou Masacre armenio) é o termo normalmente empregado para facer referencia á deportación masiva e á morte durante a mesma dun número indeterminado de civís armenios, estimado en varios centos de miles ou máis dun millón, no goberno dos Mozos Turcos no Imperio Otomán, dende 1915 até 1917, durante a I Guerra Mundial.
Varios puntos en relación co xenocidio armenio son aínda hoxe materia dunha ardua discusión entre Turquía e a comunidade internacional. Aínda que non nega que os asasinatos de civís armenios ocorreran na realidade, o goberno turco non admite que se tratase dun xenocidio, argumentando que as mortes non foron a resulta dun plano de exterminio masivo organizado polo estado otomán, senón que, en troques, foron causadas polas loitas étnicas, as enfermidades e a fame durante o confuso período da I Guerra Mundial. A pesares desta tese, cáseque tódolos estudosos -até algúns turcos- opinan que os feitos encádranse na definición actual de xenocidio. Unha listaxe crecente de países recoñecen oficialmente a autenticidade do "Xenocidio armenio".
Nestes intres son 21 os Estados que oficialmente o definen coma un xenocidio.
Índice |
[editar] Os armenios en Anatolia
En 1914, antes do estourido da I Guerra Mundial, no Imperio Otomán había unha poboación estimada de 2 millóns de armenios, sendo a meirande parte deles de fe Apostólica Armenia, e sendo a minoría deles católicos e protestantes. Mentres que a poboación armenia se concentraba principalmente no leste de Anatolia, había tamén unha comunidade armenia de tamaño considerable no oeste, especialmente na capital, Istambul, onde aínda hoxe habita unha minoría armenia.
Os armenios eran tradicionalmente coñecidos como Millet-i Sadıka ("Nación leal") polos turcos, posto que semella que vivían en harmonía cos outros grupos étnicos do Imperio sen conflitos de importancia coa autoridade central, a pesares das diferenzas étnicas e relixiosas, e de que estaban submisos ás leis islámicas dhimmi, que lles concedían menos dereitos cós súbditos musulmáns do Imperio.
O goberno de Tanzimat deulle máis dereitos ás minorías a mediados do século XIX. Sen embargo, no longo mandato do Sultán Hamid suspendeuse a constitución e gobernouse como el quixo. A pesares da presión sobre o Sultán por parte dos principais países europeos para tratar con máis coidado ás minorías cristiás, o abuso tan só medrou.
Con todo, durante a segunda metade do século XIX comezaron a difundirse entre os armenios movementos de ideoloxía nacionalista. O Imperio Otomán, que tivo que aceptar no Tratado de San Stefano a independencia de Romanía, Serbia e Montenegro, ademais da semi-independencia de Bulgaria, quería evitar por tódolos medios a creación dun estado armenio, previsibelmente pro-ruso, no leste de Anatolia.
[editar] Masacres hamídicos
Entre 1894 e 1897 producíronse os chamados "masacres hamídicos", polo nome do sultán que os ordenou, Abdul Hamid II, coñecido como o "Sultán Vermello". O número de vítimas armenias nas matanzas hamídicas foi calculado polo etnógrafo William Ramsay nunhas 200.000, e a meirande parte de estimacións varían entre os 80.000 e os 300.000 armenios asasinados.
[editar] Masacres de Cilicia ou de Adana
Unha década despois, entre o 14 e o 27 de abril de 1909 tivo lugar unha segunda onda de matanzas, coñecidas como "masacres de Cilicia" ou "masacres de Adana", e que coincidiron coa contrarrevolución dos partidarios do sultán Abdul Hamid II que fora forzado a restaurar a costitución otomá como resultado da revolución dos Mozos Turcos en 1908. Nestas matanzas calcúlase que morreron uns 30.000 armenios, aínda que non hai, con todo, acordo canto ás cifras. Foron un preludio do Xenocidio armenio e se perpetraron en zonas rurais cilicianas e en distintas vilas: Adana, Hadjin, Sis, Zeïtoun, Alep, Dört Yol.
[editar] I Guerra Mundial
[editar] Contexto
Dende a fin do século XIX, un grupo de opositores ó Sultán Abdul Hamid II formouse e deu orixe ó Comité de Unión e Progreso (CUP), composto esencialmente de nacionalistas ou de progresistas turcos - que en Europa son chamados «Mozos Turcos». O CUP recibe o apoio de numerosos movementos que representan as minorías do Imperio, incluídos os movementos independentistas e autonomistas armenios como Dashnak. Porén esta alianza circunstancial atopa o seu límite nunha cuestión crucial, a da creación dun Estado armenio autónomo ou independiente. Os Mozos Turcos chegan a derrubar ó sultán en 1909 co apoio dos movementos minoritarios, e pasan a dirixir entón o Imperio Otomán. O CUP non acepta a creación dun Estado armenio, polo que os movementos independentistas deixan de apoialos e procuran novas alianzas na rexión, particularmente preto dos rusos.
O 1 de novembro de 1914, despois de seren solicitados por Alemaña, o Imperio Otomán entra na I Guerra Mundial do lado das potencias centrais. Novas frontes ábrense entón, sobre a fronteira caucásica con Rusia. A 3ª armada otomá que se precipitou sen preparación loxística no entón territorio ruso, en concreto atacou ás forzas rusas na cidade de Kars, é esmagada en xaneiro de 1915, na Batalla de Sarikamish. Os dirixentes do CUP deciden sacar proveito á guerra para resolver definitivamente, polo medio da exterminación dos armenios, a «Cuestión armenia» (Ermeni sorunu) que, dende o Congreso de Berlín de 1878, é un dos puntos máis espiñosos da «Cuestión de Oriente». Ademais, animados por unha ideoloxía nacionalista turca, ven nos armenios un obstáculo á súa unificación étnica en Anatolia e á súa expansión nos países de lingua turca de Asia central.
A xustificación dada é que se trataba dunha reacción fronte ás desercións dos armenios que se produciron en certas rexións (en parte causadas polas condicións inflinxidas ós cristiáns no exército otomán), pero sobre todo fronte a algúns actos aillados de resistencia: o caso máis importante, Van, será presentado polo goberno como unha revolución, un levantamento, versión desmentida por tódolos informes das testemuñas italianas, alemás ou americanas (cónsules, misioneiros, mestres, ...) que explican que o armenios organizaron unha defensa da cidade para evitar sofrer un masacre.
[editar] Os masacres
En febreiro de 1915, o comité central do partido e os ministros de guerra do gabinete, Talat e Enver, prepararon secretamente un plano de destrución que será executado nos meses seguintes. É presentado oficialmente como un traslado da cidadanía armenia - que o goberno acusa de colaborar co enimigo ruso - lonxe da fronte. De feito, a deportación é tan só a máscara que cobre unha operación de aniquilamento de tódolos armenios do Imperio, como proba o exame dos feitos.
A primeira medida é o desarme dos soldados armenios enrolados no exército otomán. Son empregados en traballos de servizo de vías públicas ou de transporte e, no curso do ano 1915, eliminados en pequenos grupos. Despois os Mozos Turcos, na pescuda de probas dun complot armenio, proceden a perseguir e arrestar en primeiro lugar ós notables de Constantinopla, ordeadas o 24 e 25 de abril. De tal xeito truncábase o progreso artístico, cultural e intelectual do pobo armenio. A destrución das poboacións armenias é operada en dúas fases sucesivas: de maio a xullo de 1915 nas sete provincias orientais de Anatolia (Erzurum, Van, Bitlis, Diyarbakır, Karput, Sivas, Trabzon) onde viven preto dun millón de armenios, e que están máis ou menos próximos ó escenario da guerra; logo, a finais de 1915, noutras provincias do Imperio alonxadas da fronte (o que quita toda a verosimilitude á acusación de colaboración co enimigo).
Nas provincias orientais, as operacións desenvólvense do mesmo xeito. As secuencias ocorren sistematicamente en cidades e vilas:
- pesquisa nas casas dos persoeiros e relixiosos;
- arresto destes persoeiros;
- torturas para facerlles confesar o complot e o escondite de armas;
- deportación e execución dos prisioneiros preto da cidade;
- publicación dun aviso de deportación;
- separación dos homes que, amarrados en pequenos grupos, son executados nos arredores das cidades;
- evacuación da totalidade da poboación armenia repartida en convois de mulleres, nenos e persoas de idade que deixan a cidade en intervalos regulares, a pé, cun pequeno equipaxe;
- separación no convoi de mulleres e nenos conducidos a fogares musulmáns ;
- eliminación regular dos convois polos encargados de os escoltar, de bandas curdas ou de milicianos recrutados para este fin.
Uns pucos millares de persoas sobreviviron a esta deportación. Nos pobos, segundo as testemuñas, todos os armenios foron asasinados, a excepción dalgunhas mulleres e nenos. Nas vilas de Bitlis e de Diarbékir, case tódolos armenios foron asasinados no mesmo lugar.
No resto do Imperio, o programa toma a forma dunha deportación, conducida en parte do traxecto por tren. Os convois de deportados converxen en Alepo, en Siria, onde a Dirección xeral da instalación das tribos e dos deportados os repartiu segundo dous eixos: ó sur, hacia a Siria, o Líbano e Palestina - unha parte sobrevivirá; ou ó leste, ó longo do río Éufrates, onde os campos de concentración, verdadeiras trampas mortais, son improvisados. Os deportados son empurrados pouco a pouco cara Deir-es-Zor. Unha vez alá, en xullo de 1916, son enviados ó deserto de Mesopotamia onde son asasinados en pequenos grupos ou morren de sede. Os derradeiros reagrupamentos de deportados ó longo do camiño de ferro de Bagdad, a Ras-ul-Aïn, en Intilli son, tamén, eliminados en xullo de 1916. Soamente sobreviven un tercio dos Armenios: aqueles que vivían en Constantinopla e Smyrne, aqueles secuestrados, os armenios da vila de Van, salvados polo avance do exército ruso e algúns deportados dos campos do sur.
[editar] Proceso e campos de deportacións
O 25 de maio de 1915 por orde de Talat Paşa (Ministro de Interior) evacuáronse forzosamente a centos de miles, posiblemente máis dun millón, armenios de toda Anatolia (excepto partes da costa oeste) a Mesopotamia, o que é agora Siria. Moitos foron á vila siria de Dayr az-Zawr e ó seu deserto de arredor. O feito de que o goberno turco ordenara a evacuación dos armenios étnicos considérase hoxe fóra de toda dúbida e non se discute. Afírmase, baseándose nunha boa cantidade de evidencias circunstanciais, que o goberno otomán non proveeu ningún equipamento nin suministros para o coidado dos armenios nin durante a súa deportación, nin cando chegaron ó seu destino. O goberno otomán tamén impideu ós deportados de se suministrar por eles mesmos. As tropas otomás que vixiaban e escoltaban ós armenios non só permitiron a outros roubar, matar e violar ós armenios, senón que a miúdo participaron nesas mesmas actividades eles mesmos. En calquer caso as previsibles consecuencias da decisión do goberno de desplazar ós armenios levou a un número significativo deles á morte.
Considérase que existiron vinte e cinco campos de concentración importantes,[1] baixo o mando de Şükrü Kaya, unha das mans dereitas e máximos colaboradores de Talat Paşa.
Dayr az-Zawr | Ras al-Ain | Bonzanti | Mamoura |
Intili, | Islahiye, | Radjo, | Katma, |
Karlik, | Azaz, | Akhterim, | Mounboudji, |
Bab, | Tefridje, | Lale, | Meskene, |
Sebil, | Dipsi, | Abouharar, | Hamam, |
Sebka, | Marat, | Souvar, | Hama, |
Homs | Kahdem |
A maioría dos campos estaban situados preto do que agora é a raia entre Iraq e Siria, e algúns foron só campos de tránsito temporal.[2] Outros dise que foron usados só como zonas de enterramentos en masa como Radjo, Katma, e Azaz— que foron pechados no outono de 1915.[3] Algúns autores manteñen que os campos Lale, Tefridje, Dipsi, Del-El, e Ra's al-'Ain foron especialmente montados para aqueles que tiñan unha esperanza de vida duns días.
Aínda que case tódolos campos, incluíndo todos os importantes, estaban ó aire libre, o resto das demais matanzas noutros campos menores, non estaban limitados a asasinar; senón tamén a queimar, envelenar, e afogar en masa.
[editar] Resultado das deportacións
O goberno otomán pediu a evacuación ou a deportación de moitos armenios que vivían en Anatolia, Siria e Mesopotamia. Na cidade de Edessa (Şanlıurfa moderno) a poboación armenia local, preocupada polo seu futuro, rebelouse (a principios de 1916) contra o goberno otomán e tomou o control da vella cidade. As forzas otomás atacaron a cidade e a bombardearon coa artillería pero os armenios opuxéronse. O xeneral alemán ó comando do grupo do exército máis cercano á cidade, Barón von der Goltz, chegou e negociou un establecemento cos armenios. A cambio de que os armenios se entregaran e desarmaran, o goberno otomán acordou non deportalos. Sen embargo, o goberno otomán rachou os termos do acordo e deportou ós armenios.
[editar] Testemuñas estranxeiras
A pesares da negación das autoridades turcas, centos de testemuñas, incluíndo o neutral Estados Unidos e os aliados do Imperio Otomán, Alemaña e o Imperio Austro-húngaro, rexistraron e documentaron numerosos actos de masacre perpetrados polo estado, engadindo peso ós argumentos da existencia do xenocidio.
[editar] A misión dos EEUU no Imperio Otomán
A través do Imperio Otomán, os Estados Unidos estableceran consulados en Adrianópole, Karput, Samsun, Smyrna, Trabzon, Van, así como un na cidade siria de Alepo. A misión do departamento de estado foi dirixida nese entón polo embaixador Henry Morgenthau en Constantinopla. Os Estados Unidos foron oficialmente neutrais na guerra até que entraron do bando dos aliados en 1917. Mentres as ordes das deportacións e dos masacres eran decretadas, moitos funcionarios consulares divulgaron ó embaixador o que eles atestiguaban. Unha documentación chegou en setembro de 1915 polo cónsul americano en Karput, Leslie A. Davis que describía o seu descubrimento dos corpos de case 10.000 armenios tirados en varios barrancos preto do lago Göeljuk, despois referida como a "provincia do matanza"[4]
Reportaxes similares pronto comezaron a chegar a Henry Morgenthau dende Alepo e Van, polo que comezou a celebrar reunións ocasionais con Talat e Enver. Como el mostroulle os testimonios dos consulados, ambos xustificaron as deportacións como necesarias para a causa da guerra. Morgenthau sen embargo disputaría as súas explicacións nas súas lembranzas como excusas evocadas polos líderes do CUP.[5]
Ademais dos consulados, había tamén misioneiros protestantes establecidos en rexións poboadas armenias, como Van e Karput. Moitos dos misioneiros describiron os brutais métodos empregados polas forzas turcas e documentaron numerosas atrocidades realizadas por eles.
Xornais e diarios literarios en todo o mundo, inclíndo o New York Times (que realizou 145 artigos tan só en 1915), The Nation, o Halifax Herald, e The Independent, sacaron do prelo centos de artigos tanto durante como despois da guerra, describindo as deportacións como xenocidio de Estado. Numerosas figuras americanas falaron claro contra o xenocidio, incluíndo ó anterior presidente Theodore Roosevelt, o rabino Stephen Wise, William Jennings Bryan, e Alice Stone Blackwell. A American Near East Relief Committee, unha organización de axuda ós refuxiados no Oriente Medio axudou donando preto de 102 millóns de dólares ós armenios durante e despois da guerra.
[editar] Forzas aliadas en Oriente Medio
Ademais da campaña de Gallipoli, na fronte do Oriente Medio, os militares británicos estaban ocupados loitando contra as forzas otomás no sur de Siria e Mesopotamia. A través da loita, os británicos documentaron e confirmaron o que xa relataran os cónsules e misioneiros estadounidenses. O diplomático británico e despois "Secretario Oriental" de Bagdad, Gertrude Bell arquivou as seguintes declaracións tomadas do relatorio dun soldado otomán capturado:
O batallón deixou Aleppo o 3 de febreiro e alcanzou Ras al-Ain en doce horas. Aproximadamente 12.000 armenios concentrábanse baixo a tutela dalgúns centos de curdos. Estes curdos eran chamados xendarmes, mais eran meros carniceiros; publicamente ordenaron enviar grupos de armenios, de ámbolos sexos, a varios destinos, pero tiñan instrucións secretas de eliminar ós varóns, nenos e mulleres maiores. Un deses xendarmes confesou ter asasinado a 100 homes armenios el só. As covas e lugares baleiros do deserto estaban cheos de corpos... Ningún home poderá pensar no corpo dunha muller pola atracción, senón horrorizado, despois de Ras al-Ain.
Reaccionando ós numerosos relatos de testemuñas, o político británico Viscount James Bryce e o historiador Arnold J. Toynbee compilaron declaracións de supervivintes e testemuñas de outros países, como Alemaña, Italia, os Países Baixos, Suecia, e Suíza que de modo semellante atestiguaron os deliberados masacres de armenios polas forzas do goberno otomán. En 1916, publicaron The Treatment of Armenians in the Ottoman Empire, 1915-1916. Aínda que o libro foi criticado como propaganda británica de guerra para crear un sentimento contra as potencias centrais, Bryce tiña sometido o traballo a eruditos antes da súa publicación.
O que despois sería Pimeiro Ministro de Gran Bretaña, Winston Churchill describiu no seu libro, The World Crisis, 1911-1918, os masacres como un "holocausto administrativo".
[editar] A misión alemá
Como aliados durante a guerra, a misión do Imperio alemán no Imperio Otomán incluíu componentes tanto militares como civís.
Entre as persoas máis famosas en documentar os masacres atopábase o médico militar alemán Armin T. Wegner. Debido á estrita censura imposta por Alemaña e o Imperio Otomán nese tempo, o desexo de Wegner de tomar fotografías dos masacres foi anulado polos seus superiores. Con todo, Wegner desobedeceu as ordes e tomou centos de fotografías de armenios sendo deportados e sometidos en campos de concentración do norte de Siria, e máis tarde as pasou clandestinamente fóra do país.
Traballadores e enxeñeiros alemáns involucrados na construción do ferrocarril atestiguaron como abarrotaban ós armenios nos vagóns do gando — até 90 en cada vagón — e os enviaban a outros sitios. Franz Gunther, representante do banco alemán Deutsche Bank que finaciaba a constución do ferrocarril Bagdad, remitiu fotografías ós seus superiores e expresou a súa frustración por manterse calado mentres observaba tales cousas. Gunther describiu o sistema do tren empregado polo goberno otomán como outro exemplo de "crueldad bestial". este proceso foi definido polo historiador alemán Hilmar Kaiser como a primeira vez que o "'transporte ferroviario de poboación civil' [foi empregado] como parte dun plan de exterminio racial."[6] O Xeneral Otto von Lossow atestiguou nunha conferencia en Batum en 1918 as intencións do goberno otomán:
Os turcos emprenderon a "total exterminación dos armenios na Transcaucasia...O obxectivo da política turca é, como teño reiterado, a toma de posesión de distritos armenios e a exterminación dos armenios. O goberno de Talat desexa eliminar a todos os armenios, non só en turquía, senón tamén fóra. Sobre a base de todas as novas e informes chegados a min aquí, en Tiflis, non se pode albergar calquer dúbida de que os turcos teñen como obxectivo a exterminación sistemática dos poucos centos de miles de armenios que deixaron vivos polo de agora.[7]
[editar] O exército ruso
A resposta do Imperio Ruso ó bombardeo dos seus portos navais no Mar Negro foi, principalmente, unha campaña terrestre a través do Cáucaso. As prontas vitorias contra o Imperio Otomán a partires do inverno de 1914 até a primavera de 1915 significaron aumentos cuantitativos do territorio, incluíndo o relevante bastión armenio que resistía na cidade de Van en maio de 1915. Os rusos rexistraron o encontro dos corpos de armenios por onde avanzaban. En marzo de 1916, os seus avances pola cidade de Erzerum leváronlles en particular a tomaren represalias contra a III Armada Turca, que consideraron responsable das matanzas, eliminándoo progresivamente.
[editar] Mortes, 1914 a 1918
Mentres non hai un consenso claro en cantos armenios perderon a vida, é habitual que os investigadores occidentais cifren o número de mortos entre 1914 e 1918 en torno a 1.000.000 de armenios. As estimacións varían entre 300.000 (a demanda turca) e 1.500.000 (a demanda armenia), mentres que a Encyclopædia Britannica fai especial referencia a investigación conducida por Arnold J. Toynbee que foi designada pola British Foreign Office e que chegou á conclusión de que a cifra estaba comprendida entre 600.000 e 800.000; a cal formou as bases da carga contra o goberno Otomán na Conferencia de Paz de París de 1919, por parte dos Aliados, de que 800.000 armenios morreran durante a I Guerra Mundial.
Entre 1914 e 1923 a meirande parte da comunidade internacional coincide en estimar que a cifra de mortes atinxe o rango de entre 1,2 e 1,5 millóns de armenios.
[editar] Sucesos posteriores
[editar] Xuízo dos Unionistas, Constantinopla, 1919.
Os principais responsables do xenocidio foron condeados a morte in absentia, xa que tiñan fuxido en 1918, destruíndo a meirande parte dos documentos incriminatorios. A corte marcial estableceu a vontade dos Unionistas de eliminar fisicamente ós armenios. He aquí a súa conclusión:
-
- Inmediatamente despois da mobilización do 21 de xullo de 1914, o Comité central do partido Unión e Progreso constituíra un Techkilat-i Mahsoussé (nome turco da Organización especial) que era totalmente diferente nos seus obxectivos e composición do Techkilat-i Mahsoussé xa existente. Por orde dos ministerios de Interior e de Xustiza, este mesmo Techkilat-i Mahsoussé aceptou ós condenados que o Techkilat-i Mahsoussé dependente do ministerio da Guerra rexeitaba incorporar. Cando se liberaban presos, o partido, para enganar á opinión pública, difundía a nova de que os criminais liberados sería empregados sobre a fronte, mentres que en realidade se enviaron a centros de adestramento e logo foron utilizados para roubar e destruír os convois de deportados armenios.
[editar] Tratado de Sèvres
Asinado o 10 de agosto de 1920 polo Imperio Británico, Francia, Xapón, Italia, e os estados aliados representados por Armenia, Bélxica, Grecia, Hixaz, Polonia, Portugal, Romanía, Checoslovaquia e o Estado Iugoslavo, representado por Eslovenia, Serbia e Croacia. A cerimonia celebrouse nunha gran sala que alberga actualmente o Museo da Porcelana en Sèvres. Entre as principais disposicións deste Tratado, destacan dous artigos (88 e 89) concernentes á República Armenia :
- Turquía declara recoñecer, como xa fixeron as potencias aliadas, a Armenia como un Estado ceibe e independente.
- Turquía e Armenia, así como as altas partes contratantes, deciden someter á arbitraxe do Presidente dos Estados Unidos de América, a determinación da fronteira entre Turquía e Armenia, nas vilas de Erzurum, Trabzon, Van e Bitlis, e aceptar a súa decisión, así como todas as disposicións que poderá prescribir respecto ó acceso de todo territorio otomán adxacente..
O mandato de execución das disposicións relativas á Répública Armenia foi confiado ós Estados Unidos. Ó seu retorno, o presidente Woodrow Wilson atopouse a oposición dunha maioría de senadores que, baixo o impulso do senador Cabot Lodge, rexeitaron a ratificación do Tratado de Sèvres e por tanto, o mandato americano sobre Armenia.
[editar] Proceso Tehlirian, 1921
O 15 de marzo de 1921, Talat Paşa, o que deu a orde da exterminación dos Armenios, é abatido por unha bala de revolver nunha rúa berlinesa.
O tirador é detido no lugar do crime. Tratase dun rapaz armenio de 23 anos, Soghomon Tehlirian, sobrevivente ó xenocidio, durante o cal perdeu a toda a súa familia. Formaba parte do grupo « Némésis » que pretendía executar a sentencia de morte do proceso dos Unionistas.
É xulgado pouco tempo despois, o 2 e 3 de xuño de 1921, polo Tribunal de Primeira Instancia de Berlín.
Os testimonios de Tehlirian, de Christine Terzibashian, Johannes Lespius o até do xeneral Liman von Sanders, así coma os documentos retidos, entre os que se atopan 5 telegramas cifrados enviados por Talat a Naïm Bey, documentos que enviou Andonian ó tribunal, dándolle unha nova dimensión ó proceso, onde o crime xenocida de Talat e dos Mozos Turcos ponse en acusación. A autenticidade do documento Andonian foi posta en entredito polos historiadores turcos Orel e Yuca, a autenticidade sen embargo foi reafirmada logo polo historiador armenio Dadrian. O tribunal absolbeu a Soghomon Tehlirian. A súa saída foi interpretada como unha condena ós responsables do xenocidio.
[editar] A posición de Turquía
A República de Turquía non acepta que as mortes de armenios durante a "evacuación" ou "deportación" (Turquía emprega a verba "recolocación") sexan o resultado da intencionalidade das autoridades otomás (ou dos responsables durante a guerra) para eliminar en toda ou en parte ós cidadáns armenios indiscriminadamente.
En marzo de 2005, o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdoğan invitou a historiadores turcos, armenios e do resto do globo para formar unha comisión para establecer os acontecementos de 1915. A oferta foi rexeitada por Armenia e o seu ministro de exteriores remarcou que "Os historiadores xa teñen dito a súa opinión e determinar esta atitude está agora baixo o poder de Turquía."[8]
[editar] A posición das autoridades turcas
Turquía non acepta que as mortes acaecidas en 1915 fosen o resultado dun plan organizado polo estado para eliminar á poboación armenia baixo a súa soberanía. Turquía defende unha postura que se basea en que o Imperio Otomán loitou contra a sublevación no seu territorio soberano da milicia armenia, apoiada ésta polo goberno ruso. Existe así mesmo un desacordo en canto ó número de mortes. O goberno turco indica, que segundo estudos demográficos da época, eran menos de 1.5 millóns os armenios que vivían no Imperio Otomán, insinuando pois que as cifras publicadas relativas á morte de millón de armenios poden ser esaxeradas. Medios oficiais turcos cren que o número de vítimas pode situarse nun rango de cifras situado entre as 200.000 e as 600.000, menores que o número dos musulmáns que faleceron entre 1912-1922.
Máis recientemente, cifras máis baixas de vítimas armenias foron presentadas polo profesor Yusuf Halaçoğlu, director da Academia de Historia Turca (Türk Tarih Kurumu). En devanditos cálculos, estima que un total de 56.000 armenios faleceron durante o período debido ás terribles condicións derivadas da guerra (Primeira Guerra Mundial), e menos de 10.000 foron asasinados realmente. Noutra das súas investigacións, mantén que preto de 500.000 turcos foron asasinados por armenios. Malia que o goberno turco publicou oficialmente en datas recentes as cifras dos turcos supostamente asasinados polos armenios, todavía outra das investigacións de Halaçoğlu, que aseguraba que menos de 10.000 armenios foron asasinados, segue estando ausente das publicacións oficiais turcas no estranxeiro.
Turquía tamén critica as semellanzas co Holocausto indicadas por certos sectores, indicando que, a diferenza dos armenios, a poboación xudía de Alemaña e Europa non fixo campaña en prol dunha separación nin se rebelou aliándose con potencias estranxeiras. Aqueles que apoian as teses do xenocidio indican que Turquía está negando o seu pasado e acúsana de impedir tentativas internacionais para recoñecer un xenocidio. Para apoiar as súas posturas sinalan o feito de que a soa mención dun xenocidio armenio en calquera parte do mundo pode atoparse cunha queixa formal dos embaixadores turcos, mentres que a mención da mesma en Turquía pode carrexar a posibilidade da apertura dun procesamiento xudicial e a condena a prisión, como no caso do escritor turco Orhan Pamuk, ou mesmo a morte como no caso do intelectual armenio Hrant Dink.
As relacións entre Turquía e Armenia seguen estando estancadas. Turquía pechou as súas fronteiras terrestres con Armenia, debido ao control armenio de Nagorno-Karabaj, e o seu conflito con Acerbaixán. Armenia declarou en varias ocasións que está preparada para o restablecemento das relacións diplomáticas e abrir a fronteira sen condicións previas, aínda que Turquía demanda que abrir as súas fronteiras demostraría un respaldo á ocupación de Nagorno-Karabaj.
As autoridades turcas manteñen, pois, como posición que as mortes foron o resultado da axitación producida pola I Guerra Mundial e que o Imperio Otomán loitaba contra Rusia, quen apoiou as unidades de voluntarios armenios. As autoridades afirman que as reclamacións de xenocidio están baseadas no inexistente malestar armenio, ou nos inexistentes conflitos étnico-relixiosos, que non son feitos históricos establecidos. Ademais afirman que existía un movemento político que reclamaba a creación da "República de Armenia". A disolución do Imperio Otomán e o proceso de "balcanización" sucederon no mesmo período, e puideron ofuscar os sucesos reais.
As autoridades turcas manteñen a posición de que o Imperio Otomán non exerceu o grao de control que os adversarios reclaman. Con todo, Turquía acepta que houbo mortes como consecuencia de decisións otomás.
Sen abrir os arquivos de Armenia é difícil determinar con precisión que sucedeu durante as deportacións.
As autoridades turcas pescudan unha reconciliación histórica e política con Armenia, pero din que a insistencia no termo xenocidio é contraprodutivo.
[editar] Opinións académicas
[editar] Recoñecemento
Hai un acordo xeral entre historiadores occidentais de que o xenocidio armenio ocorreu realmente. A International Association of Genocide Scholars (o corpo principal dos estudosos que estudan o xenocidio en Norteamérica e Europa), por exemplo, formalmente recoñece o acontecemento e pensa que é innegable. Algúns pensan que a negación forma parte de un discurso de odio ou/e revisionismo histórico.
Algúns intelectuais turcos apoian tamén as teses de xenocidio, en oposición ós nacionalistas turcos; estes intelectuais inclúen a Ragıp Zarakolu, Ali Ertem, Taner Akçam, Halil Berktay, Yektan Türkyilmaz, Fatma Müge Göcek, Dr. Fikret Adanır, e Seyla Benhabib. En 1994, os autores turcos Ayşe Nur Zarakolu, Ragıp Zarakolu e Emirhan Oğuz foron procesados por traducir un texto francés que tiña sido prohibido en Turquía. En 2004, cincocentos intelectuais turcos protestaron un novo curriculum escolar que ordenou ós mestres a denunciar a estudantes polas "infundadas alegacións" dos armenios.
[editar] Orhan Pamuk
Nunha entrevista concedida a un xornal suízo en febreiro de 2005, o novelista Orhan Pamuk fixo unhas declaracións implicando a Turquía nos masacres contra os armenios e na persecución dos curdos, dicindo: "Trinta mil curdos e un millón de armenios foron asasinados nestas terras e ninguén, excepto eu, se atreve a falar delo". Tivo que abandonar Turquía, antes de voltar en 2005 para defender o seu dereito á liberdade de expresión: "O que lle pasou ós armenios otománs en 1915 foi unha cousa importante que se lle ocultou á nación turca; era un tabú. Pero temos que poder falar do pasado".[9] Os avogados de dúas asociacións ultra-nacionalistas turcas emprenderon entón medidas legais contra Pamuk.
O 13 de decembro de 2005, varios escritores de renome mundial, José Saramago, Gabriel García Márquez, Günter Grass, Umberto Eco, Carlos Fuentes, Juan Goytisolo, John Updike, Salman Rushdie e Mario Vargas Llosa, asinaron unha declaración conxunta de apoio a Pamuk, acusando ó Gobierno turco de non respectar os dereitos humanos.
O 23 de xaneiro de 2006, sen embargo, os cargos de "inxurias contra Turquía" foron arquivados, resultando un movemento necesario para unha futura integración na Unión Europea, xa que numerosos políticos europeos consideran a falta de liberdade e a negación do xenocidio armenio como un impedimento para a súa futura adhesión.
O 31 de xaneiro de 2007 tivo que cancelar unha viaxe a Alemaña, onde ía ser nomeado doutor honoris causa pola Universidade Libre de Berlín, por motivos de seguridade. Outros 18 escritores reclamaron medidads de protección a raíz do asasinato de Hrant Dink.
O 1 de febreiro de 2007 tivo que abandonar Istambul por un período de tempo indefinido debido ás ameazas de morte.
[editar] Hrant Dink
Hrant Dink, cidadán turco de orixe armenia, era o editor xefe do xornal Agos. Dink era a miúdo crítico tanto coa negación do xenocidio armenio por parte de Turquía, como coa campaña internacional da diáspora armenia para o seu recoñecemento. Porén, a súa crítica de Turquía gañou moita máis atención, e como resultado gañouse a xenreira dos ultra-nacionalistas. Dink foi procesado tres veces por inxurias contra Turquía. Foi absolto a primeira vez, pero a segunda lle foi ditaminado unha condena condicional de seis meses.
Hrant Dink foi asasinado en Istambul o 19 de xaneiro de 2007, por Ogün Samast, un ultra-nacionalista turco.
[editar] A posición da Comunidade Internacional
A pesar de que hai moito recoñecemento académico do Xenocidio Armenio, isto non ten sido seguido pola maioría dos gobernos e medios de comunicación. Moitos gobernos, incluíndo os Estados Unidos, o Reino Unido, Israel, Ucraína, e Xeorxia, non empregan oficialmente a verba "xenocidio" para describir estes feitos.
A pesar de que non hai un recoñecemento federal do xenocidio armenio, 39 dos 50 estados de EEUU recoñecen os feitos de entre 1915 e 1917 como xenocidio.
Nos anos recentes, os parlamentos dalgúns países cunha forte inmigración armenia teñen recoñecido oficialmente o xenocidio. Dous exemplos recentes son Francia e Suíza. Os contactos de Turquía para entrar na Unión Europea coincidiron cun número de chamamentos para considerar ó suceso como xenocidio, aínda que isto nunca se converteu nunha condición previa.
Os países que recoñecen oficialmente o xenocidio son Arxentina, Armenia, Austria, Australia, Bélxica, Canadá, Chipre, Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Líbano, Lituania, Países Baixos, Polonia, Rusia, Eslovaquia, Suecia, Suíza, Uruguai, Cidade do Vaticano e Venezuela. Ademais, unha parte do Reino Unido, Gales, tamén recoñeceu oficialmente o xenocidio.
Moitos xornais non empregaron a verba xenocidio durante moito tempo e moitos continúan sen facelo. Varias desas políticas agora se teñen invertido aínda que o termo está contra a política editorial, como é o caso do New York Times.
En setembro do 2004, o presidente de Irán Mohammad Khatami visitou o Memorial do Xenocidio Armenio en Tsitsernakaberd, Iereván.[10]
O 12 de abril do 2006, algúns membros do parlamento francés presentaron unha proposta para crear unha lei que castigaría a calquera persoa que negara a existenza do xenocidio armenio con máis de cinco anos de prisión e unha multa de 45.000 Euros. A proposición foi admitida a debate o 18 de maio de 2006.
O 10 de maio de 2006, o goberno búlgaro rexeitou unha proposta de recoñecemento do xenocidio armenio. [1].
En outubro de 2006 o parlamento francés presenta un proxecto que prevé condenar até cun ano de prisión e 45.000 euros de multa ós que neguen a existencia do xenocidio. A lei foi aprobada por un total de 106 votos a favor e 19 en contra. Deste xeito se completa o precepto ditado en 2001 que recoñece oficialmente o holocausto armenio por parte do Imperio Otomán.[11]
Os organismos internacionais que recoñecen o Xenocidio Armenio inclúen o Parlamento Europeo, o Consello de Europa, a Subcomisión das Nacións Unidas para a Prevención de Discriminación e Protección das Minorías, o Centro Internacional de Xustiza Transitoria, a Unión de Congregaciones Hebreas Americanas, o Concilio Mundial de Igrexas e o autodeclarado non oficial Parlamento de Kurdistán no Exilio[12].
[editar] Pegada na cultura
[editar] Memorial
A idea para a creación dun monumento conmemorativo xurdiu en 1965, na conmemoración do 50º aniversario do xenocidio. Dous anos máis tarde o monumento conmemorativo (realizado polos arquitectos Kalashian e Mkrtchyan) foi finalizado no outeiro de Tsitsernakaberd sobre o desfiladeiro de Hrazdan, na capital armenia, Iereván. O ronsel de 44 metros simboliza o renacemento nacional dos armenios. Doce lousas colócanse nun círculo, representando as 12 provincias perdidas no actual territorio de Turquía. No centro do círculo, a unha profundidade de 1,5 metros, áchase unha chama eterna. Ó longo do parque, ó redor do monumento, existe unha parede de 100 metros cos nomes das cidades e as aldeas nas que tiveron lugar os masacres. En 1995 inaugurouse no outro extremo do parque un pequeno museo circular subterráneo no que se mostra información básica sobre os acontecementos de 1915.
Cada 24 de abril celébrase en Armenia, así como en todas as comunidades dispersas polo mundo (diáspora armenia), o Día da Conmemoración do Xenocidio Armenio, no cal centos de miles de persoas camiñan cara o monumento do xenocidio e depositan as flores (caraveis ou tulipáns normalmente vermellos) ó redor da chama eterna, honrando ós seus seres queridos e antepasados que perderon a vida en devandito suceso.
[editar] Arte
A coñecida banda de heavy metal System of a Down, está composta por catro músicos de descendencia armenia que viven en California, e promove frecuentemente a conciencia do xenocidio armenio. Cada ano, a banda fai unha xira de almas en apoio á causa. A banda escribiu "P.L.U.C.K. (Politically Lying, Unholy, Cowardly Killers)" sobre o xenocidio no álbum homónimo. No libreto lese: "System Of A Down would like to dedicate this song to the memory of the 1.5 million victims of the Armenian Genocide, perpetrated by the Turkish Government in 1915." Outras cancións como "X" (Toxicity) ou "Holy Mountains" (Hypnotize), falan tamén sobre o xenocidio armenio.
O compositor e cantante americano Daniel Decker levou a aclamación da crítica polas súas colaboracións co compositor armenio Ara Gevorgian. A canción "Adana", que debe o seu nome ó lugar onde ocorreu un dos primeiros masacres, conta a historia do Xenocidio armenio. Decker escribiu a letra da canción para complementar á música de Ara Gevorgian. Cross Rhythms, a principal revista europea sobre relixión, xunto coa súa web, dixeron de "Adana": "raras veces un desastre de indecible sufrimento produciu un pedazo tan magnífico de arte." El foi oficialmente invitado polo goberno armenio para cantar "Adana" nun concerto especial en Iereván o 24 de abril de 2005 para conmemorar o nonaxésimo aniversario do Xenocidio armenio. Na actualidade, "Adana" foi traducida a 17 linguas e interpretada por cantantes de todo o mundo. O tema do Xenocidio armenio é tocado tamén pola literatura e o cinema. É o tema principal do filme de Atom Egoyan Ararat (2002). Tamén fanse referencias en America, America de Elia Kazan ou en Mayrig de Henri Verneuil. Os directores italiáns, Vittorio e Paolo Taviani, están planeando facer un filme do xenocidio baseado nun libro chamado La Masseria Delle Allodole, de Antonia Arslan. O primeiro filme sobre o Xenocidio armenio foi Ravished Armenia (1919), do que tan só quedan 15 minutos a día de hoxe.
Na literatura, a peza máis famosa referente ó Xenocidio armenio é Forty days of Musa Dagh de Franz Werfel, publicado en 1933 e e posteriormente marcado como "indesexable" polas autoridades nazis. O libro tornouse un bestseller e o estudo MGM quixo facer o filme de Forty days of Musa Dagh, pero esta tentativa foi eliminada con éxito por Turquía (dúas veces). O filme foi finalmente feito en 1982, pero o seu valor artístico é cuestionable. Kurt Vonnegut escribiu libro de ficción Bluebeard en 1988, no que o Xenocidio armenio é o principal tema. Louis de Berniéres emprega o tempo e o lugar do Xenocidio armenio como fondo na súa novela Birds without Wings, que é considerado por algúns como favorable ás posicións turcas.
Segundo se refire na parte final do filme A vida secreta das palabras de Isabel Coixet, Adolf Hitler usou o xenocidio armenio coma argumento para xustificar o holocausto xudeu co seguinte razoamento: "Se tras mataren un millón de armenios pasou unha década e ninguén se lembra xa agora diso, nós podemos facer o mesmo cos xudeus porque acontecerá o mesmo", que é unha conclusión de "a historia a escriben os vencedores", asumindo que Hitler pensaba gañar a II Guerra Mundial. No filme, a conversa transcorre nun arquivo en Dinamarca onde se recollen precisamente probas de atrocidades producidas nas guerras de todo o mundo.
[editar] Véxase tamén
- Xenocidio
- Limpeza étnica
- Propaganda
[editar] Turquía
- Imperio Otomán
- Primeira Guerra Mundial
- Guerra de Independencia Turca
- Mozos Turcos
- Armisticio de Mudros
- Tratado de Sèvres
- Tratado de Gümrü
- Historia de Turquía
[editar] Armenia
- Armenia
- Historia de Armenia
- Gran Armenia
- Diáspora armenia
- Dashnak
- Exército Secreto Armenio para a Liberación de Armenia
[editar] Notas
- ↑ Ver, por exemplo, Le Siècle des camps por Joël Kotek and Pierre Rigoulot, JC Lattes, 2000. tamén, Ahmed Djémal pacha et le sort des déportés arméniens de Syrie-Palestine por Raymond H. Kévorkian, en Der Völkermord an den Armeniern und die Shoah, Zürich: Chronos, 2002. by Hans-Lukas KIESER et Dominik J. SCHALLER (dir.), e do mesmo autor: L’extermination des déportés arméniens ottomans dans les camps de concentration de Syrie-Mésopotamie (1915-1916), la deuxième phase du génocide, en Revue d’Histoire arménienne contemporaine II (1998). Mapa dos campos de concentración , en, J.M. Winter, profesor en Yale, America and the Armenian Genocide of 1915, Cambridge University Press (Janeiro, 2004).
- ↑ Ibid.
- ↑ Ibid.
- ↑ Balakian. Burning Tigris, pp. 244–245, 314
- ↑ Nas súas lembranzas, Morgenthau observou "cando as autoridades turcas deron as ordes para estas deportacións, eles daban simplemente a autorización de morte a unha raza enteira; entendíano ben, e, nas súas conversacións comigo, non fixeron ningunha tentativa de cubrir tal feito. Son confidente que a historia enteira da raza humana non contén ningún episodio tan horrible como este. As grandes matanzas e persecucións do pasado parecen case insignificantes cando se comparan ós sufrimentos da raza armenia en 1915."
- ↑ Balakian. Burning Tigris, p. 191
- ↑ Dadrian, History of the Armenian Genocide, p. 349
- ↑ - Reuters - "Armenia Rejects Turkish Proposal for Genocide Study"
- ↑ BBC News — "Author's trial set to test Turkey" — 14 Decembro 2005
- ↑ OurArarat.com - "International Affirmation And Recognition Of The Armenian Genocide"
- ↑ Francia: avanza unha lei que castiga a negación do xenocidio armenio en Diario Clarín
- ↑ Cilicia.com - "Kurdistan Recognizes the Armenian Genocide"
[editar] Referencias
- Akcam, Taner, From Empire to Republic: Turkish Nationalism and the Armenian Genocide, Zed Books, 2004
- Akcam, Taner, A Shameful Act: The Armenian Genocide and the Question of Turkish Responsibility, Metropolitan Books, 2006
- Balakian, Peter, The Burning Tigris: The Armenian Genocide and America's Response, 2003
- Bartov, Omer, Mirrors of Destruction: War, Genocide and Modern Identity, Oxford Univ. Press, 2000
- Dadrian, Vahakn, N., The History of the Armenian Genocide: Ethnic Conflict from the Balkans to Anatolia to the Caucasus, Berghahn Books, 1995
- Dündar, Fuat, Ittihat ve Terakki'nin Müslümanlari Iskan Politikasi (1913-18), Iletisim, 2001
- Fisk, Robert, The First Holocaust. In The Great War for Civilisation - The Conquest of the Middle East; (October 2005) London. Fourth Estate, pp.388-436. ISBN 184115007X
- Gust, Wolfgang, Der Völkermord an den Armeniern, Zu Klampen, 2005
- Lepsius, Johannes, Deutschland und Armenien 1914-1918, Sammlung diplomatischer Aktenstücke, Donat & Temmen Verlag, 1986
- Lewy, Guenter, The Armenian Massacres in Ottoman Turkey: A Disputed Genocide, University of Utah Press, Salt Lake City, 2005 (NEW PUBLICATION)
- McCarthy, Justin, Death and Exile: The Ethnic Cleansing of Ottoman Muslims, 1821-1922, 1996
- Melson, Robert, Revolution and Genocide. On the Origins of the Armenian Genocide and the Holocaust, The University of Chicago Press, 1996
- Power, Samantha, "A Problem from Hell": America and the Age of Genocide, Harper 2003
- Wallimann, Isidor (ed.): Genocide and the Modern Age: Etiology and Case Studies of Mass Death, Syracuse Univ. Press, 2000
[editar] Ligazóns externas
- http://www.armeniadiaspora.com/followup/organizations.html — Lista xeral de organizacións armenias.
[editar] Webs que apoian as teses do xenocidio
- Xenocidio Armenio
- Armenian Genocide Institute-Museum (Iereván)
- Libros e documentos sobre o Xenocidio armenio de Gomidas Institute
- Documentos de arquivos do estado alemán do Xenocidio armenio durante a I Guerra Mundial (en alemán e inglés)
- Máis información incluíndo bibliografía, citas e máis
- Testimonios do xenocidio
- Instituto Nacional Armenio
- The Genocide Education Project - Nonprofit Educational Organization
- TeachGenocide.org – Teaching Resources on the Armenian Genocide
- Armeniapedia.org extensive Xenocidio armenio wiki
- French site with works and debunking revisionists
- History, articles, petition, pictures, quotations, forum, videos...
- O Xenocidio armenio en inglés, castelán, francés, alemán, italiano, turco, ruso
- Life stories of twenty survivors of Armenian Genocide
[editar] Media
- Turkey - Facing up to the Past Australian Broadcasting Corporation
- Armenians to mark genocide Rockland Journal-News
- BBC News article Turkey must admit Armenia dead'
- The Armenian Genocide: 90 Years Later Turkey Continues to Deny the Extermination of a People. 22:15 minute Real Audio. Guests: Peter Balakian, Zanku Armenian. Interviewer: Amy Goodman. Democracy Now!. Friday, April 22 2005. Retrieved May 12 2005.
- The Straight Dope: Was there genocide in early 20th century Armenia?
- Professional Ethics and the Denial of Armenian Genocide: Holocaust and Genocide Studies, Vol. 9, Number 1, Spring 1995, pages 1-22, Roger W. Smith, Eric Markusen and Robert Jay Lifton.
- Obelus.org Remembering the Armenian Genocide
- Vahakn Dadrian responds to Guenter Lewy Guenter Lewy published an article in the Middle East Quarterly (Fall 2005) disputing the appropriateness of the Genocide label.
[editar] Webs que rexeitan as teses do xenocidio
- Turkish Weekly
- Turkish Historical Society
- Armenian Issue discussed by the Turkish Ministry of Culture
- Articles from the Assembly of Turkish American Associations
- Armenian Issue discussed by a Turkish Research Institute - Center for Eurasian Strategic Studies
- "Tete de Turc" French site with lots of articles rejecting genocide thesis
- Official Turkish site containing Ottoman archives regarding the issue
- Armenian Issue Allegations-Facts
[editar] Media
- Faruk Logoglu's article on Washington Times:To reconcile Turks and Armenians O. Faruk Logoglu is the former ambassador of Turkey to the United States.
- Dr. Sedat Laciner's article on The Journal of Turkish Weekly:The Armenian Issue: Inventing a Past Dr. Sedat Laciner is a member of Turkish Armenian Relations National Committee and International Strategic Research Organization.
- Bruce Fein's article: An Armenian and Muslim Tragedy? Yes! Genocide? No!
- Revisiting Armenian Genocide by Guenter Lewy Guenter Lewy is professor emeritus of political science, University of Massachusetts, and the author of The Armenian Massacres in Ottoman Turkey: A Disputed Genocide (University of Utah Press, 2005).
- Statement by Turkish Ambassador Nabi Şensoy on the PBS Program "The Armenian Genocide"
[editar] Estudos independentes
- Track Two Diplomacy Program in Turkey and the Caucasus by Center for Global Studies, American University
-
- Mutual Perceptions Research (Armenia/Turkey) (*.doc file) "The Turkish Economic and Social Studies Foundation (TESEV) and the Armenian Sociological Association (HASA) have organized a Mutual Perceptions Research Project. Each group is carrying out sociological research to identify key issues of cultural understanding between the neighboring countries, including the perception of Turks by Armenians and of Armenians by Turks. The study focuses on the perceptions of the majority populations in each country. The combined results will constitute study findings. Representatives from each team met in Yerevan and fieldwork was undertaken in both countries. The results of the research were presented at an international seminar jointly organized by TESEV and HASA in Tbilisi, Georgia."
- International Center Transitional Justice (ICTJ) report Turkish Armenian Reconciliation Commission (TARC)
-
- Full report (*.pdf file) Armenian and Turkish versions of the report are also available on the above mentioned website.
- The Genocide against the Armenians 1915-1923 and the relevance of the 1948 Genocide Convention Report by Professor Alfred De Zayas, ex-secretary of the United Nations Human Rights Committee.